26.9.10

Embelyon

Hai cousas que non entendo.
Como por exemplo o tremendo ruxe-ruxe que a introdución do xogo de rol retroclone Embelyon levantou. Alguén debería ler entón a de Dragon Warriors, que é bastante máis directa e sen cortarse un pelo.

Sigo sen comprender o fundamentalismo que algúns defenden con respecto ao Dungeons and Dragons en tódalas súas versións. O chiste é que a cada nova versión que sacan do Dungeons, máis extremista se volve a xente á hora de defendelo. Coma se tivesen que xustificarse.
Pero en fin, desto hai en todo, e xa teño visto o mesmo extremismo con Runequest, por exemplo (un tipo que coñecín era muyaidín do Runequest e mesmo se gababa de non ter nunca probado Rolemaster nin MERP coma se fose todo un logro... pobriño el na súa cerrazón).

O que quero dicir é que o importante é xogar, e xogar ao que cada un lle gusta., sempre tendo en conta que isto é como a gastronomía: pódeche gustar o churrasco, pero comelo tódolos días non ten moito sentido. A min hai xogos que me encantan aos que sei que xogarei pouco ou nada. Hai xogos que me gustan menos aos que sei que xogarei máis. Todo isto porque xogar a Rol é, ante todo, un acto social no que hai que "asinar un contrato" con outra xente e no que todos nos adaptamos un pouco aos outros do grupo. Non tería sentido se non fose así. Pero ante todo hai que se divertir, e ás veces tamén é divertido probar cousas nova e ver cos ollos doutros.
A respecto dos grandes xogos e das multinacionais eu o teño claro: prefiro os xogos pequenos que me den moito traballo. Prefiro que o xogo me traia un mapa con moitas zonas en branco para que eu poida enchelas a medida que o meu grupo explore o mundo. Prefiro que me den unha base sobre a que poidamos narrar unha Campaña.
Pero isto é o meu grupo. Hai grupos que xogan doutro xeito, e non ten nada de malo. Simplemente é distinto. Para xogar a Rol non hai unhas intruccións escritas en pedra, nin sequera as reglas de cada xogo son algo inviolable (Gary sabe que eu mas paso polo forro decote).

Embelyon é un xogo pequeno, cunha intención excelente e unha presentación profesional. Se se lle pode botar algo en cara é que transforma o Microlite D20 nunha aproximación maior ao Dungeons 3.5. Eu persoalmente teño pensado usalo cos meus sobriños, pero con certas modificacións caseiras (dados de golpe variados por raza, reglas máis amplas de subida de nivel, uso da Maxia doutro xeito). Pero o que nunca lle poderei botar en cara é a crítica que fai ao Rol de mercado, ese que pretende impoñer sistemas de xogo e formas únicas de ver unha afección que ten tantos puntos de vista coma xogadores: millóns.