25.7.07

Feliz Día da Patria

Coa data da saída do xogo tan perto estame a vir sempre ao pensamento unha cita dun autor que tamén gustaba de escribir en Galego, pero que tamén se adicaba a debuxar e politiquear un pouco.

Esta cita sería perfecta para As Crónicas de Gáidil, posto que tanto Amra coma min pensamos que recolle todo o noso pensamento e sentimento sobre a nosa obra, e cito:

"Ós mozos galegos,
Eu quero adicarvos esta miña primeira novela. Fíxena para derramar o tempo que me sobraba, máis que para sentir o gozo de crear unha peza de arte. Prestóume horas de vida feliz e xa me daría por satisfeito co que me divertín ó escrebila; pero foi imaxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bó. Estóu seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería ofrecervos nada mellor".

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, limiar de Os dous de sempre (1934).



Se tras morrer é todo coma eu penso, e hai un Alén como eu o imaxino, buff... pedazo partidas de rol imos botar con este Home!

Veña, desfrutade deste día!

24.7.07

Uruk-hai soltos por Compostela

Non era un señoriño disfrazado. Nin Lawrence Makoare nin contos chinos. Ese tío era un uruk-hai solto por Compostela.


Co gallo da exposición da Fundación Caixa Galicia de "O Señor dos Aneis" en Santiago e n'A Coruña, o actor que interpretou a Lurtz e a Gothmog na Triloxía baseada na obra de J.R.R. Tolkien paseóuse hoxe pola zona vella de Compostela ante a mirada atónita e divertida de cantos polo seu camiño se cruzaron. A pesar da maquillaxe e da calor que debía estar pasando foi todo un "showman" e amosou un sentido do humor enorme...


... sobre todo cando lle dixen, xunto aos meus sobriños, aquilo de "I know your face... You killed Boromir! I don't like you!" e el rachou a rir.

No universo Tolkien ese personaxe, o de Lurtz na película de Peter Jackson, non existe. Boromir morre a causa das feridas de múltiples inimigos, non polo ataque dun líder uruk carismático. Pero o detalle do director de poñerlle cara a ese ser malvado que acaba cun dos mellores personaxes de toda a saga é un detallazo. E telo diante, un puntazo!

20.7.07

Miríada

Estes días tivemos varias novidades, entre as que se contan o proxecto de portada para o xogo. O pasado día 18 tivemos unha reunión (máis ben unha quedada de longa e variada cháchara, cun prato combinado metido entre varios cafés e unha algara na Librería Paz) en Pontevedra con Víctor para ultimar certos detalles, como son a ficha de Protagonista e os mapas, tanto o xeral do Mundo de Gáidil, coma o específico para a zona da Gael-leach.
A ficha de Protagonista é o lugar onde o xogador apunta os datos do seu personaxe, xa numéricos (un +3 en Corpo, un +2 en Espada de Anteas), xa os narrativos (Fión Lousada, da caste dos lemavos, servinte do Grande Breogán, ferreiro sen igual en toda a Gael-leach). É importante que sexa vistosa. As primeiras fichas de rol que recordo adoitaban ser táboas sen máis. Lembro a curiosa ficha do xogo futurista Traveller, que tiña a particularidade de que imitaba un impreso de datos estilo os de inscripción a unhas oposicións, e quedaba xeitoso. Pero outros xogos como El Señor de los Anillos ou Runequest tiñan fichas moi áridas. Agora estílase que teñan deseños e debuxos, ou que alomenos teñan algunha referencia co xogo (a do xogo español de cine negro moderno sLAng, por exemplo, ten aspecto de ficha policial). En fin, a ver con qué xenialidade nos sae Víctor.

Por outro lado seguimos agardando a que dende Viñetas nos confirmen o día da presentación, así coma un par de entrevistas para falar un pouquiño do tema e dalo a coñecer.

Un dato curioso da quedada con Víctor foi poder coñecer a Kiko Da Silva, enfrascado na tarefa de ilustrar a Biblioteca de Pontevedra, que coñecía o noso proxecto. Convidados por el e ao redor duns refrescos puidemos falar un pouco de se Galicia estaba preparada para algo deste estilo, de qué difícil está todo, pero de cómo querendo e pelexando se poden sacar cousas adiante e poder "facer país" cada un ao seu xeito aínda que sexa cun só gran de area.

16.7.07

Para o meu curmán Xurxo, que está pachucho

Habendo ou non habendo pedras por onde sexa, aí van...

Unha de cal



E unha de area



Mellórate tío!

15.7.07

Rexurdimento (II)

Polo ben que saíu o ano pasado, pois tocaba. Darkkonum, de Galicia Rol, infórmame de que a segunda edición de Irmandiños: A Revolta está en marcha por parte da Dirección Xeral de Xuventude e de, como non, 13Negativo.

Repetimos en Monterrei do 5 ao 7 de Outubro, cunha idade límite de 30 anos, que supoño que acabarán ampliando coma o ano pasado (eu este ano cumplo 30 e vou ser, coma dicía Golias de Ferrol "roleiro de asilo da terceira idade", que non me priven os anos do vicio, por dios!).

En fin, como xa dixera alá atrás agardo que conten un pouquiño con máis xente, sobre todo cos dos clubes de rol, para facer de personaxes secundarios e darlle vidilla á trama. A aventura de Monterrei do ano pasado só pedía un pouco menos de planificación (no sentido de que a acción ía por escenas, e os xogadores nos tiñamos que amoldar a elas, sen saírse de aí: "ás 12 imos dafender o castelo; pero é igual que saias antes, que os irmandiños até as 12 non chegan") e un moito máis de roleo... poder sentirte parte de esa aventura coma personaxe que a está a vivir e non só facer unha ginkana con xente a espadazos de gomaespuma.

En fin, confío en que a xente de 13Negativo aprendese de erros, mellorase en ideas, pero que siga sempre co espíritu de continuar con este tipo e estupendas iniciativas (para cando outro de Vampiro: La Mascarada?) e que siga habendo unha Dirección Xeral que as apoie.

14.7.07

Cthulhu Fhtagn?!? ou "Está berrando esa explosión?"

Vexo isto do blog de CP e claro, flipo. Investigando sobre o Ethan Haas atopo puzles, mensaxes estranas e un trailer que me deixa clavado por unha razón: leo nun foro americano que esa explosión que berra pode ser Cthugha: un dos deuses primixenios.


Podería ser que o 18 do 1 do 2008 se estreara unha película de amplo presuposto sobre a obra de H.P. Lovecraft dun xeito explícito?

Mentres tanto eu rezo ante o Cthulhu que teño no meu estudio para que algo así se faga realidade.

13.7.07

Viñetas (e II)

A Editorial infórmanos de que podería haber un acto breve de presentación de As Crónicas de Gáidil alá polo 14 ou 15 de Agosto nas Viñetas desde o Atlántico. Qué nervios!

Por outro lado estivemos facendo mil correccións do texto e Víctor ultimou as ilustracións que faltaban, entre elas unha posible portada. Xa parece que queda menos e que o proxecto será algo "físico". Xa temos ganas de telo nas mans.

En fin, a ver como sae todo.