30.11.08

Habelencias I: Convocar

Imos comezar unha serie de comentarios/aclaracións/addendas/"o que sexa" sobre as Habelencias d'As Crónicas de Gáidil.
Neste primeiro capítulo pasaremos a comentar a Habelencia de Convocar.
Convocar é unha Habelencia moi socorrida, e das máis útiles para o novato. Ten un poder devastador dende os niveles máis baixos, podendo facer moito dano. Isto, claro está, se só lle sacamos partido por ese lado. Convocar dá para moito máis.

O uso de Convocar é ben sinxelo: Tirada de Elaboración e de Folgos contra unha dificultade imposta polo Contacontos e, se temos éxito na Elaboración, o poder liberado dependerá do nivel que teñamos na Habelencia. Imaxinemos que Ghénzu o feiticeiro ten Convocar (Lume) +3. Se ten éxito na tirada de Elaboración poderá convocar unha laparada de lume que chegue a facer até 3d6 de dano. Letal para alguén pouco protexido.
Neste caso, o Lume pode ser substituído por Lóstregos ou mesmo Dagas, por exemplo. Si, si: Dagas. Un asasino pode ter a Habelencia Convocar (Dagas) +4, e (mesmo desarmado) fará un ataque coma se dun mago se tratase e tirará 4d6 de dano se ten éxito. Esas dagas, obviamente, son máxicas e desaparecerán inmediatamente despois de impactar.
Convocar Lume, Vento ou Auga pode ter diversos usos, non só ofensivos. Amra ten na súa actual Lenda de Gáidil un feiticeiro que sabe Convocar (Vento). Raras veces o usa para atacar, e ao que se adica é a establecer un perímetro protector contra frechas e ataques dese estilo, para cubrir aos seus compañeiros na batalla, aumentando a súa Defensa.
Pero Vento pode ser usado para empurrar dunha dorna que teña velas, ou para apagar un lume, ou mesmo para facer funcionar un muíño.
Un protagonista con Convocar (Xeo) podería non só facer dano a un inimigo, senón tamén crear unha película de xeo no chan que derrube aos inimigos: en troques de dano pode establecer a dificultade dunha tirada de Corpo ou Pinchacarneiros para non caer e ser derrubados, perdendo dados de Loita ou Arcano para poder poñernos de pé.
Do mesmo xeito, podemos falar de Ulin, o temible fomorián ao servizo de si mesmo que sabe Convocar (Escuridade) +5. Como vemos é un poder que non pode ser usado ofensivamente. Ulin utiliza esta Habelencia para non ser detectado. En troques de tirar 5d6 de dano, Ulin é quen de aumentar calquer intento de ser detectado por gardas, sentinelas ou vixías en 5d6. O mesmo ocorrería tendo Convocar (Brétema). É dicir, se na nosa tirada de agocharse sacamos un total de 13, e na de Convocar Escuridade sacamos un 15, mentres dure a Escuridade un garda deberá sacar un 29 coma mínimo para detectarnos. A non ser, claro, que ese garda saiba Convocar (Luz) e contrarreste os efectos da Escuridade.

Podería ter eu Convocar (Abellas) +4? Pois si. Obviamente non tería nada que ver coa Habelencia de Chamada, pois esas abellas convocadas só valerían para estorbar a un inimigo mancándoo e non estarían ao noso servizo como un animal Chamado. Pero poderían ser convocados, por que non?

Vemos así que Convocar ten moitos usos posibles e que, ás veces, elexir un método non ofensivo pode resultar máis completo e divertido en xeral para un feiticeiro ou para un aimirguín de Gáidil.

Experiencia

Toda unha experiencia compartir mesa redonda cos mozos de Frontier, o novo clube de rol formado en Coruña da man da xente da asociación Mangalego. Deunos para falar longo e tendido sobre Gáidil, pero sobre todo da situación do rol actual, de xogos novos e de xogos vellos (e si, por veces sentinme moi vello).
De novo contento de ver que hai xente que está aí traballando en serio. A semana que vén, vémonos en Goián cos compañeiros de Alifáfaro.

