23.8.07

The Chronicles of Gáidil: Where World Ends, Adventure Begins

Por medio da Difusora enterámonos que a Consellería de Cultura está a desenvolver un proxecto chamado "Libros que Viaxan" (a web, inactiva a día de hoxe, é esta).

Trátase dun portal para a presentación de libros en galego ao exterior. O asunto está enfocado sobre todo para a venda internacional de dereitos de libros en galego para a súa tradución, e a editorial (mira que mola que te chamen ao teléfono fixo e dicir aquelo de "perdoa, é que estou falando co meu editor polo móbil, chámote despois", como nas películas!) confiou n'As Crónicas para isto. A ver se gusta no país e podemos pasar logo a unha tradución a chino mandarín ou algo así.

Por outra banda xa temos os dous mapas que irán incorporados no libro (o xeral de Gáidil e o específico para a zona da Gael-leach) e a Folla de Protagonista, perpetrado todo polo sen par Rivas. Os mapas quedaron moi ben, a verdade. Xa llos ensinamos a algúns colegas e deron o seu visto e prace obxectivo, cousa que para nós é moi importante. En canto á Ficha a verdade é que quedou perfecta. Só terá unha cara para simplificar a cousa, pero quedou moi sinxela e á vez moi lucida, sendo das fichas máis cómodas sen ser simplemente unha táboa de Excel que vin en tempo. Conta con debuxos no interior que a fan vistosa, pero que non son molestos, á par de ser moi intuitiva: localizas todos os datos que precises nunha ollada. Cando esté rematada de todo (falta elexir a tipografía do encabezamento) se podo a colgo para que a vexades. Os mapas os deixo para que os vexades no propio libro.

Un saúdo.

16.8.07

15-VIII-2007 (editado con fotos)

Gracias. Esa era a palabra coa que tiña que empezar este post. Xa o dixen na presentación e o volvo a dicir: gracias.

Este foi un día moi intenso. Saír pola mañán con Jan de Delft, Tromzar e Kunka en dirección á Coruña para poder ver con calma a Exposición do Señor dos Aneis, que me impresionou moi gratamente.
Logo quedar cos colegas: Amra e Bélit, Borxa, Bishop, Jano de Codename... Xantar, por falta de espacio, nun "kebap" moi recomendable perto do Baúl de los Recuerdos (con pequena incursión para conseguir un par de suplementos de Runequest que me apetecía ter).
Logo ver cómo chegan familia e amigos a mancheas tanto de Amra como meus (e, entre eles, os Fillos, sempre aí cando os necesitas!). Xente coñecida, xente que coñecemos dos blogs e dos Foros, xente á que non coñeciamos pero que se amosou interesada neste proxecto, en fin había de todo.
E ver que aquelo se enchía non fixo más que enchernos o peito e darnos moitísimos folgos.
Puiden coñecer en persoa a Ghanito, David e ao Moucho (xa teño o CD de marras!!!), ver á sempre presente Besbella, Ifrit, a Marcus, Berto, creo que a Mourullo, e tamén estaba Fian de GaliciaRol, Curudae, Ferny (tamén de Codename),Vizktor e Diego de Casco-Vello... bufff e sabe dios cantos máis, mágoa non poder falar con todos para agradecervos o apoio.

Mágoa que non puidera vir Víctor, e mágoa ter que agardar un mes para ver o proxecto na rúa. Gáidil xa está presentado en sociedade... a posta de longo, a finais de setembro!
Edit: Máis eiquí, eiquí ou eiquí.

14.8.07

Gáidil ad Portas

Hoxe tocóulle ao Faro de Vigo, e unha pequena entrevista para a Radio Galega, que emitirán no programa da mañán Un día por diante.

Non podemos máis que agradecer cunha sinceridade máxima a todos aqueles que dende o seu pequeno curruncho na internet, xa por medio de blogs ou Foros ou o que sexa, están a espallar a nova a lugares insólitos que non pensabamos que se farían eco deste pequeno proxecto e, por suposto, a todos os que coa súa voz están a facer de Gáidil un ruxe-ruxe.

Aos que veñades véxovos mañán nas Viñetas.

Edit: máis eiquí, ou eiquí.

12.8.07

Xornal galego para xogo en galego.

O primeiro xornal que citou As Crónicas foi A Peneira, e todo gracias a Borxa Neves, o grande playtester e adalide deste xogo (botando contas foi o xogador máis presente en partidas de todos os que teñen xogado).

