Mostrando entradas con la etiqueta Arte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arte. Mostrar todas las entradas

20.4.08

Chairde


Porque son o máis importante cando son verdadeiros, aos amigos hai que mantelos e querelos. Temos entre eles novas adquisicións (chegados o 17 de Abril) e outros que veñen a compartir inquedanzas e afeccións de cando en vez ou que veñen de acelerar partículas noutros países. Pero todos son benvidos.

2.10.07

Xa temos o manual!!!





O manual é impresionante, algo fóra de serie dende o meu punto de vista totalmente subxectivo e partidista. Encántame.
Ten a particularidade de que non parece un xogo de rol 100% (é dicir, non ten o aspecto clásico dun manual de rol) e, tal e como dixo Bishop onte, "parece case unha mestura de xogo de rol e libro de ilustracións".
Agardamos que pouco a pouco vaia chegando ás tendas. Tendas que, por outro lado e segundo a Editorial pretende, non só serán especializadas, senon tamén convencionais.
A verdade non sei qué cara vou poñer se algún día vexo na estantería de Couceiro ou Follas Novas (por poñer dous exemplos) As Crónicas de Gáidil.

Saúde!
PS: Lembrade os que vaiades a Irmandiños este ano contar como foi a experiencia!

23.8.07

The Chronicles of Gáidil: Where World Ends, Adventure Begins

Por medio da Difusora enterámonos que a Consellería de Cultura está a desenvolver un proxecto chamado "Libros que Viaxan" (a web, inactiva a día de hoxe, é esta).

Trátase dun portal para a presentación de libros en galego ao exterior. O asunto está enfocado sobre todo para a venda internacional de dereitos de libros en galego para a súa tradución, e a editorial (mira que mola que te chamen ao teléfono fixo e dicir aquelo de "perdoa, é que estou falando co meu editor polo móbil, chámote despois", como nas películas!) confiou n'As Crónicas para isto. A ver se gusta no país e podemos pasar logo a unha tradución a chino mandarín ou algo así.

Por outra banda xa temos os dous mapas que irán incorporados no libro (o xeral de Gáidil e o específico para a zona da Gael-leach) e a Folla de Protagonista, perpetrado todo polo sen par Rivas. Os mapas quedaron moi ben, a verdade. Xa llos ensinamos a algúns colegas e deron o seu visto e prace obxectivo, cousa que para nós é moi importante. En canto á Ficha a verdade é que quedou perfecta. Só terá unha cara para simplificar a cousa, pero quedou moi sinxela e á vez moi lucida, sendo das fichas máis cómodas sen ser simplemente unha táboa de Excel que vin en tempo. Conta con debuxos no interior que a fan vistosa, pero que non son molestos, á par de ser moi intuitiva: localizas todos os datos que precises nunha ollada. Cando esté rematada de todo (falta elexir a tipografía do encabezamento) se podo a colgo para que a vexades. Os mapas os deixo para que os vexades no propio libro.

Un saúdo.

12.6.07

Xentes de Gáidil

En resposta á pregunta que o excelso Fravernero nos lanza ("Cales son os pobos inimigos da xente de Gaidil?"), dicir que nalgúns dos post xa falamos deles.

O Inimigo por excelencia é a Dana, un ser maligno supervivinte do Outro Mundo. Non se sabe moi ben como, pero foi quen de colarse en Gáidil, roubando algunhas Sementes que o Home-Carballo Drú usou para dar vida a todas as criaturas.
O Drú pretendía pranta-las á Luz de Lugh para que naceran rectas, firmes e bondadosas. A Dana só as puido prantar na escuridade do Sidh Inframundo, por iso esas Sementes xermolaron tortas, con xenreira e malignas.
Os máis poderosos deses seres son os Tuata da Dana, uns seres sen forma que poden adoptar diferentes aspectos, todos eles temibeis. Por debaixo están os Fomoriáns, dos que hai moitos tipos.
Os Fomori son seres de aspecto parecido aos guéghel, pero de cor azul e con rasgos bestiais. Teñen un estrano código de Honor e unha sociedade moi estratificada, recoñecible entre eles polo ouro que levas xa sexa en armaduras, pendentes, aneis, armas... Dentro do Sidh Inframundo podemos atopar máis seres, pero polo dagora están acubillados agardando a súa oportunidade.

Nas terras superiores os inimigos máis notables son os Lonbagdáir e os Toisona. Os primeiros viven alén dos Montes Arrebolados, ao este da Gael-leach. Son homes besta que adoitan lanzar razzias contra as terras dos Piornais, dos Chairegos, Lugóns e Lemavos. Só moi de cando en vez un líder carismático é quen de xuntar varios clans, e aí é cando xorden os problemas serios.
Os Toisona viven ao sur-este da Gael-leach, e eran un clan de guéghel que se rebelou en contra do Breogán e, enganados pola Dana, atacaron a varias castes do sur, incluíndo aos Lusóns e participando no asasinato do Breogán que había nos tempos dos avós; morte que desembocou no Inverno dos Lobos (momento no cal Gael-leach quedou sen Breogán durante varios anos e do que xa daremos conta). Hoxe por hoxe os Toisona viven moi dispersos, xa que as súas terras acabaron arrasadas polo Mal.

Este é un avance... outro día falaremos doutros servintes do Mal, ou directamente vos enfrontaredes a eles nas perigosas terras da Gael-leach!

