Mostrando entradas con la etiqueta Paralelamente. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paralelamente. Mostrar todas las entradas

26.9.10

Embelyon

Hai cousas que non entendo.
Como por exemplo o tremendo ruxe-ruxe que a introdución do xogo de rol retroclone Embelyon levantou. Alguén debería ler entón a de Dragon Warriors, que é bastante máis directa e sen cortarse un pelo.

Sigo sen comprender o fundamentalismo que algúns defenden con respecto ao Dungeons and Dragons en tódalas súas versións. O chiste é que a cada nova versión que sacan do Dungeons, máis extremista se volve a xente á hora de defendelo. Coma se tivesen que xustificarse.
Pero en fin, desto hai en todo, e xa teño visto o mesmo extremismo con Runequest, por exemplo (un tipo que coñecín era muyaidín do Runequest e mesmo se gababa de non ter nunca probado Rolemaster nin MERP coma se fose todo un logro... pobriño el na súa cerrazón).

O que quero dicir é que o importante é xogar, e xogar ao que cada un lle gusta., sempre tendo en conta que isto é como a gastronomía: pódeche gustar o churrasco, pero comelo tódolos días non ten moito sentido. A min hai xogos que me encantan aos que sei que xogarei pouco ou nada. Hai xogos que me gustan menos aos que sei que xogarei máis. Todo isto porque xogar a Rol é, ante todo, un acto social no que hai que "asinar un contrato" con outra xente e no que todos nos adaptamos un pouco aos outros do grupo. Non tería sentido se non fose así. Pero ante todo hai que se divertir, e ás veces tamén é divertido probar cousas nova e ver cos ollos doutros.
A respecto dos grandes xogos e das multinacionais eu o teño claro: prefiro os xogos pequenos que me den moito traballo. Prefiro que o xogo me traia un mapa con moitas zonas en branco para que eu poida enchelas a medida que o meu grupo explore o mundo. Prefiro que me den unha base sobre a que poidamos narrar unha Campaña.
Pero isto é o meu grupo. Hai grupos que xogan doutro xeito, e non ten nada de malo. Simplemente é distinto. Para xogar a Rol non hai unhas intruccións escritas en pedra, nin sequera as reglas de cada xogo son algo inviolable (Gary sabe que eu mas paso polo forro decote).

Embelyon é un xogo pequeno, cunha intención excelente e unha presentación profesional. Se se lle pode botar algo en cara é que transforma o Microlite D20 nunha aproximación maior ao Dungeons 3.5. Eu persoalmente teño pensado usalo cos meus sobriños, pero con certas modificacións caseiras (dados de golpe variados por raza, reglas máis amplas de subida de nivel, uso da Maxia doutro xeito). Pero o que nunca lle poderei botar en cara é a crítica que fai ao Rol de mercado, ese que pretende impoñer sistemas de xogo e formas únicas de ver unha afección que ten tantos puntos de vista coma xogadores: millóns.

11.5.10

Sit tibi terra levis, Frank.

As malas novas sempre chegan, cando menos, a pares. Morreu un dos mellores ilustradores do mundo, cuxa obra era parte inspiradora tanto de Gáidil coma de doutras mil historias e campañas deseñadas por roleiros coma nós. Lembro ver imaxes do Death Dealer e quedar abraiado (eu de maior que ser así!!!), e flipar en cores con Tygra.


Descansa, Frank, que nós seguiremos a soñar coas túas creacións e a manter o teu espírito vivo. Gracias por todo.

5.5.10

Tortazo na frente

Así de simple. Miro o Facebook e atopo un link que me leva a isto.
Unha auténtica mágoa que Compostela perda outro dos seus antros de vicio e perversión, e aínda porriba un dos que realmente se implicaba na procura e expansión de afeccionados.





En fin, moita sorte en todo o que emprendas, Andrés.

8.2.10

Fénix renacente

Dá gusto cando vemos que certa xente entra de novo en batalla e contraataca.

Galicia Rol está de novo en primeira liña!

25.11.09

Algo de envexa

Mágoa que por aquí non se monten destas cousas de cote. Ou igual se fan i eu non me entero. Irmandiños creo que xa é algo que vai ser difícil que se repita (eu prefiro cousas máis pequenas, pero que era toda unha experiencia non hai dúbida), e vivos "a plan" cun sitio ben montado e xente con ganas de facer (non de desfacer) o vexo, alomenos en Compostela, difícil. Sácome o sombreiro ante certos colectivos que vexo que traballan duro, pero agás moi de cando en cando (como estas xornadas de Ferrol) vexo que, aínda que hai moita xente xogando, hai poucos grupos grandes (léase clubes) que estén realmente activos "de cara á galería" (que é como se sabe se algo está activo).

