6.5.07

Tempos, Cronoloxías, Vidas...

Algo moi recurrente en todo texto histórico, así como en todo xogo de rol que teña unha Historia que contar, é a Cronoloxía.
Longas listas de feitos históricos que ocupan moita historia previa, actual e, ás veces, futura no Mundo no que se xoga. E iso está ben. Para entender en toda a súa magnitude unha obra mestra como O Señor dos Aneis de Tolkien hai que asimilar que os protagonistas viven ao redor do 3018-3020 da Terceira Idade do Sol, e que todo o que lles ocorre realmente chégalles por feitos que pasaron na Primeira e Segunda Idade... polo tanto unha boa Cronoloxía nunca está de máis.

Por outra banda temos (moi ao lonxe de Tolkien, claro: quén nos dera) a Gáidil. O Mundo de Gáidil ten unha base de clan, unha base tribal. O castro importa, teña a extensión que teña. As cousas que pasaron nos tempos dos avós son importantes, pero non existe unha Cronoloxía como tal porque case ninguén a sabería escribir, e aínda menos a saberían ler.

Polo tanto temos, claro está, unha Cronoloxía baseada en grandes periodos de tempo: Os Tempos Denantes dos Tempos, que inclúen o final do Mundo anterior a Gáidil, do que só sobreviveu o Grande Heroe Lugh, e da é poca cando apareceu o Home Carballo Drú da Semente do Espírito, e de como este preparou as Sementes das Grandes Razas; O Tempo das Lendas, marcado pola aparición das Razas da Luz e da Noite e o Longo Inverno no que Lugh non tiña forzas para quentar o Mundo; O Tempo da Primavera, no que Lugh se aleda tanto de ver de novo a xentes poboando o Mundo que brilla con forza e remata coas neves; O Tempo das Batallas, cando as Grandes Razas da Luz e da Noite loitan entre elas polo dominio de Gáidil, marcado pola victoria dos Guéghel e pola fuxida das demais razas da Luz a pequenos refuxios e das razas na Noite ao Sidh Inframundo.
Tras disto chegou o Tempo do Verán, onde se asenta o poder dos Guéghel... pero que sufre un enorme golpe coa Loita entre Irmáns. Enganados pola Dana, as tribos Guéghel loitan entre elas e acaban case exterminadas. Só coa determinación do xefe de grandes heroes Angus Meic Nally, ao construír a súa gaita sobrenatural, obtiveron a victoria sobre a Dana. Victoria chea de tristura, por suposto. Tras disto chegou o Tempo do Outono, tempo no cal os Guéghel están a actuar sobre o Mundo dun xeito maduro e a vivir con relativa calma. Sábese que algún día chegará o Tempo do Inverno, cando de novo apareza a Semente do Espírito e todos loiten por ela, pero á xente pensa pouco neste incerto futuro.

Os Tempos de Agora son os que están a vivir hoxe por hoxe os Guéghel. E poden falar de feitos ocorridos nos Tempos do Verán, os "Nos Tempos de Agora cando o meu avó era aínda un picariño". Pero nunca "no 2675 do Tempo das Batallas", pois estamos a falar dunha cultura que é, case na súa totalidade, seguidora da milenaria Tradición Oral, que fai que "Brem o pastor, nos tempos en que o pai do meu pai entrou a loitar co exército do Breogán, matou co seu tirafondas a un lobo que lle comera tres ovellas" se transforme na "historia de Brem Matalobos, que un día co seu pao de buxo matou a toda a manada do malvado lobo Cair-n'to por ter ameazado con devorar a todos os nenos da rexión".

Ao final incluso moitos de nós non dicimos "isto ocorréume no 1992", senón que buscamos tempos cronolóxicos marcados... "cando me pasou isto ía ao instituto" ou "no segundo ano de universidade" ou "despois de saír con este ou con aquela".

Penso eu.

1 comentario:

jan dijo...

E que como dicía aquel...O tempo é unha entelequia.