31.10.07

É para vós

(Unha libraría calquera en Compostela, 30- X- '07)

29.10.07

Hoxe estamos contentos, porque dende a Difusora están ultimando unha presentación para As Crónicas de Gáidil en Compostela. Polo dagora non sabemos moito (máis ben "non locuetur, non locuetur", que diría Herger). Están pensando en varios lugares para a presentación, xa vos contaremos.

Vía Frankenrol paso a linkar un blog moi interesante: El Don de Calíope.
Un interesante exercicio de estilo non só para roleiros, senon para todo aquel que sexa amante de contar historias.
Persoalmente estou tamén contento porque á fin recibín o paquete de NosoloRol con "Tras la Pantalla", un manual con axudas para directores de xogo e contacontos de Rol, que reserva parte dos beneficios para a Asociación Ayudar Jugando e á campaña Un niño, un juguete. Sempre gustei deste tipo de suplementos e axudas, e sempre fun dos que me tiraba primeiro ao libro do Narrador que a polo libro do Xogador. Era cotián que os libros de Xogador trouxeran máis reglas, moito material novo, profesións, razas... mentres que, ás veces, os libros do Narrador traían tan só moitos consellos para narrar, describir, meter aos xogadores na historia. E a min encántame lelos, saber como xogan outros e mellorar, sempre no meu estilo, como contacontos.

E contento tamén porque neste paquete tamén me chegou o meu benquerido Cthulhu!!!
Tiña xa dous de peluche: un mercado no Forbidden Planet de Londres e outro a Ferny o de Auryn, que levo como protección na bandexa do maleteiro do coche, mirando mal a quen se pegue demasiado; pero xa tiña ganas dun Cthulhu "mostruoso de verdá".
Xa está colocado na estantería da casa recibindo pregarias continuadas! Ïa, Ïa, Cthulhu fhtagn!!!

Polo demais estamos a Día D -1. Agardemos que mañán xa teñamos a Gáidil nas tendas dunha vez.

Por outro lado, comentáronnos que alguén querería contactar con nós. O noso correo é cronicasdegaidil (arroba) yahoo.es. Gustosos de quedar para calquer tema que haxa que tratar.

Un saúdo a todos dende Libredón.

26.10.07

"Seguimos trabajando en ello", e unha despedida a destempo.

En fin, que nada. Polo que me contan hoxe tampouco estaba nas tendas que controlamos. Esta fin de semana haberá que volver a afiar as falcatas e poñernos bravos e rufos e os dentes cairos. E mesmo bailar unha
HAKA


Levo uns meses facendo de contacontos para unha crónica chamada A Compostela Oculta, e buscando información sobre certas rúas de Santiago atopei datos dun curioso sitio: a sidrería Abril Ares.
A rúa Abril Ares (que disque ten o nome por alguén, un poeta seica; pero que tamén pode vir dos brillos -os "brilares"- que botaban os artefactos de metal que alí había por ser zona de prateiros e espadeiros. Sabe dios...) está a carón da miña casa (teño a fortuna de que a casa onde vivimos Jan de Delft máis eu está ao lado da casa onde me criei... cousas da vida).

É deses sitios polos que cruzas toda a vida, entre locais coma o mesón do Pulpo, o Atlántico, o bar Rey, o Forest... O Abril Ares foi na miña nenez o sitio onde mercabamos os xeados de pao de toda a vida (a menos de cinco pesos) e botabamos as partidas ao futbolín. Pepe, o derradeiro encargado e alma do local, era pouco máis ca nós en idade. Todos os chavales da zona tiñamos negocios familiares que atender, e era curiosa a vida que levabamos: nenos unhas horas, traballadores a tempo parcial remunerados tan só en concepto de manutención a outras.
En fin, que cando me enterei que o Abril Ares pechaba (abril deste ano) pois levei certa decepción... é como se o teu pasado esmorecera pouco a pouco. Sabedor das troulas pasadas alí, de pequenos concertos clandestinos dados por Manos Negras e demais, pois é como se a Cidade da Choiva perdera unha pequena nube no camiño co peche deste local.
Hoxe, buscando información sobre a rúa, atopei este pequeno homenaxe que paso a linkar: Abril, adeus Abril.

Que os lugares comúns da vosa nenez e adolescencia nunca desaparezan da vosa lembranza.

24.10.07

Á fin!