Non sei, pero case todos os clubes de rol que coñezo rematan coma o rosario da aurora. Debe ser defecto do Homo Ludens.

22.11.09

Xornadas de Rol en Ferrol

Moito tempo sen actualizar, moitas cousas ocorridas, pouco tempo para explicalas.

Polo dagora informámosvos das inminentes xornadas de Rol que Ossián prepara en Ferrol para o 4, 5 e 6 de Decembro. Eiquí tedes o enlace.


Un saúdo dende Libredón.

PD: Alomenos Ossián segue viva... a última vez que busquei actividades de Casco Vello Libredón de Compostela enviábame a unha páxina de compra de Tamiflú. En fin.

17.5.09

17 de Maio

Coma sempre, manifestación na Alameda con rumbo á Quintana. Este ano con maior motivo que nunca, despois de que a escoura de Galicia Bilingüe armase a súa nasa de estrume na que moitos se deixaron atrapar. Noxento.

Hoxe, de novo, berramos pola nosa lingua. Coma mestres facémolo diariamente... porque a lingua propia de un país é un deber coñecela e un dereito usala e, pódovolo asegurar, os únicos alumnos realmente bilingües que tiven na miña vida eran aqueles que eran galegofalantes. Estes coñecían tanto o seu galego coma o castellano que era imposto por todos os medios lúdicos (series de tv, xogos de ordenador ou de play, etcétera). Os castellanofalantes só coñecían esa lingua, a cooficial, e non podían case nin artellar palabra en galego.

Éche o que hai.

6.5.09

Falando do rei de Breogantia...

Boas de novo, guéghel!

Lanzamos un aviso a navegantes: o vindeiro día 11 de Maio ás 18h estaremos Amra o León, Víctor Rivas i eu mesmo no salón de actos da Escola de Artes Pablo Picasso de Coruña para falar un pouco do que son os xogos de rol, d'As Crónicas, do deseño xeral do mundo de Gáidil tanto a nivel escrito coma a nivel ilustrativo e dos novos proxectos.

A quen lle interese, vémonos aló.

13.4.09

Orfos de novo

Se xa o pasado anos perdiamos a Gary Gygax, o pasado día 7 de abril perdimos a Dave Arneson.

A Dave debémoslle moito todos aqueles que temos a afección non só como pasatempo, se non como medio de vida.
Foi el quen, partindo dos xogos de guerra con miniaturas, desenvolveu as primeiras aventuras de rol tal e como as entendemos agora: cada xogador, en troques de levar un exército enteiro, se encarna nun só personaxe, mentres que un árbitro encarna todo o demais que haxa no mundo. É unha mágoa todo o que ocorreu logo entre Gygax i el, malos rollos e demais. Arneson é a mente pensante, deseñadora de sistemas e xeitos de xogo que quedou na sombra, para desgracia de todos.
Dave Arneson (1/X/1947 - 7/IV/2009)

Igual que pasara cando morreu Gygax, cando Patrick me deu a nova sobre Arneson sentín pena, coma se morrera un parente lonxano ao que hai tempo non ves.
Agardo que Gary máis el se atopen no Outro Lado e poidan arranxar os seus problemas e, con sorte, o día que me toque a min pasar dese Lado ter a ocasión de botar unhas partidas con eles, xa a Blackmoor, a D&D, ou mesmo a Gáidil.

2.4.09

De novo por eiquí.

Buf, canto tempo. Acontecementos do pasado impedíronme retomar o blog. Acontecementos do presente e o futuro obríganme a voltar. E, antes de nada, un saúdo a todos!
Anunciarvos que moita xente se está movendo por manter viva a Afección.
Ao primeiro que vou nomear é a Zónula, que está removendo Raxoi co Ensanche para poder celebrar unhas macro-xornadas galegas este verán. Tamén me contou que ten preparados uns mini-encontros de rol e simulación para este maio, así que estade atentos.
Tamén nomear aos herméticos, e sobre todo a certos membros dese colectivo, os Cabaleiros Mercenarios, que se poñen á nosa disposición para amenizar, loitar e, sobre todo, rolear!
En Artabria coméntame Nacho que a asociación Ossián prepara tamén unhas xornadas para este verán. Agardo que non se eclipsen as de Santiago e as de Ferrol. Xa ocorreu coas que montaron Mangalego na Coruña e os Tuata dé Danann en Pontevedra e pasou o que pasou: mínima convocatoria.

