31.12.07

5 Principais "ques".

1- Que todo vaia ben.
2- Que non falte o traballo, e que nos guste no que traballemos.
3- Que os proxectos vitais que emprendamos tiren para adiante a pesar dos obstáculos e de quen nos obstaculice.
4- Que quen teña que lembrar lembre, e quen teña que esquecer que esqueza; que lembremos a quen teñamos que lembrar e que esquezamos a quen teñamos que esquecer.
5- Que non teñamos que poñernos a pensar, parafraseando ao Guerreiro Número 13, en oracións coma esta: "Por todo o que debimos pensar e non pensamos; por todo o que debimos dicir e non dixemos; por todo o que debimos facer e non fixemos...".

Que o 2008 vos traia moita felicidade.

17.12.07

O mellor de cada casa...

... entre os que se contan Amra o León, o Breogán de Gáidil e, como os mellores artistas convidados do mundo, a J.R.R. Tolkien e a R.E. Howard deséxanlles a todos e todas...


FELIZ SOLSTICIO DE INVERNO!!!

PD para puristas: igual pode resultar un tanto chocante que amantes coma nós das obras desdes dous Deuses da Literatura Universal fagan isto... pois se pode tomar como escarnio. Nada máis lonxe da realidade. A razón disto é simple: se non podemos escribir coma eles, alomenos bailar xunto a eles. Vai por Vós, Mestres!!!



12.12.07

Inspiracións inversas

Despois de facer as partidas de presentación de Gáidil en Metrópolis Comics de Ferrol o mes pasado tivemos a ocurrencia de ir tomar algo por aí para falar do evento.


Estiven bastante rato falando co Gran-Polo-Métal, e puiden coñecer os seus pareceres con respecto a moitos aspectos do xogo (sobre todo Maxia e Combate). Un deses aspectos que lle fixeron moita gracia foi a inexistencia dunha reserva de "puntos de maxia" ou "puntos de poder" coma en outros grandísimos xogos coma o Runequest ou o Rolemaster. En Gáidil tes dúas tiradas simultáneas para saber se o teu feitizo ten éxito: unha de Elaboración (na que se sabe se o efecto desexado resulta ou non) e outra de Folgos (na que, basicamente, saberemos se cansamos por lanzar o feitizo). Se fallamos esta tirada de Folgos perderemos Saúde en termos de cansazo. En resumidas contas: fallar as tiradas de Folgos fai que poidas chegar case a morrer por usa-la maxia. Quen algo quere algo lle custa.


Outro do que falamos tamén un longo rato foi dos Cazadores do Sidhe. A nosa visión dos Cazadores é moi escura, xente á que non queres perto (porque se andan perto é que hai problemas), pero que cando hai problemas os buscas por todos lados. Un pouco como Gandalf, que só chega para avisar de que se achega a Tempestade.
En fin.
O Gran-Polo-Métal vía nos Cazadores do Sidhe un tipo de personaxe con moito potencial, e que daría gusto xogar. Pero o mellor é que logo me comentou que estaba enganchado a certa saga escrita por Andrzej Sapkowski ao redor do personaxe Geralt de Rivia, unha especie de bruxo que ten por traballo ir cazando monstros e criaturas similares de aldea en aldea.
Visto o visto, e entendendo tamén aos Cazadores do Sidhe como guerreiros-bruxos (que non teñen porqué, ollo), vemos moitas similitudes entre os bruxos desta saga e os nosos mata-bechos particulares.
Pola miña parte xa me fixen cos tres primeiros libros (El Último Deseo, La Espada del Destino e La Sangre de los Elfos) e en canto poida cometarei algo máis deles. Tamén falarvos, a todos eses amantes dos xogos de ordenador, do xogo The Witcher, baseado nas aventuras de Geralt.

En canto ás partidas xogadas tanto en Metrópolis Cómics como a esas primeiras xogadas nunhas xornadas de Rol nas Catro Mesas, cando teñamos un pouco de tempo as colgaremos no grupo yahoo para desfrute de todos (ou case).

Un saúdo dende Libredón.

Nota ao pé

A ver... que parece que non queremos decatarnos. Parece mentira... Canto máis tiras para un lado máis che veñen detrás a amolar. Que non... que non me apetece que veñas por aquí. Dicía a miña avoa aquilo de "Unha vella dixo a outra polo burato da porta: métete na túa vida que a miña nada che importa", i é unha verdade coma un templo. Cada un polo seu lado, e todos contentos.
Mira, pensa no tempo que aforras en non escribilo, e o tempo que me aforro eu en borrarcho porque, sinceramente, xa nin os leo. Vaite, fai favor, e non volvas.

Mira que me fastidia o pitido de oídos.

7.12.07

Porque tamén hai roleiras (e Gaidileiras)

Adicado a todas as roleiras en activo e todas as roleiras potenciais. A todas as que o foron e a todas as que o serán, ou volverán a selo. E sobre todo á miña hot girl roleira gaidileira particular.


E esta vai sobre todo para ti, pollo (ben sabes quen digo)!

(Roubado de Marcus-punto-es)

2.12.07

Colaboracións

Este sábado, como xa contara, Amra o León máis eu estivemos como humildes colaboradores nos primeiros Encontros "As Catro Mesas", no local social do Ensanche compostelán.

Comezou cunha mañán un pouco parada, e cunha mesa redonda (case unha reunión de complotadores) moi interesante na que saíron temas que poden derivar en cousas xeitosas para a afección (hai veces que os dragóns comezan a che quedar pequenos, que un só dungeon non chega, ou que a mesma taberna de sempre coa mesma taberneira ridícula, sen xeito e de cú enorme traendo o mesmo guiso de coello -que igual é gato- non é suficiente).
Moitos xogos de estratexia (Warmachine, Infinity, Warhammer), moito taboleiro (Catán, Zombie), cartas (Munchkin) e, ante todo, rol.

Despois de xantar na zona nova servidos polo camareiro máis dicharacheiro de todo o Ensanche e na mellor das compañas (Jan, Amra, Bélit, Foucellas e Malicia) e dun lixeiro paseo, acudimos á cita.

Primeiras partidas oficiais de As Crónicas de Gáidil nuns Encontros. Dúas partidas que, polo falado, deixaron moi bo sabor de boca a todos os participantes e, agardamos, un rato agradable de rol e diversión. Moito que agradecer aos terribles e feroces gardas custodios da mesa de Amra (Fran, Patricio, Tona e Adrián) e aos benditos por Lugh Brazolongo da miña mesa (Arturo, Andrés, Moncho, Miguel e Serxio).


Un saúdo dende Libredón!

PS: Por certo, agardo que vos guste o novo aspecto do blog.