25.11.09

Algo de envexa

Mágoa que por aquí non se monten destas cousas de cote. Ou igual se fan i eu non me entero. Irmandiños creo que xa é algo que vai ser difícil que se repita (eu prefiro cousas máis pequenas, pero que era toda unha experiencia non hai dúbida), e vivos "a plan" cun sitio ben montado e xente con ganas de facer (non de desfacer) o vexo, alomenos en Compostela, difícil. Sácome o sombreiro ante certos colectivos que vexo que traballan duro, pero agás moi de cando en cando (como estas xornadas de Ferrol) vexo que, aínda que hai moita xente xogando, hai poucos grupos grandes (léase clubes) que estén realmente activos "de cara á galería" (que é como se sabe se algo está activo).

Non sei, pero case todos os clubes de rol que coñezo rematan coma o rosario da aurora. Debe ser defecto do Homo Ludens.

22.11.09

Xornadas de Rol en Ferrol

Moito tempo sen actualizar, moitas cousas ocorridas, pouco tempo para explicalas.

Polo dagora informámosvos das inminentes xornadas de Rol que Ossián prepara en Ferrol para o 4, 5 e 6 de Decembro. Eiquí tedes o enlace.


Un saúdo dende Libredón.

PD: Alomenos Ossián segue viva... a última vez que busquei actividades de Casco Vello Libredón de Compostela enviábame a unha páxina de compra de Tamiflú. En fin.

17.5.09

17 de Maio

Coma sempre, manifestación na Alameda con rumbo á Quintana. Este ano con maior motivo que nunca, despois de que a escoura de Galicia Bilingüe armase a súa nasa de estrume na que moitos se deixaron atrapar. Noxento.

Hoxe, de novo, berramos pola nosa lingua. Coma mestres facémolo diariamente... porque a lingua propia de un país é un deber coñecela e un dereito usala e, pódovolo asegurar, os únicos alumnos realmente bilingües que tiven na miña vida eran aqueles que eran galegofalantes. Estes coñecían tanto o seu galego coma o castellano que era imposto por todos os medios lúdicos (series de tv, xogos de ordenador ou de play, etcétera). Os castellanofalantes só coñecían esa lingua, a cooficial, e non podían case nin artellar palabra en galego.

Éche o que hai.

6.5.09

Falando do rei de Breogantia...

Boas de novo, guéghel!

Lanzamos un aviso a navegantes: o vindeiro día 11 de Maio ás 18h estaremos Amra o León, Víctor Rivas i eu mesmo no salón de actos da Escola de Artes Pablo Picasso de Coruña para falar un pouco do que son os xogos de rol, d'As Crónicas, do deseño xeral do mundo de Gáidil tanto a nivel escrito coma a nivel ilustrativo e dos novos proxectos.

A quen lle interese, vémonos aló.

26.4.09

Por todos, para todos

A finais do ano pasado levamos unha sorpresa maiúscula: había un afeccionado a Gáidil, da mesma Irmandade do World of Warcraft que Amra o León (tamén coñecido por Gerry López) que nos fixo unha proposta moi moi interesante: crear unha wiki de Gáidil. Jab Korr é o responsable e o administrador desta idea.

Por suposto lle dimos luz verde ao proxecto, visto que pode ser unha maneira interesante de aportar máis datos sobre o Mundo de Gáidil, a Gael-leach, os diferentes seres da Luz e do Sidh...
Neste lugar de encontro poderemos atopar castros novos, novas castes, armas diferentes e moitas outras cousas, e todo o que se queira. Pola nosa parte tentaremos aportar moito e traballar para que esta wiki medre.

Pero o que agardamos verdadeiramente é que vós mesmos ampliedes, na medida en que vos apeteza, este mundo que é Gáidil.
Como xa dixemos cando publicamos o libro, agora Gáidil é voso, e sodes vós quen lle dades vida na medida en que o xogades. Nin a Arma nin a min nos gustaron nunca as "Campañas oficiais pechadas", onde a labor dun máster imaxinativo era aplastada pola maquinaria editorial impoñendo ideas.