Por último nomear a Jab Korr, que está a traballar un montón e pouco caso lle facemos. As nosas desculpas e promesa de poñernos canto antes a traballar no seu proxecto.

Bicos e apertas, a ver se actualizo máis a miúdo!

9.12.08

EnRÓLate 2008

Este sábado día 6 foron as EnRÓLate 2008 en Goián, organizadas pola A.C. Alifáfaro. Convidáronnos tanto a Amra coma a min, pero o pobre cimmerio fallou a Tirada de Salvación contra Gripe e ao final acudín eu na compaña de Jan de Delft.

Chegamos de primeiros e fumos recibidos por Nerea, presidenta da Asociación. Tiñan alí montado un stand con todo o seu material, dende xogos de rol de Vampiro, Cthulhu, Alatriste ou os Esoterroristas ate xogos de taboleiros e cartas (Catán, Risk, Heroclix...).
A media mañán os vintetantos que alí estabamos comezamos unha mesa redonda centrada nas afeccións que nos unen: rol, wargames, xogos de taboleiro, cartas, ... Unha conversa moi distinta á que mantivemos cos amigos de Mangalego: en Goián case todos superabamos a trintena, e iso nótase nas conversas. Non por ser mellores ou peores, só por seren distintas.
Falamos un pouco de todo durante un moi bo rato. Sacamos conclusións (alomenos eu) moi interesantes sobre a situación da afección en xeral, e da xente dispar que podemos atopar dentro dela. O delas, mellor falado. Preguntándonos por que o rol perde adeptos frente ao xogos de taboleiro ou as cartas. Cecais pola falta de tempo para embarcarse nunha campaña, mentres que unha partida de Juego de Tronos ou Arkham Horror puntual é perfectamente desfrutable. O nivel de compromiso dun xogador de rol debe ser maior, xa que debe buscar tempo e, sobre todo, ganas. Xogar sen ganas a Warhammer Fantasía pode, como moito, levarnos á derrota. Xogar sen ganas a rol é demoledor para un grupo de xogo. E, á parte de tempo e ganas, hai que buscar á xente axeitada, xa que non todo o mundo vale para isto, ou non con todo o mundo queres compartir esa experiencia: non son o primeiro contacontos que prescinde de xogadores para as miñas partidas por non poder soportalos como persoa.
En definitiva: unha charla moi boa.

Despois dunha comida estupenda no Novo Arroio pasamos ás actividades da tarde: pintado de figuras coa Asociación de Modelismo Celta, Warhammer Fantasía coa Asociación Cultural Mixtura, Heroclix, Bloodbowl, Zombies!!!, Gran Dalmuti, Twister (si, si: Twister!) e outros, cuns trinta afeccionados desfrutando destes Encontros.
Wargameros xogando ao Twister: vivir para ver!

Pintado de Figuras

Ao final Jan máis eu marchamos a iso das dez da noite, e aínda quedaba xente xogando na Wii.

Unha mesa redonda xenial, un xantar opíparo e unha tarde de xogos e charla en excelente compaña. Moitas gracias a Nerea por convidarnos, e a Jesús, Conchi, Raúl, Pablo, Tito, Braulio, Miguel e a todos os demais por estar aí.

1.12.08

Cómics, Tebeos, Banda Deseñada

Os cómics foron para nós dende sempre fonte de inspiración. As historias e as imaxes poden achegar ao noso maxín contos perfectos para calquer xogo de rol. Neste caso para Gáidil.

Pero é curioso canto é un xogo de rol o que inspira. Hai moitos casos, con mellor ou menor éxito. No noso caso estamos presentes na bibliografía dun, para nós, estupendo tebeo: Historias de Galiza.

Xa hai dous tomos, e os dous moi entretidos... moi recomendables e moi aleccionadores.

