31.12.08

Cambio de número

Acaba 2008, un ano en xeral malo para cousas importantes, e bo para outras importantísimas.
Valéume para decatarme de moitas cousas, sobre todo con respecto a algunha xente que me rodeaba (para ben e para mal).
Una ano con perdas moi importantes e gañancias que a primeira vista poden parecer pequenas, pero son inversións na vida.
Con todo o que pasou o 2008, para o 2009 pido claridade de visión e de entendemento, recibir do que dás e que os deuses provean.

Unha aperta a todos, pasade boa noite e que o 2009 vos traia do que dades.

9.12.08

EnRÓLate 2008

Este sábado día 6 foron as EnRÓLate 2008 en Goián, organizadas pola A.C. Alifáfaro. Convidáronnos tanto a Amra coma a min, pero o pobre cimmerio fallou a Tirada de Salvación contra Gripe e ao final acudín eu na compaña de Jan de Delft.

Chegamos de primeiros e fumos recibidos por Nerea, presidenta da Asociación. Tiñan alí montado un stand con todo o seu material, dende xogos de rol de Vampiro, Cthulhu, Alatriste ou os Esoterroristas ate xogos de taboleiros e cartas (Catán, Risk, Heroclix...).
A media mañán os vintetantos que alí estabamos comezamos unha mesa redonda centrada nas afeccións que nos unen: rol, wargames, xogos de taboleiro, cartas, ... Unha conversa moi distinta á que mantivemos cos amigos de Mangalego: en Goián case todos superabamos a trintena, e iso nótase nas conversas. Non por ser mellores ou peores, só por seren distintas.
Falamos un pouco de todo durante un moi bo rato. Sacamos conclusións (alomenos eu) moi interesantes sobre a situación da afección en xeral, e da xente dispar que podemos atopar dentro dela. O delas, mellor falado. Preguntándonos por que o rol perde adeptos frente ao xogos de taboleiro ou as cartas. Cecais pola falta de tempo para embarcarse nunha campaña, mentres que unha partida de Juego de Tronos ou Arkham Horror puntual é perfectamente desfrutable. O nivel de compromiso dun xogador de rol debe ser maior, xa que debe buscar tempo e, sobre todo, ganas. Xogar sen ganas a Warhammer Fantasía pode, como moito, levarnos á derrota. Xogar sen ganas a rol é demoledor para un grupo de xogo. E, á parte de tempo e ganas, hai que buscar á xente axeitada, xa que non todo o mundo vale para isto, ou non con todo o mundo queres compartir esa experiencia: non son o primeiro contacontos que prescinde de xogadores para as miñas partidas por non poder soportalos como persoa.
En definitiva: unha charla moi boa.

Despois dunha comida estupenda no Novo Arroio pasamos ás actividades da tarde: pintado de figuras coa Asociación de Modelismo Celta, Warhammer Fantasía coa Asociación Cultural Mixtura, Heroclix, Bloodbowl, Zombies!!!, Gran Dalmuti, Twister (si, si: Twister!) e outros, cuns trinta afeccionados desfrutando destes Encontros.
Wargameros xogando ao Twister: vivir para ver!

Pintado de Figuras

Ao final Jan máis eu marchamos a iso das dez da noite, e aínda quedaba xente xogando na Wii.

Unha mesa redonda xenial, un xantar opíparo e unha tarde de xogos e charla en excelente compaña. Moitas gracias a Nerea por convidarnos, e a Jesús, Conchi, Raúl, Pablo, Tito, Braulio, Miguel e a todos os demais por estar aí.

1.12.08

Cómics, Tebeos, Banda Deseñada

Os cómics foron para nós dende sempre fonte de inspiración. As historias e as imaxes poden achegar ao noso maxín contos perfectos para calquer xogo de rol. Neste caso para Gáidil.

Pero é curioso canto é un xogo de rol o que inspira. Hai moitos casos, con mellor ou menor éxito. No noso caso estamos presentes na bibliografía dun, para nós, estupendo tebeo: Historias de Galiza.

Xa hai dous tomos, e os dous moi entretidos... moi recomendables e moi aleccionadores.

Por outra banda (deseñada), chégame ao meu email privado (encabezado cun "Estimado Amigo") unha citación para a presentación doutro cómic de tipo castrexo-fantástico o sábado 6 de decembro: Gallaecia, de Miguel Ángel Vigo e Iván Rodríguez. Unha mágoa non poder acudir por mor da cita cos amigos de Alifáfaro. É unha lata que tantas cousas coincidan e non poder acudir a todo!
Gústanos apoiar este tipo de iniciativas, xa que nós mesmos con Gáidil vímonos moi apoiados por todo o mundo, tanto en foros coma no blogomillo. Home, houbo xente que considerou informar da nosa propia presentación do xogo como spam publicitario, pero foron os menos e ben se sabe que non todo o mundo ten os puntos suficientes como para ser pejota.

En fin... Eiquí estamos, apoiando a Miguel e a Iván nesta andaina e agardando poder inspirarnos na súa obra para desfrutar nos nosos propios mundo imaxinarios. Sorte!