Mostrando entradas con la etiqueta Partidas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Partidas. Mostrar todas las entradas

23.11.07

De novo en Metrópolis

Mañán, sábado 24, estaremos pola tarde en Metrópolis Cómics para botar unhas partiducas coa xente que se pase por alí.
Á parte, estamos convidados a unhas xornadas de rol, estratexia e xogos de taboleiro que se celebrarán en Compostela, os primeiros Encontros "As Catro Mesas", no centro sociocultural do Ensanche. Montadas de xeito independente, estas xornadas poden ser un bo pé para outras actividades e para coñecer xente nova e ampliar esa rede social que dende runical se está a levar a establecer nesta cidade.

9.4.07

A Maldición do Río de Amerelle (final)

O río estaba cuberto dunha espuma noxenta e fedorenta que non deixaba medrar ren nas beiras. O río xa non tiña caudal, podendo ser saltado incluso por alguén coma min, pero aínda así non baixamo-la garda.
O ferreiro lemavo saltóuno... o piornal cruzóuno dun só paso. Era o meu turno. O heleno sostíñame para que non caera, e o lemavo esturaba as mans para me axudar. Foi entón cando unha enorme nube vermella xordeu da nada ante os meus ollos, ás costas dos que xa cruzaran. "MOOONSTROOOOO!!!!" berrei, e me deixai caer de costas. O lemavo e o piornal xiraron sacando as armas e encarando a un ser parecido a unha serpe, dun tamaño xigantesco... "ídevos antes de que morrades, necios! A vosa vida non vale nada nestas terras, e a vosa axuda é inútil". Logo de dicir isto, esvaecéuse.

Aínda alerta e cos ollos en cada punto do camiño, cruzamos o río. Pouco despois, e tras de andar pouco máis de dúas carreiriñas de can, chegamos á entrada dun castro en ruínas. Nunha pedra vimos un pequeno homiño, un ser das fragas amigo e parente das fadas e da Boa Xente. Parecía un tanto enfermo e, despois de darlle un grolo de auga máxica, preguntámoslle onde podiamos atopar ao Rei Xulgann. "O rei Xulgann está no castro, pero hai moito que non sae".

Atopámo-lo Rei mentres subiamos en dirección á croa. Só 5 nerios poboaban Amerelle. Era terrible. A Fraga Cerimonial, onde reposaban as ánimas dos que xa non estaban, estaba apodrecida, envelenada. "O río trouxo algo malo, e a xente morreu" dixo, "incluso os nosos inimigos veciños, os do Clan do Xabarín, deixaron de vir porque xa non tiñamos nada para que roubaran... non souben cumplir nin coma xefe nin coma Rei". "Mellor tería estado, noble Xulgann" dixémoslle, "que tiveras estado do lado do Breogán... todo isto non tiña por que acontecer".

Falando con el e cos supervivintes chegamos á conclusión de que o río era o culpable. E non era o típico verquido de purín... o que o envelenaba era algo aínda peor. Os catro puxemos rumbo aos montes onde nacía o río, nun sitio ao que chamaban A Mina. O camiño e a entrada eran moi accidentados, e levei un par de boas rascadas por mor das caídas que me lembrarán tamaña aventura.



Unha vez dentro comezamos a introducirnos fondo n'A Mina. Era unha gruta escura e perigosa. O río era agora un simple regatiño, un fío de auga, e así chegamos ao lugar onde este nacía. A cova ensanchóuse... era un lugar circular, cun pilar no centro de onde pingaba a auga que saía pola cova... ao redor do pilar, enroscado, unha enorme serpe deixaba cae-la súa babuxa no río nacente. Espuma dun fedor incrible que contaminaba a auga e mataba todo o vivo.