Por outra banda (deseñada), chégame ao meu email privado (encabezado cun "Estimado Amigo") unha citación para a presentación doutro cómic de tipo castrexo-fantástico o sábado 6 de decembro: Gallaecia, de Miguel Ángel Vigo e Iván Rodríguez. Unha mágoa non poder acudir por mor da cita cos amigos de Alifáfaro. É unha lata que tantas cousas coincidan e non poder acudir a todo!
Gústanos apoiar este tipo de iniciativas, xa que nós mesmos con Gáidil vímonos moi apoiados por todo o mundo, tanto en foros coma no blogomillo. Home, houbo xente que considerou informar da nosa propia presentación do xogo como spam publicitario, pero foron os menos e ben se sabe que non todo o mundo ten os puntos suficientes como para ser pejota.

En fin... Eiquí estamos, apoiando a Miguel e a Iván nesta andaina e agardando poder inspirarnos na súa obra para desfrutar nos nosos propios mundo imaxinarios. Sorte!

30.11.08

Experiencia

Toda unha experiencia compartir mesa redonda cos mozos de Frontier, o novo clube de rol formado en Coruña da man da xente da asociación Mangalego. Deunos para falar longo e tendido sobre Gáidil, pero sobre todo da situación do rol actual, de xogos novos e de xogos vellos (e si, por veces sentinme moi vello).
De novo contento de ver que hai xente que está aí traballando en serio. A semana que vén, vémonos en Goián cos compañeiros de Alifáfaro.

6.11.08

Vida e Morte

Está ben o asociacionismo. Axuda a coñecer xente e a abrirse de mente coñecendo novas ideas, posturas e puntos de vista.
En vindeiras datas estaremos convidados pola Asociación Cultural Mangalego (tamén teñen Foro) para visitar o seu lugar de reunión e botar unhas partidiñas con eles a rol. Tamén nos convidan os compañeiros de Alifáfaro, un colectivo que, á parte de rol, fan películas!
Tamén queren de nós algo moi difícil, axudar na organización dunhas actividades en Cuntis (onde está o magnífico casto de Castrolandín) co xogo de Gáidil de fondo para dar a coñecer a cultura castrexa aos rapaces daló. Pensamos en algo como Irmandiños, pero dividido por dez ou por vinte, claro, e sobre todo coa rapazada de Cuntis como protagonistas. Debido ao clima supoño que é algo que haberá que deixar para primavera... igual para mediados de Maio?

Tamén atopamos navegando en barcos longos pola rede ao Colectivo Lúdico Hermes, que lendo o seu foro vemos que pode recolle-lo testemuño que Galicia Rol deixou no ar. Sempre é bo que xurdan estas iniciativas... e unha pena que outras esmorezan.

En fin, esta fin de semana organizarémo-lo índice das Pantallas (Solaina do Contacontos? Abeiro? Linde?) e o material que vai e que non vai, con intención tamén de colgar no grupo yahoo material que vale, pero que igual non entra nas pantallas.

Un saúdo dende Libredón.

PS: Morreu Michael Crichton. Non estaba dacordo con certas ideas súas, nin me gustaban moitos dos seus libros. Aínda así, "Devoradores de Cadáveres" e, sobor de todo a súa adaptación ao cinema, "The 13th Warrior", inspiraron tamén a estes humildes autores a escribir grandes aventuras, xa en Gáidil, xa noutros mundos. Sit tibi terra levis.

1.10.08

Clube de Rol en Compostela

Seica o vindeiro 4 de Outubro (este sábado) ponse en marcha o clube de rol do Ensanche compostelano. Haberá un acto de presentación a partires das 17h no que, entre refrixerios de benvida e entrega de carnés por parte do concelleiro, visionarase o Episodio IV de Star Wars.

Mágoa de non poder asistir por mor do vodorrio de Lorena, en Narón.

De tódolos xeitos hei estar ao tanto do que se faga neste clube. Polo dagora vexo que van ter varios torneos de Wargames, o 11 (de Warhammer Fantasy) e o 25 de Outubro (de Infinity). Agardo que tamén se vexan pronto actividades de rol e de rol en vivo.

E agardo que este clube funcione e que teña cabida e diversión para todos.