24.11.08

Citas para esta fin de semana do 29 e 30

Por un lado os Tuata dé Danann de Pontevedra contan coas súas Gorsedd do 2008. Teñen todo o horario pendurado no seu blog, e chamounos a atención que nos torneos de rol de mesa seica van xogar ás Crónicas de Gáidil. Agradecidos polo cumprimento. Que se xogue o noso xogo en tan insignes Encontros é toda unha honra: graciñas!
Nós pola nosa banda xa tiñamos dende hai tempo apalabrada a nosa presencia en Coruña coa xente de Mangalego, para unha cantas partidas e unha pequena mesa redonda.

É unha mágoa que estas cousas coincidan no tempo. É un dos problemas que vexo neste mundillo: a falta de comunicación entre clubes, asociacións ou afeccionados (ou directamente a incomunicación).
Nalgúns casos o entendo (hai grupos de xogadores que nin se aturan nin teñen motivos para facelo por problemas persoais), pero noutros vexo que é talvez porque simplemente se ignora a existencia dalgunhas asociacións ou clubes.
Por exemplo, descoñezo a existencia de xente que xogue a rol de xeito organizado en Lugo ou Ourense. Por isto, si eu montase uns Encontros de rol poderían perfectamente coincidir con outros que se fagan noutros lugares, e non por facer "contraprogramación", senon porque non hai unha rede social (antes era Galicia Rol, agora desaparecida) que aglutine e informe a todo o mundo.

Non quero imaxinar o que podería ser que todas as asociacións e clubes de xogadores de rol e miniaturas formasen unha especie de federación e que, á parte de organizar eventos pola súa conta, de cando en vez se unisen para montar algo organizado a grande escala, xa fosen macro batallas de Warhammer 40k ou partidas de Rol en Vivo masivas alén de Irmandiños. E xa nin imaxinar podo o que sería que grupos independentes coma os que coñezo por Compostela, Ferrol ou o meu propio Clube de Té se adherisen a tales actividades a nivel galego.

Algo digno de ver...

15.11.08

Puntos de Vista

Guillermo del Toro paréceme un contacontos de moi boa calidade. Pódeche gustar máis ou menos, pero o seu acerto, por exemplo, en usar "xente disfrazada" para facer o papel de personaxes ou de monstros en troques do lucasiano vicio de facer por ordenador todo o que non sexa humano é un acerto. Gústame sentir que podes tocar ao Fauno, ou a Hellboy, ou a Abe Sapien, e que non só son bits na pantalla. Para isto Jim Henson era un deus na terra.

Volvendo ao tema, vexo en personaxes como Nuada un exemplo físico do que pode ser un fomorián.


Claro está, debería ser azul, pero o seu xeito de moverse, de loitar e mesmo nalgunha ocasións de vestir fan que me veñan os fomori sempre á cabeza.
Cómpre sinalar que o Nuada mitolóxico pouco ten que ver o de Del Toro, pero segue sendo un personaxe do que se poden sacar ideas.



Outro exemplo é o Fauno, que a min me lembra moito a cómo poderían ser os Oisín de Cernunnos.

Gústame moito o aspecto xeral que ten. Hainos de moitos tipos, coma os Cons de Lir, que adoptan a forma de animais mariños. Tamén os hai que adoptan forma de paxaro.
Esta é a versión de Rivas dun Osián-cervo.Para as pantallas tamén faremos unha revisión dos oisín, profesión que parece que gustou bastante e que merece unhas cantas liñas para que teñan un trasfondo amplo como se merecen.

11.11.08

Avances

Esta fin de semana Amra máis eu estivemos facendo moitos avances para o vindeiro suplemento d'As Crónicas de Gáidil.