A primeira entrevista a temos hoxe, en Galicia Hoxe, gracias ao Duende:

FANTASÍA HEROICA Á GALEGA

Onde remata o mundo e comeza a aventura

12.08.2007 Pablo Fernández Otero e Ignacio Rodríguez Domínguez, dous profesores de inglés de primaria, son os autores de ‘Crónicas de Gaidil’, o primeiro xogo de rol en galego, ambientado nunha terra fantástica, baseada nunha cultura castrexa non romanizada, na que viven heroes, monstros e razas mitolóxicas extraídas das lendas do país, como os trasnos ou os mouros. O libro de regras verá a luz no mes de setembro e presentarase oficialmente este mércores, no salón Viñetas desde o Atántico da Coruña

A. LOSADA

Portada da futura edición das ‘Crónicas de Gaidil’, editado pola Difusora de Letras, Artes e Ideas FOTO: RIVAS
Portada da futura edición das ‘Crónicas de Gaidil’, editado pola Difusora de Letras, Artes e Ideas
FOTO: RIVAS
Os guéghel, de longas guedellas, son as xentes que viven en Gaidil, a terra da fin do mundo. Gobernados dende o Trono de Carballo polo Breogán, o seu líder hereditario que toma o nome dun heroe mítico, os guéghel son xentes libres, druídas, feiticeiros, loitadores, canteiros, alfareiros... fan o que sexa útil para o castro que lles dá acubillo. Adoran o deus Lugh e temen a súa inimiga, a escura Dana. E, dende logo, só existen na imaxinación.

Os seus pais son Pablo Fernández Otero e Ignacio Rodríguez Domínguez, dous mestres de inglés de primaria e dous grandes afeccionados ós xogos de rol que están a piques de editar o que será o primeiro destes pasatempos escrito en galego e baseado nas lendas de Galicia: Crónicas de Gaidil.

Nos seu tempo libre, hai xa dez anos, cando eran estudantes universitarios, comezaron a acariñar unha idea que se lles ocorre a moitos ‘roleiros’: deseñar o seu propio sistema de xogo. A principal diferenza é que eles levaron o proxecto ata o final e, ademais, conseguiron que vexa a luz en forma de libro. Pero non lles foi doado, tiveron que mover o proxecto por editoriais durante moitos anos, sen obter resposta positiva. Mesmo chegaron a considerar a posibilidade de autoeditado, ata que a ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas, dirixida por Henrique Torreiro, o principal responsable das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, amosou interese polo seu traballo.

Este mércores, Gaidil será presentado na Coruña, dentro do Viñetas dende o Atlántico e, de cumprir os prazos, en setembro estará nas tendas o libro de regras, ilustrado por Víctor Rivas, un veterano do debuxo e da historieta en Galicia.

A normalización do rol e a normalización do galego

Para ambos os dous autores, ter conseguido que o xogo se editase como un proxecto xestionado integramente dende Galicia ten un gran significado, sobre todo cando se implicou tamén a Xunta, xa queCrónicas de Gaidil conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, departamento que xa defendeu o rol como forma de ocio ó contribuír a organizar as xornadas de Irmandiños: A revolta no castelo de Monterrei. "Iso demostra que isto non é unha cousa de tíos raros, senón unha industria cultural e un pasatempo coma outro calquera", explica Pablo Fernández.

Do mesmo xeito, agardan que Gaidil teña tamén a súa pequena contribución á hora de amosar que o galego "non é só a lingua de Castelao e Rosalía, e non vive só nos libros da escola", en palabras de Nacho Rodríguez, xa que a normalización dun idioma pasa necesariamente polo seu uso nos momentos de ocio e diversión. Por iso os autores agardan que o seu xogo sexa o primeiro xogo de rol en galego, pero non o último, que cunda o exemplo e comecen a aparecer máis xogos, de calquera tipo, que se poidan practicar en galego.

Os dous autores de Gaidil, Ignacio Rodríguez, á esquerda, e Pablo Fernández FOTO: ESCUREDO
Os dous autores de Gaidil, Ignacio Rodríguez, á esquerda, e Pablo Fernández
FOTO: ESCUREDO
E non hai que esquecer que a través da ficción e os pasatempos se pode tamén aprender, e aínda que o proxecto de Gaidil non ten un enfoque educativo, os autores agardan tamén que lles chegue ós nenos e lles sirva para interesarse polo pasado e pola cultura da súa terra.
"A min, cando me explicaban a España dos Austrias na escola parecíame un aburrimento e nunca me interesei por ela –lembra Ignacio Rodríguez– pero logo descubrín Aquelarre: Villa y Corte, un xogo de rol ambientado nesa época e decateime de que realmente eran uns anos moi interesantes, así que acabei investigando sobre eles pola miña conta".

A dificultade dun xogo histórico ó cento por cento

"Dende que comezamos, a idea pasou por mil versións", lembra Pablo Fernández, "en principio queriamos facer aventuras baseadas nos mundos de Álvaro Cunqueiro, en plan afeccionado, pero despois, tras falar de moitas posibilidades, decidimos que sería un xogo ambientado na Galicia castrexa".