A dirección desta wiki é http://cronicasgaidil.wikia.com/
Agardamos que lle sexa de utilidade a todos os afeccionados.
De novo, moitas gracias a Jab pola idea e pola paciencia que tivo para levala a cabo. Agora, pola nosa parte, a traballar!

13.4.09

Orfos de novo

Se xa o pasado anos perdiamos a Gary Gygax, o pasado día 7 de abril perdimos a Dave Arneson.

A Dave debémoslle moito todos aqueles que temos a afección non só como pasatempo, se non como medio de vida.
Foi el quen, partindo dos xogos de guerra con miniaturas, desenvolveu as primeiras aventuras de rol tal e como as entendemos agora: cada xogador, en troques de levar un exército enteiro, se encarna nun só personaxe, mentres que un árbitro encarna todo o demais que haxa no mundo. É unha mágoa todo o que ocorreu logo entre Gygax i el, malos rollos e demais. Arneson é a mente pensante, deseñadora de sistemas e xeitos de xogo que quedou na sombra, para desgracia de todos.
Dave Arneson (1/X/1947 - 7/IV/2009)

Igual que pasara cando morreu Gygax, cando Patrick me deu a nova sobre Arneson sentín pena, coma se morrera un parente lonxano ao que hai tempo non ves.
Agardo que Gary máis el se atopen no Outro Lado e poidan arranxar os seus problemas e, con sorte, o día que me toque a min pasar dese Lado ter a ocasión de botar unhas partidas con eles, xa a Blackmoor, a D&D, ou mesmo a Gáidil.

2.4.09

De novo por eiquí.

Buf, canto tempo. Acontecementos do pasado impedíronme retomar o blog. Acontecementos do presente e o futuro obríganme a voltar. E, antes de nada, un saúdo a todos!
Anunciarvos que moita xente se está movendo por manter viva a Afección.
Ao primeiro que vou nomear é a Zónula, que está removendo Raxoi co Ensanche para poder celebrar unhas macro-xornadas galegas este verán. Tamén me contou que ten preparados uns mini-encontros de rol e simulación para este maio, así que estade atentos.
Tamén nomear aos herméticos, e sobre todo a certos membros dese colectivo, os Cabaleiros Mercenarios, que se poñen á nosa disposición para amenizar, loitar e, sobre todo, rolear!
En Artabria coméntame Nacho que a asociación Ossián prepara tamén unhas xornadas para este verán. Agardo que non se eclipsen as de Santiago e as de Ferrol. Xa ocorreu coas que montaron Mangalego na Coruña e os Tuata dé Danann en Pontevedra e pasou o que pasou: mínima convocatoria.

Por último nomear a Jab Korr, que está a traballar un montón e pouco caso lle facemos. As nosas desculpas e promesa de poñernos canto antes a traballar no seu proxecto.

Bicos e apertas, a ver se actualizo máis a miúdo!

6.1.09

Os Reis Magos pasaron por Gáidil

E aí vos vai parte do que deixaron...

Comunión

Comunión é unha Habelencia moi especial, e un tanto distinta ao resto de Habelencias. Mediante o seu uso poderemos comunicarnos con case calquer cousa do mundo de Gáidil.

A simple vista poderíase considerar unha variación da Habilidade Entender, pero ten unha amplitude maior.

Cando mercamos esta Habelencia debemos escoller con qué elemento aprendemos a entrar en comunión: Rochas, Mar, Árbores, Aves, Ríos, Nubeiros, Choiva, ...

A mecánica de uso é semellante a unha Habilidade, así que a maioría das veces unha tirada de Comunión se pode resolver cunha tirada simple.

En certos casos especiais en que o Contacontos o considere oportuno pode esixir unha tirada de Maxia convencional.

No caso de unha tirada simple tan só o protagonista entendería ao elemento co que se comunique. En caso dunha tirada de Arcano, por cada nivel que teña na Habelencia poderá engadir a outro participante que poderá tanto entender coma falar.