Ben, hoxe recibimos unha mensaxe da Editorial segundo nos contan que o libro estará nas tendas entre o 24, 25 e 26 deste mes, en máis de 200 puntos de venta, incluídos Sargadelos en Madrid e Barcelona.
A distribuidora facilitará especialmente o acceso ás tendas especializadas, e terán a posibilidade de traballar co libro en depósito. Aparte, recibirán os cartaces promocionais tamén en breve.
Estas son as palabras de Marco Tulio Cice... eeeh, estoooo... da Editorial, digo.

Veña, vémonos, e lembrade que os cans non só ladran... algúns o día menos pensado tamén morden.
Engadido: O que queira algo que deixe recado!

22.10.07

Xa estamos...

... en Read Galicia!

“My name is Brantroll of the Trasancos, I come from Tamarquia and I am going to Libredón... and just in case you don’t know yet what my job is... to hunt scum like you!”

Parece que non, pero anos e anos xogando a xogos en inglés (por non haber outra cousa) non poden se non sacarnos un sorriso ao ver escritos nosos sobre Gáidil en tal idioma. Está pavero.
Home, é coñero que esté na sección de "young adults"... Pero é o que hai, esa necesidade do ser humano de poñer cada cousa no seu sitio e de ter un sitio para cada cousa que a min, persoalmente, non me acaba de convencer.

En fin... hoxe luns comeza a distribución. A ver que tal sae todo.

Saúdos dende Libredón!

19.10.07

"Bueno, qué? Vai ou non vai?"

A pregunta máis de moda entre a xente que fala con nós. E, a verdade, estabamos fartos de non podela contestar.

Ben, despois de certas novidades internas con respecto á editorial (cousas que a nós nos afectaron de refilón, e que parece que puideron retrasa-la aparición do libro) cóntannos que os libros están xa en poder da Distribuidora. Incluso a Distribuidora di que os libros están no seu poder (Amra falou con eles esta mañán).

Que quere dicir isto? Pois que a partires deste luns día 22 de Outono poderanse comezar a facer os pedimentos, e que os libros estarán nas tendas (e desta vai, caghonrós) a mediados ou finais da semana que vén.

Temos un par de posibles eventos en Compostela para ir persoalmente e comentar detalles do libro e xogalo, con mesas redondas, partidas e así. Xa vos contarei máis polo miúdo cando a xente que os monta os concrete.

Comezaremos a traballar en novos suplementos para Gáidil, para aportar descripcións centradas en lugares específicos (Libredón: Cidade da Choiva) ou aventuras e campañas listas para xogar (O Inverno dos Lobos).

Por outra banda comentar que a vindeira semana (os días 26, 27 e 28) serán os segundos Encontros Ludus Stellae na Xentalla do Pichel en Compostela. Agardo que saian tan ben ou mellores que os do ano pasado e, aínda que xa hai meses que non teño nada que ver coa asociación que os monta, deséxolle a moitos dos que están metidos todavía sorte co proxecto.

Un saúdo a todos dende Libredón!

10.10.07

"Sé razoable: pide o imposible"

Seica esa era unha das pintadas que locían ao longo de París cando os estudantes se puxeron a esixir dereitos, andrómenas e nonseiquemáis.


En fin, xa é de todos sabido que "As Crónicas de Gáidil" foi un agasallo que levaron para as súas casas os participantes do rol en vivo Irmandiños: a Revolta, detalle da Dirección Xeral de Xuventude. Nós enterámonos o domingo á tarde gracias a "Buliwyf" Neves e por Curudae.
A nova pillounos bastante de sorpresa, a verdade. Ao principio non sabiamos moi ben qué cara poñer, pero logo de falar entre nós e tamén con varios colegas, chegamos á conclusión de que o primeiro paso do noso Plan Mestre para subir ao Olimpo do Rol e sentarmos xunto aos Grandes, xente coma Gary, Dave, Greg, Sandy, Mark, Monte, Agis ou Trukulo (entre outros), estaba dado. Como dixo Amra esa mesma noite de domingo; "daste conta que neste momento pode haber 20 ou 30 chavales devorando Gáidil na súa casa?".
O xogo xa está espallado, hai xente que está preparando partidas para esta fin de semana e xa é unha realidade en moitas mans.

Agora queda agardar a que a distribuidora e a editorial reaccionen dunha vez (levamos insistindo en que os carteis promocionais deberían estar colocados nas tendas dende o verán, pero vese que a cousa vai con calma). O libro tamén debería, pero en fin... nós tan só escribimos o libro e nos adicamos a promocionalo como ben puidemos; Víctor o ilustrou como só nos nosos soños máis húmidos podiamos imaxinar... eso xa está feito, todo o demais está en múltiples mans que non son as nosas.
Agardando que a promoción do libro siga o seu curso, o vindeiro sería comezar a pasar polas tendas tan pronto coma o libro estea á venda e montar algún tipo de evento pequeno con partidas, ou participar nalgúns Encontros. Xa se verá.
Polo de pronto aí vos poño o que se supón será o cartel de promoción. A ver cando o vexo colgado nalgures.

