25.6.07

Viñetas desde o Atlántico

Décima edición xa das Viñetas desde o Atlántico.


Este ano toca do 13 ao 19 de Agosto.
A ver se podemos chegar e presentarvos alí "As Crónicas".

20.6.07

Rexurdimento

Hoxe sae no Diario de Pontevedra unha entrevista a Xane e Xabier, de Tuata dé Danann. A iniciativa que tiveron de montar un blog de actividades xa é vella, pero saír na prensa é sempre útil para elevar o número de xente á que chegas (que obvio). O malo é cando ao xogo de Rol os xornalistas lle chaman "roll". Só lle faltou o Rock.

Está ben ver que hai un rexurdimento dos clubes de Rol. Nos '90 era diferente... había, penso eu, máis Encontros e Torneos, pero eu non percibía a infraestructura que vexo agora nos clubes: partidas de Rol en Vivo regulares, presencia a nivel concellos para participar en certos actos (como na Feira Franca de Pontevedra), contacto man a man coas tendas, actividades variadas (xa non xogar, senon compartir cultura). Agardo, por exemplo, que se teña en conta ao clubes de rol de Galicia para a vindeira edición de Irmandiños: A Revolta, alomenos para que haxa máis variedade de personaxes secundarias.

E a xente anímase. Debe ser que o Rol xa non é algo tan alleo. A mediados-finais dos '80 cando empecei a xogar os termos eran moi exclusivos. Rol era Rol, e punto. Os libro-xogos entraban aí un pouquiño pero, aínda que moitos leron libro-xogos de cativos non se consideraban "roleros".
Agora todo é distinto. Hai milleiros de xogos de ordenador e consola que "son de Rol", e a xente xa vai pillando o concepto de diferente maneira.

O mal chamado "asasinato do Rol" foi un hostión de fronte para moitos dos que daquela eramos afeccionados en serio. Amra me ten contado dalgún coñecido del ao que lle chegaron a queimar os manuais.
Hoxe por hoxe está todo bastante asimilado e se un crime se relaciona rápidamente "con eso del rol" pois o listo que o fai queda marcado de sensacionalista e alarmista.

En fin, que me aledo moito polos clubes Tuata dé Danann de Pontevedra, Fénix de Vigo, Casco Vello de Compostela, Aquilonia en A Coruña, e por Ossián de Ferrol, Ávalon de Ourense, Luzarol de Lugo se siguen existindo (penso e agardo que si).
Editado: Engado na lista a Rinxil, clube de Rol da zona do Barbanza.

Bicos!

19.6.07

Motu Propio

Son mestre "en activo" dende hai uns 6 anos. De neno me falaron tanto en galego como en castelán, pero tentando potenciar o castelán. De adolescente procurei falar galego porque me resultaba máis doado, pero case todas as miñas amizades foron en castelán, i eu falaba castelán por aquilo da "cortesía da linguaxe". Na carreira falei sempre galego, e o chiste foi que castelán-falantes fálanme dende aquela en galego pola antes citada "cortesía da linguaxe"... qué cousas. No traballo falo exclusivamente en galego, incluso cando por dúas veces din clase en Coruña e me miraban raro até os nenos. Coa familia falo máis galego agora que antes (gracias a Deus sobre todo coa miña avoa Carmela), principalmente porque agora entenden que non vou baixar da burra por moito castelán que me falen.
Cos meus catro sobriños procuro falar todo en galego, por moite que custe nesta sociedade na que poucos debuxos animados ou xogos de cartas ou figuriñas coleccionables están en galego.
En canto ás amizades actuais e ás miñas afeccións, pois depende. Os libros, se os hai en galego, mellor. Procuro falar no que me resulte máis cómodo en cada situación, e máis cómodo aos demais dependendo da mesma. Non me gusta falar o galego para darme a notar ou para fastidiar a alguén (como xa teño visto por parte de algún anormal con xente que non era galega con algún "nembargantes eu coido que..." que era só por amolar... en fin).

En resumo, que me gusta o galego como idioma e, aínda máis, como feito cultural e histórico e penso que debería estar potenciado mil veces máis do que está (coño, por algo estamos Amra máis eu tentando publicar un xogo de Rol en galego!), sen detrimento algún para un idioma co-oficial como o castelán con 450 millóns de falantes.

Por iso iniciativas coma esta DANME NOXO. E por iso berro ben alto que eu son tan gallego, tan gallego como, tan gallego como el gazpacho!