Non lle dimos tempo nin a fachendear... o lemavo cargou de fronte coa súa espada e o seu escudo... o piornal ergueu o seu martelo e o heleno cubréuse tra-lo seu escudo redondo e puxo a pica apuntando cara a enorme Bicha. Eu, polo meu lado, comecei a Convocar o lume de Lugh, tentando abrasar ao terrible ser.
Por sorte, o noso ataque combinado a colleu por sorpresa, sobre todo o enorme martelo piornal!

Queimamos todo e purificamo-la auga. Entre oque quedou tan só atopamos restos de capas de pel de xabarín (cecáis da xente do Clan do Xabarín?) e unha gadoupa de metal pequena, a modo de colgante. Seica pertencía ao mordomo principal do Rei Xulgann, un tipo raro que tiña coñecementos arcanos... pode ser que fora el o que invocara a tal terrible monstro?
No amuleto da gadoupa líase en escritura rúnica "Permítaselle a Entrada ao meu Portador ao Interior do Torreón do Baol'Engo". Un arrepío cruzou a miña espalda. O Baol'Engo! Que inconscientes poderían facer tratos cos poboadores desa Torre? Que tolos serían capaces de entrar nos escuros e antigos recunchos dese pesadelo? Quen estaría disposto a chamar nas temibles portas de sangue adornadas coas almas dos que tentaron enganar os do Torreón?



Nós, por suposto. E ese sería o noso seguinte paso.

8.4.07

A Maldición do Río de Amerelle (continuación)

O Grande Druída convidóunos a un pequeno almorzo, composto por froitos, herbas e follas moi saborosas. O lugar era incrible: estabamos sentados na herba, a carón dunha laxe que nos facía de mesa, arrodeados por centos de árbores de máis clases das que coñezo. Un grande carballo se atopaba no centro do claro, e del xordía un chorro de auga que caía ao chan converténdose nun regato que continuaba en dirección ao interior da fraga.



O Grande Druída, despois de despedir a Mórinn, contóunos o problema: ao norte había un castro poboado por nerios. Non estaban xuramentados polo Breogán, pois eran moi independentes. Aínda así eran fieis seguidores do deus Cernunnos e de Lugh, e o Druída tiña fonda amizade con Xulggan, o rei de ese castro. Aínda así, había moito que non sabían deles, e os druídas da fraga estaban preocupados. Mandaron aló mensaxeiros, incluso a fións do Breogán, pero nunca voltaron. Foi así como decidiron, ao cabo, chamar a un grupo de herois. O Druída entregóunos unha Landra Branca, que debiamos entregar a Xulggan para espantar todo mal que puidera ter aparecido no seu castro de Amerelle.

Despois de coller provisións e enche-las nosas cantimploras da auga estrana que xordía do carballo, partimos en dirección norte.

De novo, de xeito máxico, chegamos ao noso destino cunha rapidez abraiante, coma levados polos deuses. A linde dos territorios de Amerelle era un río. Debiamos atravesalo para poder chegar a xunto de Xulggan.
No camiño atopamos unha estrana parella. Dous homes con capas, un cargando con outro, que parecía ferido. Achegámonos a eles e lles desexamos saúde. Os homes, que portaban o símolo da Chama Eterna que os diferenciaba coma Fións do Breogán, miraron para nós e choraron. "Non hai saúde para nós, viaxeiros... mortos somos". O que falaba tiña aspecto de non ter comido en días, pero o outro estaba peor: a súa pel estaba comesta pola peste, coma envelenado por algo. Sen saber moi ben o que facía, dinlle un grolo da miña bota. O resultado foi abraiante: o fión comezou a mellorar ante os nosos ollos, curado do que eles chamaban "A Maldición".



Polo que nos contaron mentres nos ocupabamos deles, ao norte vivía un Mal que non podía ser vencido, e que facía murchar árbores, animais e guéghel. E nin sequera chegaran ao castro na súa viaxe. Alomenos, pensamos, voltarían vivos onda o Breogán para informar.
Decididos a descobre-lo misterio, continuamos o noso camiñar até que chegamos ao río... e o que vimos non era deste mundo.