Cómpre sinalar que, se o Contacontos o permite, o xogador pode preferir facer unha tirada de Arcano en troques dunha simple para engadir participantes na conversa.

Exemplo 1: Arume, unha feiticeira ártabra, ten Comunión (Mar) +3. Está cos seus amigos na Praia dos Niños, ao norte de Artabria. Tenta falar alí cos mares que forman as Pradarías de Lir, xa que están na procura dun tesouro que se perdeu nese mar. O Contacontos decide que será unha tirada simple, e pon de dificultade 9. Arume tira 2d6 máis a súa Habelencia Comunión (Mar) de +3, e obtén un total de 11: éxito. O Mar cóntalle que lembra, hai centos de invernos, a un heroe que tirou tal tesouro entre os penedos da praia... que sería mellor que lle preguntaran á Rocha Enorme que hai rompendo ondas un pouco máis alá.

Exemplo 2: Na compaña dos seus amigos, Arume vai a tentar falar con tal Rocha (ten Comunión con Rochas a +2), pero o Contacontos dille que está moi durmida. Vai ter que facer unha tirada de Arcano. Arume ten 4 de Arcano, 8 de Vontade e 6 de Saúde. O Contacontos decide que a dificultade é 10. Reparte 2 dados a Elaboración e 2 a Folgos. Fai a tirada de Elaboración e ten éxito, pero falla a de Folgos (perdendo 2 de Saúde). Logra espertar á Rocha Enorme e, gracias ao seu nivel na Habelencia, podería engadir a 2 persoas máis na conversa, que poden ser outras rochas menores que haxa por aló, ou a 2 dos seus amigos ou unha mestura.

Rituais de Comunión

Cando usamos a Habelencia de ritual vencellada á Comunión poderemos facer unha preparación previa.

Por cada hora que preparemos a Comunión poderemos descender a dificultade das tiradas en 1 (até o máximo que teñamos en Arcanismo ou Veneración).

Ademáis, poderemos facer comunións na distancia cos elementos seleccionados. Para poder facelo deberemos usar un foco especial (un espello, unha lagoa de augas calmas, lume de fogar, soños).

O emisor (quen lanza o feitizo) só poderá crear unha comunión con aqueles que se atopen a certa distancia. Para saber a qué distancia podemos facelo multiplicaremos o nivel de Comunión co de Arcanismo ou Veneración se son iguais ou menores que Ritual. Ese número será o máximo de días de camiño para unha persoa normal á que o receptor pode estar.

Exemplo: Brelio o Escuro quere entrar en Comunión con Estelios o Atlante para mandarlle unha mensaxe. Ten Comunión (Guéghel) +3, Ritual +4 e Arcanismo +5. A distancia máxima á que pode mandar a mensaxe é de 12 días de camiño, xa que aínda que ten Arcanismo +5 éste queda limitado ao seu nivel de Ritual, que é +4. Brelio atópase preso no Torreón do Baol'Engo, e pensa que Estelios se atopa en Libredón. Como Libredón está a moito menos de 12 días de camiño de tal Torreón, a mensaxe está en alcance. O Obxectivo de Brelio, polo tanto, sería toda Libredón; a mensaxe buscará a Estelios por todo o castro.

Unha vez sabido se é posible mandarlle a mensaxe (o emisor nunca o saberá con exactitude, a non ser que teña certeza absoluta de que o receptor esté nun sitio), o emisor fará unha tirada de Arcano á cal o Contacontos lle imporá unha dificultade dependendo da distancia, a situación de emisor e receptor e os lugares onde se atopen. Se ten éxito, o emisor poderá lanzar unha mensaxe cunha lonxitude máxima en palabras igual á diferencia entre a dificultade e a súa tirada de Elaboración, cun mínimo de 1.

Exemplo: Brelio ten unha dificultade para mandar a mensaxe a Estelios de 12, e obtén en elaboración un 18: poderá mandar unha mensaxe de 6 palabras.

Agardamos vos agrade. Felices Reis a todos!