Naquela fase, o seu título era Terra Cógnita, pero os dous autores déronse conta de que, co escaso coñecemento actual sobre aquela época, moitas veces víanse obrigados a inventar moitas cousas. Así que decidiron pasar directamente á fantasía. "Xa postos a falsear a realidade, preferimos meter trasnos e lobisomes", chancea Ignacio Domínguez. Dese xeito, Gaidil é unha terra na que habita unha cultura humana baseada nos castrexos (ou, máis ben, en como serían os castrexos se tiveran evolucionado sen influencias romanas), pero na que tamén viven, de xeito moi corpóreo, lendas celtas, medievais e mesmo feitos contemporáneos que enriquecen unha ambientación pensada para correr aventuras.

Un guéghel debuxado por Víctor Rivas FOTO: RIVAS
Un guéghel debuxado por Víctor Rivas
FOTO: RIVAS
Do mesmo xeito que outros lugares de fantasía (como a Terra Media do Señor dos Aneis) beben da Idade Media Europea e das mitoloxías nórdica e saxona, pero adáptanas ós seus propios intereses, o mundo das Crónicas de Gaidil bebe da cultura Atlántica que vencellou na antigüidade os pobos do noroeste europeo, tamén chamada cultura celta. "Sen entrar a valorar se os galegos somos celtas ou non, que hai opinións para todos os gustos, nós aproveitamos o sustrato e as lendas da xente do Atlántico Norte", explica Pablo Fernández.

Unha vila importante hoxe, un castro en Gaidil

Porén, non toda a inspiración ten porque ser mitolóxica. Un exemplo é que cada unha das cidades e vilas importantes galegas ten o seu alter ego nun castro de Gaidil, con moitas semellanzas entrambos.

Así, por exemplo, os ferroláns son os ártabros, grandes navegantes, os composteláns son os libredóns, magos e feiticeiros, os coruñeses son os breogantes, e dende ou seu castro o Breogán goberna Gaidil, os lucenses son os lugóns, na súa vila fortemente amurallada, e así respectivamente. Dende logo, os xogadores poden escoller interpretar un personaxe de calquera destes lugares e mesmo, se a súa vila non aparece representada, poden introducila eles mesmos na súa versión de Gaidil.

Aínda así, todas esas culturas son guéghel, seres humanos, pero as escollas dun xogador non se limitan a unha soa raza. Como é habitual nestes xogos, os personaxes poden ser criaturas de fantasía, tanto extraídas do folclore galego (os mencionados trasnos e mouros), como adaptadas doutras mitoloxías (os cairentos –vampiros–, os lobishomes ou os trolls) ou inventadas directamente polos autores para Gaidil (os xigantescos piornais dos Montes Arrebolados –os Ancares– ou os violentos fomoriáns, cos seus trisqueis de batalla).

Para visualizar todas estas criaturas e lugares estraños, o libro de xogo de Crónicas de Gaidil conta cos debuxos de Víctor Rivas (Vigo, 1965), historietista e ilustrador
cunha longa traxectoria que participou na revista Golfiño e que publica na actual BD Banda, cuxos lápices lle deron corpo á terra dos guéghel.

Tanto Pablo Fernández como Ignacio Rodríguez comentan que a colaboración con Rivas serviu para que o proxecto medrase, xa que "el se baseou na nosa obra para crear a súa propia" e que a interacción entre eles ampliou e mellorou moitos conceptos do xogo. "Agora, só queda que a xente colla o libro e faga a súa propia Gaidil ó situar nela as historias que queira contar", comenta Rodríguez.

Unha boa historia e uns cantos dados
Aínda que os equivocados tópicos que relacionaban os xogos de rol con lavados de cerebro e asasinatos son cada vez máis raros, o certo é que esta forma de ocio continúa a ser moi descoñecida polo público en xeral.
Resumindo, unha partida de rol é unha historia contada por varias persoas. Hai personaxes protagonistas, os heroes, e hai un narrador, que é o que describe o que sucede ó seu arredor e establece os sucesos ós que eles reaccionan.
Para determinar o que se pode e non se pode facer, existe un libro de regras, e para introducir o elemento de sorte preciso en todo xogo, empréganse dados, que serven para determinar se un personaxe logra ou non o que se propuxera (tanto dar un golpe como facer un cesto).
En realidade, o rol é unha versión complexa do clásico xogo infantil de “eu son Conan, ti es o mago malo e vou asaltar o teu castelo”, á que chegan de maiores aqueles ós que lles gusta soñar outras vidas, do mesmo xeito que outros pasan das partidas ó ‘burro’ cando son neno, ás de tute ou mus.


11.8.07

Xente podre...