11.8.08

Irmandiños 2008

IRMANDIÑOS: A REVOLTA

3ª EDICIÓN

XOGO DE ROL EN VIVO

(Record Guinness 2007)

Castelo de Monterrei

Do 26 ao 28 de setembro de 2008

Inscricións do 18 de agosto ao 18 de setembro nos teléfonos:

981 545 937, 981 545 702 ou 981 544 869

Organiza: XUNTA DE GALICIA (Vicepresidencia) + 13NEGATIVO

Prezo: 30 € (22,5 € presentando o carné xove ou o carné mais)

Nº de prazas: 500

Podedes atopar fotos, vídeos e toda a información sobre a actividade na páxina web oficial do evento:

9.7.08

Vrao

Ben, xente. Agora que temos máis tempo (a fin de curso de este ano foi levadeira anque traballosa) procederemos a darlle algo de caña ao blog... algunha nova raza, novas axudas de xogo, ideas... avances das Pantallas. Un pouco de todo.


Contentos quedamos despois da presentación do clube de rol do Ensanche, en Compostela. Alí estiven eu coma Contacontos no xogo de rol de creación propia "Como a Vida Mesma RPG", con 5 fermosas damas coma xogadoras de excepción na partida para nais e pais. Un atraco a un banco que remata sendo unha fuxida a fume de carozo dunha cidade en plena invasión zombie foi un bo xeito de presentar o que é un xogo de rol. A verdade foi moi, moi divertido. Sorprendeume gratamente ver cómo xente que nunca tivera contacto co rol tiña mellores ideas e máis capacidade de interpretación que moitos que levan anos xogando. Unha desternillante lección de rol.

Estou seguindo un pouco a evolución deste clube aberto a todos, gratuíto e no que espero que non haxa os mamoneos que había no clube que estaba antes. A verdade, agardo que vaia para adiante.
Durante o nadal do 2006-2007 dirixín con Curudae dúas sesións de rol en vivo do que debería ter sido unha Crónica de Vampiro: Compostela Nocturna dunhas 8-10 sesións. Falando o outro día con Phoennyx e con Darkdino disque a xente quedou contenta pero insatisfeita porque tiven que cortala e non se continuou.

Se todo vai ben co do novo clube cecáis volte a retomala ou empezar unha nova.


24.6.08

Aviso

O día 28 de xuño estaremos en Compostela, no local sociocultural do Ensanche e tamén na Praza Roxa para apoiar ao novo clube de rol que xorde nesta cidade.

Máis información no enlace da tenda compostelana Zónula Catro.

Remarco:
Se o tempo o permite se porán unhas mesas na Praza Roxa onde se celebrarán exhibicións de xogos de estratexia, obradoiro de pintado de miniaturas e escenografía así como exposición de escenografías e miniaturas pintadas.

Ao mesmo tempo no Centro, se celebrará a I XORNADA DE ROL PARA PAIS. Trae ao teu pai ou nai (ou aos dous) para que aprendan en persona o que realmente é o rol, alí estaremos para responder a tódalas súas dúbidas sobre este xogo e amosarémoslle en persona como é unha partida.



Apertas dende Libredón.

28.5.08

Eventos e organismos

Conta Andrés dende a tenda especializada Zónula Catro de Compostela que o vindeiro 14 de xuño (sábado) haberá uns encontros de rol e simulación que servirán coma presentación para un novo clube de rol en Compostela. Avance de información eiquí.

Este tipo de iniciativas sempre están ben. Fomentar o ocio e normalizalo dentro da sociedade é algo que, a título persoal, paréceme importantísimo.
Un clube pode servir para dar a coñecer a afección e tamén para iniciar ou dar cabida a aqueles que, por motivos de cambio de residencia ou de busca de algo mellor, pretendan atopar grupos novos de xogo.
Eu sei o difícil que é sacar algo deste estilo adiante, así que lles desexo moito ánimo aos valentes que emprendan tamaña obra con este novo clube: Aurë Entuluva!

25.5.08

De novo, hoxe non o celebro.

Como xa comentara o ano pasado, o 25 de Maio é celebrado por algúns coma o día o orgullo friki. Eu non o celebro, porque nin o termo me gusta, nin me define, nin me parece axeitado.
Por regla xeral non me gusta que alguén se me presente como "ola, son Pepito e son friki". Ou peor, que alguén che veña con que é "máis friki ca Pepito", coma se un termo tan indefinido puidera concretarse en cantidades.
Gústame a literatura fantástica, dende Tolkien a Martin pasando por Howard. A de terror, dende Poe a Lovecraft pasando por King ou Matheson. O cinema de mil estilos, os cómics, as series de televisión canto máis raras mellor. Xogo a rol, a xogos de taboleiro e a xogos de ordenador.

Pero non, non son un friki.