7.4.07

O Maldición do Río de Amerelle

Viña de recoller herbas preto da Fraga Cerimonial do meu castro, Libredón. O meu físico non era un portento (son baixo e máis ben raquítico), e non era quen de estar moito tempo nestas tarefas, así que pouco antes de caer o Sol voltei ás Portas de Libredón.


Foi alí onde din con catro curiosos personaxes. Dous estaban xuntos: un enorme piornal dos Montes Arrebolados e un lemavo que dicía ser ferreiro, fachendeando ante os muros do castro de seren os que hai pouco mataran a Arnal o Raposo e puxeran en fuga a todo un exército lonbagdáir. Outro dos que alí había era un heleno. Chaman a atención namais velos polos seus curiosos cascos, os escudos redondos, a pica longa dos atlantes e esa mirada chea de orgullo.
Completaba o cuarteto un curioso home adulto, non moi vello, cunha mirada riseira de picariño, pero sincera faciana. Chamábase Mórinn, e estaba na procura de catro herois para unha curiosa fazaña... catro herois entre, sen comelo nin bebelo, me atopaba: "Brelio o Feiticeiro, dos libredóns" dixo, "precisamos a túa sabedoría arcana nesta misión". "Como sabes o meu nome?" preguntei eu. "Alguén porriba de nós envíame na túa procura, e non me gustaría fallarlle". "Logo irei canda ti" respondín, "non digan que o teu fracaso foi por causa miña".

Foi así como me vin inmerso nunha viaxe a unha estrana lubre en territorio dos nerios. Unha viaxe, por outra banda, que durou unha noite enteira pero que para nós tan só durou o que un chiscar de ollos.


Mórinn guióunos até as "portas" dunha estrana fraga. Nesta entrada dous seres se nos presentaron: tiñan corpos coma nós os guéghel, pero as súas cabezas eran de cervo. Sen dúbida eran Oisín, eses escuros druídas servintes de Cernunnos, o deus das fragas, capaces de muda-lo seu corpo en seres da natureza e vixia-los ríos, montes e lubres.


Asegurada a entrada nese místico lugar gracias á presencia de Mórinn, fumos conducidos perante a autoridade máxima desa fraga, o Grande Druída.

3.3.06

A Caída do Castro do Páramo

O castro do Páramo foi noutrora lugar de encontro entre os chairegos de rápidos carros e os lugóns de altas murallas.

Non hai moito, na compaña duns colegas (Buliwyf, e dous máis), ademáis de Amra, xogamos unha sesión de As Crónicas de Gáidil.

Estes tres non sabían moito do xogo (alén de que o estabamos a deseñar), e agardo pasaran unha horas agradables cun Contacontos coma min. Buliwyf era un guerreiro Milesio, e tamén había unha arqueira chairega, un aprendiz de druída Heleno; Amra era un cazador do Sidh lemavo.

O conto desenvolvéuse do seguinte xeito: todos eran vellos amigos do Rei do Castro do Páramo, que estaba moi enfermo, a pesares de ser novo. O druída local, Laido, non atopaba razón algunha para tal mal. Calcún, o conselleiro, tentaba asumir responsabilidades que non lle correspondían, e os Protagonistas sospeitaban. Despois de investigar, atoparon un exército que se achegaba ó castro.

Seguindo a Calcún, comprobaron que non só non era un traidor, senón que cecáis era o máis fiel ó Rei Seixo... morrendo fóra do castro tentándoo defender duns espías inimigos. Os Protagonistas voltaron ó castro, con tempo só de formar unha pequena defensa e aguantar mentres o o enfermo Rei e os seus Homes do Clan fuxían por unha saída traseira.

Loitando feramente contra un guerreiro fomori, os Protagonistas conseguiron fuxir finalmente poñendo a salvo a parte do castro, só para ver cómo o druída, Laido, rindo a gargalladas, puña o torque de Rei ante a mirada abraiada dos Protagonistas.

Así quedou a historia... só un exemplo do que é un conto en Gáidil.