11.6.07

Lugh

O Universo e a Vida en Gáidil son algo circular. Hai un ciclo, e sempre se retorna. Antes de Gáidil había Outro Mundo, pero así como naceu tiña que morrer. Para que isto ocorra existe algo chamado A Semente do Espírito. Non se sabe o que é: nin forma, nin tamaño, nin nada. No noso mundo moitos lle chaman Graal, pero só son lendas.
Só un en toda Gáidil sabe o que realmente é: Lugh o Vello. Sábeo porque Lugh era do Outro Mundo.
Cando o Outro Mundo esmorecía, xurdeu a Semente do Espírito. Nese momento mil guerras asulagaron aquel lugar... todos loitaban por posuír a Semente e, entre todos os cascallos, só Lugh o conseguíu.
O Outro Mundo estaba totalmente destruído, un baldío sen vida, un deserto infinito. Foi entón cando Lugh prantóu a Semente no chan, e a regou coas súas bágoas. Desa Semente xurdeu un novo Mundo e, de novo, a Vida.
Por todo isto se di que Lugh foi o Derradeiro dos de Antes e o Primeiro dos de Agora.

2.6.07

O Mar dos Monstros

Ao sur de da Gael-leach queda Lusia, terras antes reclamadas polos lusóns, agora perdidas ante o poder da Dana, onde hai un enorme mar interior coñecido polo nome de Mar dos Monstros. Cóntanse cos dedos da man dun aserrador o número de aventureiros que foron quen de atravesalo e chegar ao descoñecido Sul.
Algúns dos seres que habitan este Mar son o suficientemente arroutados como para atravesa-lo estreito chamado A Gorxa do Dérrou e subir até as costas dos Helenos, dos Teucros, dos Cilenos... atacar os barcos de mercadorías dos Aunios, dos Sicaeos...

E, entón, só algúns teñen o valor suficiente como para enfrontárense a eles. A eses que o fan téñenlle un nome: Herois.

23.5.07

Detrás de Maio vén San Xoán

Ou iso di sempre a miña avoa Carmela, que cos seus 91 anos diso algo sabe.

Apalabrado nos deixaron que "As Crónicas de Gáidil" ten asegurada a publicación detrás do verán, cecáis cunha presentación formal no Salón do Cómic de Coruña, Viñetas desde o Atlántico, se os deuses así o permiten.

Agardemos que todo vaia como debe, e poidamos xa desfrutar nas nosas mans do xogo e de ilustracións coma esta, onde os actos máis prosaicos e cotiáns dos guéghel (como por exemplo "desaloxar") poden ser motivo de sátira para os pequenos e pícaros Loios das fragas.
Namentres seguiremos comentando eiquí tódolos pormenores desta pequena odisea, así como os aspectos que consideremos interesantes do libro.

17.5.07

Tería sido fermoso...

Que puideramos anunciar neste día das Letras Galegas 2007 a publicación do primeiro xogo de rol en galego como tal... pero se nos escapou a data por diversos motivos que, persoalmente, non pensei que puidesen retrasarnos tanto e que non podo evitar que me quenten a cabeza.

Pero en fin, a desfrutar todos desta festa: Feliz Día das Letras Galegas a todos!

15.5.07

O Trono de Carballo

Hai un lugar en Breogantia, alá ao norte contra o Mar, onde hai xa centos de invernos medrou unha estrana semente. Disque foi o mesmo Drú, o Home-Carballo, quen lla entregou ao Breogán que daquela mandaba nas terras da Gael-leach.
O Breogán a plantou e, co tempo, xermolou. Un grande carballo naceu e medrou, elevándose moitas varas no aire, até ser máis de vinte veces coma un home. Cando morreu aquel Breogán, que fora un dos mellores que se lembran, contan que do rei sol, Lugh o Vello, prendeu lume ao carballo con carraxe e moi enfadado. Pero a árbore non se consumíu, as súas pólas arderon. Os guéghel construíron unha torre ao redor para protexer a árbore, que serve tanto como faro como tamén símbolo da permanencia do rei e da terra, xa que a árbore é o Trono do Breogán.
Chamáronlle a Tor Breogáin, ou Torre do Facho Aceso.
Hoxe, en todas as capitais das grandes castes hai un carballo protexido por fións que serve coma trono do Breogán en caso de visita.

25.4.07

Mass Media (e 2)

Estamos agardando por pósters ou cousas así para poder comezar unha publicidade como Lugh manda, pero mentres tanto xentes como Buliwyf están aí crendo nun proxecto coma Gáidil en lugares coma este.

Mil gracias, Car-Peito!

27.3.07

Gáidil Go Bragh!



Máis de Rivas, con diversos guéghel.

25.3.07

Mapa da Gael-leach

Incompleto e en plan chapuza, pero qué carallo!



Este é sobre todo para ir mirando onde cae cada sitio. Hai moitos máis lugares que faltan neste mapa (O Castro das Aciñeiras, a Baiuca do Salgueiro Falador, O torreón do Baol'Engo...) pero supoño que pouco a pouco se engadirán a medida que o mundo medra. O chiste destas cousas é cando as deixas voar, e o mellor de todo é xa un día no que escoitas unha conversa sobre "o castro cheo de mortos vivintes que hai preto de Lug e que está en guerra cos piornais de pelo verde aliados dos limicos" e do que ti (como creador e deseñador do mundo) non tes nin idea.

23.3.07

Mapa de Gáidil "de batalla"

Este foi o primeiro mapa "oficial" de Gáidil. O debuxou Amra hai un par de anos para a versión "seria" que mandamos ás editoriais. Agora, despois de facer uns cambios pequenos e algúns interesantes engadidos, estamos á espera de ver con qué nos sorprende o sempre impresionante Señor Rivas.



Outro día, o da Gael-leach.

Un saúdo a todos.

19.3.07

Máis cousas



Seguimos co curre. Agora toca seguir revisando textos, acabar un mapa xeitoso de Gáidil e da Gael-leach, pequenas correcións... pero hai que ir a morte!

14.3.07

Dentes Cairos


Primeiros traballos sobre a ilustración.