25.5.08

De novo, hoxe non o celebro.

Como xa comentara o ano pasado, o 25 de Maio é celebrado por algúns coma o día o orgullo friki. Eu non o celebro, porque nin o termo me gusta, nin me define, nin me parece axeitado.
Por regla xeral non me gusta que alguén se me presente como "ola, son Pepito e son friki". Ou peor, que alguén che veña con que é "máis friki ca Pepito", coma se un termo tan indefinido puidera concretarse en cantidades.
Gústame a literatura fantástica, dende Tolkien a Martin pasando por Howard. A de terror, dende Poe a Lovecraft pasando por King ou Matheson. O cinema de mil estilos, os cómics, as series de televisión canto máis raras mellor. Xogo a rol, a xogos de taboleiro e a xogos de ordenador.

Pero non, non son un friki.

7.5.08

Estandarización, Clonación e dadas de baixa (II)

Gáidil é un xogo completo en canto a Ambientación e Sistema de Xogo. Pero non podemos dicir menos das versións D20 de xogos como Conan RPG, Cthulhu ou Star Wars, ou mesmo Fading Suns.


Por que? Pois porque estes xogos teñen sistemas D20, pero tan persoalizados que lles quedan a estas ambientacións como luvas. Sobre todo o de Conan e o de Star Wars, xogos que tiñan as súas versións GURPS e D6 respectivamente, moi malas segundo moitos. A adaptación a D20 logrou que moita xente aceptase de novo estas ambientacións con gusto e moitas ganas.

Baixo esta premisa (de que o sistema D20 está ben, pero pódese mellorar; e que é un sistema o suficientemente popular como para que á xente lle guste xogar a D20 exclusivamente en diferentes ambientes) Amra o León, cun pouco de axuda pola miña parte, está a desenvolver un sistema D20 para un xogo de rol futurista baseado en todo o que nos gusta da literatura, cinema, series, videoxogos e ilustración sobre temática futurista. É o proxecto no que levamos máis tempo traballando (sobre todo Amra), e o primeiro no que nos vimos traballando man a man.

Que vantaxes terá se algún día o publicamos? Que será D20, cousa que a moitos lles atrae, sobre todo cando é un D20 que aporta algo novo, cousa que está sendo a pedra angular deste xogo: un sistema xenérico, pero á vez coas suficientes particulariedades como para que sexa xenuino.

Por que queremos que se distinga do resto? Pois pola mesma razón pola cal nos negamos a poñerlle un sistema D20 a Gáidil. Houbo que nos tentou co asunto, pero a nosa teima era que fose 100% orixinal en todos os aspectos. Obviamente a estas alturas do partido é case que imposible. Tentar aportar orixinalidade ao mundo é das tarefas máis arriscadas que hai, pero eu penso que con Gáidil non nos foi mal de todo, gracias a toda a afección que nos apoia.

Sacar hoxe por hoxe un manual para unha ambientación D20 xenérica é case como clonar. Ou aportas algo novo nesa ambientación ao sistema de xogo (como fai Midnight, por exemplo) ou para min quedas limitado e repetindo máis do mesmo.

3.5.08

Estandarización, Clonación e dadas de baixa (I)

Está a piques de saír a tan agardada por moitos cuarta edición do mundialmente famoso Dungeons and Dragons (D&D), xogo insignia e baluarte do rol. Con el comezou todo. E con todo me refiro á comercialización do produto, a parte que menos me interesa do rol.


D&D na súa terceira edición puxo enriba da mesa o sistema d20, un sistema aberto que, en teoría, estandarizaría o que era o rol.

Os xogos de rol defínense en dous aspectos clave dende o meu punto de vista: ambientación e sistema. A ambientación vén sendo o entorno onde se mergullan os xogadores e o contacontos. Moitas veces podemos definila en poucas verbas. Así, o D&D básico (é dicir, o que se nos plantexa moi por enriba nos manuais de Xogador e Máster, que ten por nome Greyhawk) tería unha ambientación de Alta Fantasía. A Chamada de Cthulhu sería terror pulp, como as obras de Lovecraft, Ambrose Bierce, Robert Bloch, etc. Traveller tería unha ambientación de Hard SciFi, é dicir, futurista pero con toques moi realistas... un xogo no futuro, pero un futuro probable.

Por outra banda, o sistema representa o xeito en que os xogadores e o contacontos poden interactuar coa ambientación. Si eu como xogador estou representanto o rol dun arqueiro nunha ambientación parecida á de Willow, teño que saber qué teño que facer para colocar unha frecha no arco, apuntar a un dos secuaces de Bavmorda e plantarlle esa frecha no entrecello. Normalmente todo se resolve tirando dados de diferentes formas poliédricas. En Gáidil, por exemplo, só se usan dados de 6 caras (cubos, chamados "d6"), pero Cthulhu ou D&D teñen dados dende 4 caras até 20.

Así, o sistema de xogo é só un medio para que as accións que levan a cabo os protagonistas e os secundarios dun conto dunha partida de rol queden plasmadas na ambientación: se o arqueiro de antes ten como habilidade en Arcos un +5, e ten que obter un resultado de 17 en total despois de tirar 1 dado de 20 caras, queda claro que no dado ten que sacar polo menos un 12 ou máis. Se casa menos, falla. Se saca 12 ou máis, impacta.

