12.7.06

O Relato (Sexta Parte)

>>A Dana xa sabía o que facer. Entón comezou a crea-las fórmulas para o feitizo máis ruín e poderoso xamais visto, mentres daba ordes ós seus sevintes. Os seus fieis Fomoriáns e os seus Dananns terían que, pouco a pouco e sen ser tidos en conta, enfrontar ás distintas faccións de descendentes de Milé que habían na illa. Non penses que isto foi unha tarefa de dias ou anos- negou co dedo o vello-, pois as distintas tribos de Erinn, ó vir dunha mesma caste, tiñan unha excelente relación de paz e harmonía. Pero, ó cabo dos séculos, a xenreira e as envexas comezaron a nacer nos corazóns dos descendentes daqueles que un día loitaran xuntos.

>>As distintas tribos comezaron a loitar entre elas por pequenos desacordos, ou por malentendidos ou simplemente por que sí. Os servintes da Dana fixeran un bo traballo. Para daquela o Señor dos Tuatha tiña rematado o seu terrible feitizo. Con el remataría cos advenedizos que lle roubaran a súa illa. E tanto que o faría...

>>Os anos pasaban e as batallas multiplicábanse por toda Erinn na loita de irmán contra irmán. Nas non tan lonxanas Terras de Scot naceu un neno, ó que chamaron Angus, pertencente á familia dos Meic Nally, que eran descendentes de Scot fillo de Milé. Foi un neno especial dende o primeiro: naceu un día en que a Lúa tapou ó Sol. A súa nenez foi estrana, pois describía perfectamente lugares de Erinn nos que nunca estivera, recoñecía coma súas armas e frautas que foran do seu bisavó, e alén. Lembraba feitos e os describía coma se tivera estado alí, aínda que ocorresen centos de anos atrás, e os cantaba cunha voz que podería se-la do mesmo Aimhirgin. Algúns crían que os deuses lles tenderan unha man, mentres que outros, os druidas entre eles, non sabían nin qué facer nin a qué aterse.

>>A tribo dos Meic Nally tiña unha relación de amizade coa dos Meic Brigg de Erinn. Tanto o comercio coma o casamento entre membros dos dous clans deran como resultado un mutuo respecto e consideración. Foron os Meic Brigg quen lles falaron das loitas que estaban xurdindo entre as distintas tribos, pois estas comezaban a ser demasiado continuas. Moitos ni sequera sabían por qué loitaban. Simplemente o resto eran inimigos, e a loita de Irmán contra Irmán continuou.

>>Cando Angus Meic Nally contaba con dezanove invernos soñou cun ser maligno que roubaba almas.

-¿A Dana?- preguntou en voz baixa o neno, coma quen pronuncia un nome prohibido.

-Non soubo quen ou qué era, pero obviamente tiña que ser a Dana. Angus era un rapaz especial, e polo que contaban tiña as virtudes dos descendentes de Breogán. Non era moi alto, disque, pero era ancho de ombreiros; tiña o pelo negro , longo e crecho, e uns ollos escuros que fitaban todo cunha curiosidade sen igual. Despois daquel sono, o rumbo da vida de Angus deu un xiro. Comezou a falar coa xente dun perigo soterrado que remataría cos descendentes dos fillos de Milé se non facían algo. Moitos da súa tribo tomábano por un tolo, pero uns poucos, os máis novos, vían algo nel que lles obrigaba a crelo. Co tempo, os Meic Nally acabaron vendo certos motivos de preocupación, xa que as loitas entre tribos multiplicábanse. As verbas de Angus comezaban a ter senso.

>>Pero as chamadas de alerta da tribo da Terra dos Scots chegaron tamén á atención da Dana. En Erinn librouse a batalla de Sannt Cath entre clans. Alí moitos morreron a mans dos seus propios familiares. Unha batalla, claro, na que a Dana tiña todo que ver, pois foran os seus servintes os que, co subterfuxio, remataran enfrontando nunha grande batalla a sete dos grandes clans de fillos de Milé. Tres deles quedarían exterminados por esta absurda batalla.

2 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.