Xa temos unha especie de "mapa conceptual" do que queremos presentar, e entre iso están as razas de xogo. Neste caso queremos aportar datos sobre cultura, sociedade, castes e xeito de xogar.

Sociedade, cultura e estilo de vida en xeral para o trasfondo. Castes para completar a creación de Protagonistas e poder levar as mesmas razas, pero de xeitos diferentes (igual que levar un guéghal, que é moi distinto ser trasanco que leuno, por exemplo).

Xeito de xogar, pois porque nalgúns casos vimos que facía moita falla. Hai xente que ve un tourishome e pensa que é un minotauro. Hai outros que ven un loio e ven un kender. Nada máis lonxe da realidade. Os loios e tourishomes teñen unha entidade propia e non están baseados en nada diso. Queremos aportar un enfoque claro sobre estas razas e outras, para que quede constancia do noso punto de vista. Obviamente logo cada un xoga como quere (ou lle deixan). Pero ver partidas onde tourishomes renegan das súas porras cerimoniais para levar espadóns e coirazas fai que perdamos un pouco a fé. É como ver a unha horda de ninjas cargando con claymores escocesas "porque fan máis dano". Pérdese o toque cultural, etnolóxico e ancestral, que para min é o que lle dá moita coherencia a un mundo de xogo. E si hai coherencia no mundo de xogo podemos comezar a crer que estamos aló vivindo aventuras, xa non nunha mesa con catro ou cinco amigos, se non defendendo os muros de Lug, ou cabalgando as ondas das Pradarías de Lir, ou atravesando o Aranguelo do Mundo.

Temos preparado trasfondo novo para os Tourishomes, os Loios, os Saefes, os Mouros e nos gustaría aportar algo dos Fomoriáns.

Se alguén ten algunha petición especial, somos todo orellas!

PS: Engado o enlace ao clube de rol compostelán Gygax á lista de clubes en activo dos que teño constancia. Se hai máis, avisade, que dende eiquí facemos promoción.

6.11.08

Vida e Morte

Está ben o asociacionismo. Axuda a coñecer xente e a abrirse de mente coñecendo novas ideas, posturas e puntos de vista.
En vindeiras datas estaremos convidados pola Asociación Cultural Mangalego (tamén teñen Foro) para visitar o seu lugar de reunión e botar unhas partidiñas con eles a rol. Tamén nos convidan os compañeiros de Alifáfaro, un colectivo que, á parte de rol, fan películas!
Tamén queren de nós algo moi difícil, axudar na organización dunhas actividades en Cuntis (onde está o magnífico casto de Castrolandín) co xogo de Gáidil de fondo para dar a coñecer a cultura castrexa aos rapaces daló. Pensamos en algo como Irmandiños, pero dividido por dez ou por vinte, claro, e sobre todo coa rapazada de Cuntis como protagonistas. Debido ao clima supoño que é algo que haberá que deixar para primavera... igual para mediados de Maio?

Tamén atopamos navegando en barcos longos pola rede ao Colectivo Lúdico Hermes, que lendo o seu foro vemos que pode recolle-lo testemuño que Galicia Rol deixou no ar. Sempre é bo que xurdan estas iniciativas... e unha pena que outras esmorezan.

En fin, esta fin de semana organizarémo-lo índice das Pantallas (Solaina do Contacontos? Abeiro? Linde?) e o material que vai e que non vai, con intención tamén de colgar no grupo yahoo material que vale, pero que igual non entra nas pantallas.

Un saúdo dende Libredón.

PS: Morreu Michael Crichton. Non estaba dacordo con certas ideas súas, nin me gustaban moitos dos seus libros. Aínda así, "Devoradores de Cadáveres" e, sobor de todo a súa adaptación ao cinema, "The 13th Warrior", inspiraron tamén a estes humildes autores a escribir grandes aventuras, xa en Gáidil, xa noutros mundos. Sit tibi terra levis.