Peor que caer en malas mans é coñecer a malas linguas. E aínda peor é caer nesas malas linguas.
Está claro que neste mundo hai mala xente, xente que terxiversa e que revolve as cousas para adaptalas só ao seu modo único de ve-las cousas. Quen pense diferente a eles está equivocado, e quen lles leve a contraria, é un inimigo. A min esa xente dame noxo. Xente que adula por diante e apuñala por detrás, xente podre por dentro. Xente que pon verbas na túa voz e que conta os teus secretos, xente coa que é mellor non toparse nunca na vida.

Honrade a Casa que soubo vencer a esta xente podre, pero envexade aquela que nunca o precisou.

Considero aos Tuata da Dana, os servintes máis fieis da Dana do Sidh Inframudo, xente destas características. Xente noxenta e rastreira, que pode adoptar múltiples formas para acadar as súas metas, pero que sempre son o que son: xente podre por dentro.

Este é só un dos posibles aspectos da elite de servintes do Deus oscuro do Sidh, a Dana. Son case deuses en vida, de grande poder, que viven nun pesadelo en vixilia, coa existencia pasando ante eles coma un soño terrible. Son inmortais, e levan escravizados dende o Tempo das Lendas. Poucos son os que os teñen visto, escasos os que loitaron con un e aínda menos os que teñen sobrevivido a ese enfrontamento. Algúns permanecen eóns en vaíñas en lugares ocultos do Sidh Inframundo, custodiados polos fomoriáns máis fieis. Cando espertan augúranse tempos de grande tristura para os guéghel. Disque canta máis xente haxa esperta no Mundo, máis probabilidades hai de que esperte un Tuata... por iso as nais dinlle aos seus fillos "durme, pequeno, durme, ou os Tuata espertarán".

Cecáis todo son contos dos lusóns.

9.8.07

Presentación de "As Crónicas de Gáidil"

A Editora, a Difusora de Artes, Letras e Ideas de Ourense, confírmanos que a presentación vai ser no Kiosko Alfonso, no último piso, o mércores 15 de Agosto ás 18:15h.

Ao parecer vai ser pouquiño tempo, pero xa é máis que dabondo. Estamos case no certo de que Víctor non vai poder vir, e vai ser unha mágoa.

Antes da viaxe a Lutecia, o mesmo día que Jan máis eu colliamos o avión, o Duende fíxonos unha entrevista a Amra o León e máis a min, a primeira que damos contando cousas sobre Gáidil. A verdade estivo xenial compartir tés, chiculates e cafés no Metate e comentar cousas sobre o xogo.
A entrevista sairá no xornal Galicia Hoxe, no dominical, o día 12 de agosto. Gracias de novo, Duende!

Estamos espallando a nova por Foros e sitios polo estilo, en plan "pásao". É unha mágoa, tamén, que haxa que agardar até setembro polo libro publicado, pero os resultados seguro que serán os mellores, gracias ao traballo de maquetación da Difusora.

En fin, pouco a pouco chegamos a unha das metas, para logo atoparnos con moitas outras... pasos, chanzos e sendeiros que vamos tomando coma viaxeiros cara o descoñecido, sabedores de que o noso pequeno Mundo de Gáidil vai canda nós, protexido polos nosos brazos. Pero pouco a pouco vemos como medra, vemos como outros comezan a falar del para ben ou para mal. E chega un momento en que as nosas man deben soltar as súas manciñas, un momento en que Gáidil debe poñerse a andar só e defenderse por si mesmo, e pasar a formar parte da vida de outros...

De volta de todo

Acabamos de chegar Jan de Delft máis eu a Compostela despois duns días de relativo repouso aló en París. Xa comentarei máis da viaxe noutro post, agora non me apetece (último día con ascensor de hotel escarallado a setes pisos de distancia do chan, empapados pola choiva gala, retraso no voo, en fin).

O que si que quero é comentarvos que nas Termas de Cluny, no Musée du Moyen Age de París, xusto diante do pilier des nautes que representa a Cernunnos, deus da natureza céltica, recibín unha mensaxe de Amra o León: "Presentación confirmada para Mércores día 15 de Agosto, ás 18:15, nas Viñetas". Seica vai ser curtiño de tempo, pero estamos moi ilusionados co tema. Amra anda agora polas terras de Germania... para cando volte teremos que ir preparando tropas para asaltar Breogantia.

Un saúdo.

1.8.07

Partimos cara Lutecia

Durante uns días imos Jan de Delft máis eu a facer unha incursión sobre Lutecia, xa vos contaremos.

Hoxe, tamén, temos a primeira entrevista sobre Gáidil para un xornal... deixarei que fale Amra, que ten máis labia.

PS: Por outro lado encantóume ver os "pequenos" descubrimentos sobre o Castro de Bendoiro. A ver se vale de algo, e se deixan de escarallar Galicia.