Noutro xogo ese +5 pode ser simplemente un 60% de probabilidade. Tiramos dús veces 1 dado de 10 caras, a primeira vez para unidades e a segunda para centeas. Obtemos un 3 e un 5, o que dá un 53: coma é menos que 60, acertamos.

Noutro xogo ese +5 segue sendo un +5, pero teño que repartir 4 dados de Loita para o ataque. Meto 3 dados en atacar ao branco e o que me queda o reservo para defenderme por se ese maldito sobrevive. Tiro 3 dados de 6 caras e sumo 5 ao resultado. Se saco máis de 14, impacto.
E un enorme etcétera. Como vemos, unha mesma ambientación pode ter mil sistema diferentes...

O sistema D20 é un sistema, no seu nivel base, OGL. Isto quere dicir que calquera pode facer un xogo neste sistema. Tan só tería que inventar ou adaptar unha ambientación, que o sistema xa estaría feito.

Deste xeito, temos o D20 Moderno, un sistema válido para xogar partidas en calquer ambientación actual (dende Bourne até Reservoir Dogs, pasando por American History "X"), un D20 Futuro, para partidas galácticas ou cyberpunks; un Cthulhu D20, para xogar á Chamada de Cthulhu con este sistema, etc.

A estandarización dos sistema de xogo é algo que está a ocorrer. O efecto é como se en todos os deportes o obxectivo fose "pasar un balón a través dunha liña determinada nun campo de xogo", e a isto lle engadimos diferentes reglas optativas e ambientacións para obter o rugby, o fútbol, o fútbol americano, o waterpolo... etcétera.

O problema é cando chegamos ao baloncesto. Parece que ese sistema de pasar o balón por unha liña non se axeita. Pero aínda así unha compañía con moitos cartos saca o "Baloncesto D20". É igual, pero os aros están pintados no chan e hai que levar alí o balón. A moitos lles convence, a outros non. E logo ben o Golf D20, o Judo D20, o Brilé D20 e a Estornela D20. E, de novo, a moitos lles convence, a outros non. O mercado é o que ten.

Para min os sistemas de xogo van da man das ambientacións. É como o aspecto físico dunha persoa (ambientación) e a súa personalidade (sistema de xogo). Cando atopas un enorme grupo de persoas que son todas guapísimas e esculturais, pero que a nivel persoal son iguais, algo cheira a can.

Nin qué decir ten que para min o D2o paréceme un grandísimo sistema, moi completo e doado de asimilar e de xogar, ao que se lle poden engadir mil reglas optativas sen desequilibrar en absoluto o xogo. Pero sempre seguirei preferindo a Cthulhu co sistema Chaosium ou a Star Wars co sistema d6.

Polo tanto, nunca estarei a favor da estandarización dos xogos de rol. Si da "sinxelización" e a aproximación ao público. Como a xente, os xogos de rol deben ter o seu carácter e a súa personalidade e, o máis importante, deben xerar curiosidade, aportar ideas e ter xogabilidade. Se isto implica un único sistema de xogo para gobernalos a todos, mal vamos. Penso eu.

1.5.08

Alén das Pradarías de Lir

Unha Terra, un Povo e unha Fala. O de Galicia, o máis caro de todos.

Abraiantes. Preciosos.

20.4.08

Chairde


Porque son o máis importante cando son verdadeiros, aos amigos hai que mantelos e querelos. Temos entre eles novas adquisicións (chegados o 17 de Abril) e outros que veñen a compartir inquedanzas e afeccións de cando en vez ou que veñen de acelerar partículas noutros países. Pero todos son benvidos.

31.3.08

Moitas ideas, pouco tempo

Durante as últimas semanas Amra máis eu estivemos bastante liados, pero puidemos quedar un par de días para traballar a reo no que será o primeiro suplemento d'As Crónicas de Gáidil.
Tentamos que este suplemento contente a todos, así que terá moito trasfondo e descrición do Mundo, así como un bo lote de novas reglas.
Percorremos a Gael-leach para describir novos castros e lugares de aventura, amais de engadir novos seres ao mundo así como ampliar a descrición doutros, coma os Tourishomes e os Piornais, ampliando e concretando tamén as listas de "A ese venlle de familia...".
En canto á Maxia, faremos unha mellora baseada nun novo aspecto máxico e espiritual do mundo: o Arrecendo. Haberá unhas 6 Habelencias novas, entre as que se contan Comunión, Vieiros ou Sintonizar.
Tamén engadiremos os Camiños, vías de especialización que os Protagonistas poden seguir para mellorar nas súas profesións.
De novo contaremos con Víctor Rivas para as ilustracións, e será el que realice o debuxo (xa lle dimos a idea e estaba encantado) para a, agardemos, espectacular ilustración das pantallas (a 4 lados).

De tódolos xeitos estanos a levar algo de tempo ter todo listo, e non podemos dar datas fixas. Pero, se nos permitides esta licenza, o bo faise agardar.

14.3.08

Que "ilu"!!!!

Só por isto valeu a pena erguerse.