12.6.07

Xentes de Gáidil

En resposta á pregunta que o excelso Fravernero nos lanza ("Cales son os pobos inimigos da xente de Gaidil?"), dicir que nalgúns dos post xa falamos deles.

O Inimigo por excelencia é a Dana, un ser maligno supervivinte do Outro Mundo. Non se sabe moi ben como, pero foi quen de colarse en Gáidil, roubando algunhas Sementes que o Home-Carballo Drú usou para dar vida a todas as criaturas.
O Drú pretendía pranta-las á Luz de Lugh para que naceran rectas, firmes e bondadosas. A Dana só as puido prantar na escuridade do Sidh Inframundo, por iso esas Sementes xermolaron tortas, con xenreira e malignas.
Os máis poderosos deses seres son os Tuata da Dana, uns seres sen forma que poden adoptar diferentes aspectos, todos eles temibeis. Por debaixo están os Fomoriáns, dos que hai moitos tipos.
Os Fomori son seres de aspecto parecido aos guéghel, pero de cor azul e con rasgos bestiais. Teñen un estrano código de Honor e unha sociedade moi estratificada, recoñecible entre eles polo ouro que levas xa sexa en armaduras, pendentes, aneis, armas... Dentro do Sidh Inframundo podemos atopar máis seres, pero polo dagora están acubillados agardando a súa oportunidade.

Nas terras superiores os inimigos máis notables son os Lonbagdáir e os Toisona. Os primeiros viven alén dos Montes Arrebolados, ao este da Gael-leach. Son homes besta que adoitan lanzar razzias contra as terras dos Piornais, dos Chairegos, Lugóns e Lemavos. Só moi de cando en vez un líder carismático é quen de xuntar varios clans, e aí é cando xorden os problemas serios.
Os Toisona viven ao sur-este da Gael-leach, e eran un clan de guéghel que se rebelou en contra do Breogán e, enganados pola Dana, atacaron a varias castes do sur, incluíndo aos Lusóns e participando no asasinato do Breogán que había nos tempos dos avós; morte que desembocou no Inverno dos Lobos (momento no cal Gael-leach quedou sen Breogán durante varios anos e do que xa daremos conta). Hoxe por hoxe os Toisona viven moi dispersos, xa que as súas terras acabaron arrasadas polo Mal.

Este é un avance... outro día falaremos doutros servintes do Mal, ou directamente vos enfrontaredes a eles nas perigosas terras da Gael-leach!

11.6.07

Lugh

O Universo e a Vida en Gáidil son algo circular. Hai un ciclo, e sempre se retorna. Antes de Gáidil había Outro Mundo, pero así como naceu tiña que morrer. Para que isto ocorra existe algo chamado A Semente do Espírito. Non se sabe o que é: nin forma, nin tamaño, nin nada. No noso mundo moitos lle chaman Graal, pero só son lendas.
Só un en toda Gáidil sabe o que realmente é: Lugh o Vello. Sábeo porque Lugh era do Outro Mundo.
Cando o Outro Mundo esmorecía, xurdeu a Semente do Espírito. Nese momento mil guerras asulagaron aquel lugar... todos loitaban por posuír a Semente e, entre todos os cascallos, só Lugh o conseguíu.
O Outro Mundo estaba totalmente destruído, un baldío sen vida, un deserto infinito. Foi entón cando Lugh prantóu a Semente no chan, e a regou coas súas bágoas. Desa Semente xurdeu un novo Mundo e, de novo, a Vida.
Por todo isto se di que Lugh foi o Derradeiro dos de Antes e o Primeiro dos de Agora.

2.6.07

O Mar dos Monstros

Ao sur de da Gael-leach queda Lusia, terras antes reclamadas polos lusóns, agora perdidas ante o poder da Dana, onde hai un enorme mar interior coñecido polo nome de Mar dos Monstros. Cóntanse cos dedos da man dun aserrador o número de aventureiros que foron quen de atravesalo e chegar ao descoñecido Sul.
Algúns dos seres que habitan este Mar son o suficientemente arroutados como para atravesa-lo estreito chamado A Gorxa do Dérrou e subir até as costas dos Helenos, dos Teucros, dos Cilenos... atacar os barcos de mercadorías dos Aunios, dos Sicaeos...

E, entón, só algúns teñen o valor suficiente como para enfrontárense a eles. A eses que o fan téñenlle un nome: Herois.