PS: Mañá será a festa dos 20 anos de Kómic na Sala Nasa. A verdade foi unha sorte que Pío tivera a idea de montar algo así, pois foi a nosa fonte de subministracións durante dúas décadas. Agora hai máis tendas en Compostela e parece que cada unha ten a súa parcela de mercado, pero nun tempo onde o árido deserto estaba na cidade da choiva, Kómic foi o reduto do vicio.
PS2: Comentáronme que o sábado hai a festa de Irmandiños. Sendo tanto Jan máis eu veteráns dos Fonseca, tentaremos pasarnos para saudar a vellos compañeiros de armas e inimigos.
PS3: Para poñer todo a andar un pouco montamos este grupo yahoo. É algo típico e moi útil para calqueira xogo que se precie. E para nós Gáidil é moi prezado.

2.10.07

Xa temos o manual!!!





O manual é impresionante, algo fóra de serie dende o meu punto de vista totalmente subxectivo e partidista. Encántame.
Ten a particularidade de que non parece un xogo de rol 100% (é dicir, non ten o aspecto clásico dun manual de rol) e, tal e como dixo Bishop onte, "parece case unha mestura de xogo de rol e libro de ilustracións".
Agardamos que pouco a pouco vaia chegando ás tendas. Tendas que, por outro lado e segundo a Editorial pretende, non só serán especializadas, senon tamén convencionais.
A verdade non sei qué cara vou poñer se algún día vexo na estantería de Couceiro ou Follas Novas (por poñer dous exemplos) As Crónicas de Gáidil.

Saúde!
PS: Lembrade os que vaiades a Irmandiños este ano contar como foi a experiencia!

1.10.07

Comentando a xogada

Ben, Cerne xa está case acabado. Agora só faltaría poñelo a andar por medio dunhas cantas partidas.

En canto ao sistema de creación de Protagonistas para Gáidil... Comezamos facendo un sistema máis complexo, con máis datos escritos e máis enrevesado. Non nos gustou. De aí aquí houbo uns 6 ou 7 sistemas alternativos. Cando á fin chegamos a este sufríu uns 4 ou 5 cambios internos no que sería sistema de combate e maxia (sobre todo a maxia... moitas noites sen durmir para logo facer o sistema que vai que, curiosamente, gusta sobre todo aos que nunca elexían levar magos ou sacerdotes, coma maese Pepe). E así volo imos a amosar: un sistema que prima ante todo o compoñente do Conto: falar e envolverte na historia; e no que os dados non son os auténticos protagonistas, se non un instrumento ao servizo da partida que contemos entre todos: Contacontos e Protagonistas.
Ben, levo uns vinte anos xogando a Rol, e dende o principio a miña afección dentro da miña afección (coma o que lle gusta o fútbol e dentro do fútbol lle gusta ser defensa, ou quen lle gusta o cinema e lle gusta ser cámara) foi a creación de sistemas de xogo e ambientacións ou mundos para xogar neles.
A Amra o León leva por aí, e pásalle igual... sempre me conta que despois daquela primeira partida cos Twin Brothers o primeiro que fixo ao chegar á casa foi poñerse a facer o que sería o seu crebacabezas vital: o xogo de rol futurista Warmaster The Armaggedom.
Podemos asegurar que entre os dous xa ideamos un bo lote de sistemas de xogo e múltiples ambientacións. Algunhas mellores e outras peores.

Talvez Gáidil non sexa a mellor desas ideas, nin teña o mellor dos sistemas de xogo que teñamos ideado, pero sen dúbida foi na que puxemos máis corazón e sentimento e, como dicía Castelao naquela cita que vos puxen hai uns meses "foi imaxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bó. Estóu seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería ofrecervos nada mellor".


Neste momento estamos coma un pai na sá de espera ao que non deixaron pasar ao paritorio. Sentados, calados, sen saber moi ben qué dicir ou cómo reaccionar. Normalmente hai alguén perto... un irmán, un cuñado, os sogros, teus pais... algún bo amigo. Están máis tranquilos ca ti e, aínda que agardan por ese neno con ansia tamén, sempre teñen un comentario amable, un xesto cómplice e unha palmada nas costas para tranquilizarte.
Así nos sentimos a xa días de que poidades ter As Crónicas de Gáidil na man.