29.9.07

Xogando en Gáidil V: Creación dun Protagonista

Trasfondo e historia


Para a Historia do Protagonista temos unha serie de sinxelas preguntas para darlle forma. Cada xogador irá respostando estas preguntas meténdose no pelexo do seu Protagonista, saboreando a súa vida e introducíndose nela. Dese xeito unha vez que xoguemos a experiencia será máis divertida e sentida.

Quen es?
Eu son Cerne dos Leunos, fillo de Brandán e de Xolda, neto de Aldán. Os demais ven en min un guerreiro, pero eu son un cazador de seres escuros, ou alomenos para iso me preparei.

Como es?
Son máis ben baixo, de pouco máis de vara e media de alto, e peso coma 70 croios. Sempre din de min que son todo freba. Teño o pelo negro coma un corvo e longo, pero aos meus 17 invernos a barba, ou tan sequera un bigote, non é capaz de agromar na miña faciana. De tódolos xeitos a miña cara énchese cos meus ollos, vivos e cheos de lume.
Non me gusta demasiado a compaña, máis que nada porque non sei falar dos temas que falan os demais. E os temas dos que me gusta falar e enterarme (do Inframundo) non son para falar entre xentes de corazón feble. Procuro ser correcto cos que me arrodean, pero non admito confianzas. Moitos din que estou feito un moucho e un morcón, pero prefiro iso a sufrir cando aqueles que aprezo morran.

De onde vés?
Nacín e me criei no Castro das Vides Longas, a 3 días de Proencia e na beira norte do Río Pai, perto do Camiño que vai cara a Serra dos Homes-Boi. Os meus pais traballaban na vide e eran grandes viñateiros. Eu queríaos moito. Tendo eu 10 invernos, durante un Samaín, as Portas do Sidh se abriron e seres escuros asulagaron a noite. O castro foi atacado, e algúns desapareceron sen deixar rastro, entre eles meu pai e miña nai. Dende aquela fun criado polo meu avó, Aldán.
Vivía fóra do castro, nunha choupana de pedra rexa coma un carballo. Dicían que estaba medio tolo, e que estivera toda a súa vida lonxe do castro, e que vira moito mundo. Un día volveu e se instalou naquela casa sen máis, como quen volta dunha viaxe dunha lúa. Só que el botara lonxe do castro 30 invernos.
A min contóume secretos que a ninguén lle contara. Díxome que estivera ao servizo do Breogán, o Rei de Reis de Breogantia. Uníndose a un grupo de aventureiros, formou parte dunha Irmandade chamada A Sentinela, que se encargaba de loitar contra os servintes da Dana e contra calquer ameaza contra o Breogán. Segundo me contou chegou a ser xefe de grandes heroes. Contóume dos seres que tentar invadir este mundo, dos planos escuros da Dana, así como dos Tuata e os Fomori, os seus servintes. Preparóume para unha vida distinta á das viñas, unha vida que me axudaría a respostar a única pregunta que me fago cada vez que vexo as árbores de Brandán e Xolda na Fraga Cerimonial do meu castro unha vez e outra: onde están os meus pais?

Que fas eiquí?
Unha noite, facendo garda con outros do castro, plantei cara a un lonbag que tiña a unha pequena horda de trasnos con el. Logrei que dera volta sen ter que loitar, e que deixara o castro tranquilo. Dende aquela todo o mundo ve algo en min que non cadra. Non debería estar entre vides e barricas... debería estar en Proencia coma home do clan dos Leunos, servindo ao Rei. Pero eu sei que ese non é o meu destino. Aínda así, vexo que teño pequenos asuntos que arranxar neste castro antes de marchar.

Onde vas?
Aldán xa me contou moito. Pode que de máis. Agora o meu fado está escrito na miña mente. Debo ir na procura dos meus pais. Pode ser que poida contactar con algún membro d'A Sentinela e que me axude; pero ben sei que se trata dunha organización secreta, e que non confiarán en min aínda que me mande Aldán.
Sei que o meu destino é ese e non hai volta. Pero para que me teñan en conta terei primeiro que demostrar a miña valía con algunha fazaña. Pero cal?

Xogando en Gáidil IV: Creación dun Protagonista

Renome, Equipo e outros detalles


Cerne é un Protagonista recén creado, polo que terá tan só 1 punto de Renome. O Renome é un valor moi abstracto dividido en tres partes: Heroísmo, Presenza e Sabedoría. Coma tres brazos dun triskel, todas están vencelladas.
Neste momento o xogador debe elexir adxudicar ese punto a unha das facetas do Renome e darlle explicación.
Certa noite de choiva intensa, cando Cerne estaba de garda na entrada do castro con outros compañeiros, un grupo de encarapuchados se achegou ás portas. Eran uns vinte, todos baixos e cubertos por capas, agás un. Ese ía diante, cuberto tamén, pero era alto e rexo. Os vinte detivéronse a unhas cantas varas de distancia da porta e esixiron lugar para cear e durmir. As leis do castro non permitían a entrada de noite, e menos dun grupo tan sospeitoso. O líder da garda, Frandán, díxolles que terían que agardar ao despunte do día para entrar na aldea. O grupo comezou a poñer as mans sobre armas ocultas, e o seu xefe botou a carapucha cara atrás e ameazou con arrasar ese castro de vellas e covardes. Tiña mil tatuaxes e a faciana propia dos homes-besta lonbagdáir dos Montes Arrebolados. Calquera con coñecementos sobre os Sidhe entendería que os outros eran trasnos, e que aquel seu líder sería un asaltador e un asasino.
Cerne púxose en pé, colocou a man sobre a súa espada de anteas e fitou ao lonbag. Durante uns intres incluso a choiva pareceu deterse, mentres todos atendían a aquel combate de olladas. Ningunha verba, ningún xesto, ningunha ameaza.
O lonbag baixou a mirada, asinteu, escupíu no chan e deu orde de da-la volta. Nunca voltaron, e dende aquela todos miran a Cerne con respecto.
O seu pobo, sen sabelo, ten depositada Fe en Cerne. Esa Fe é o Renome, e con el poderá facer actos alén da capacidade dos guéghel normais. Cantas máis fazañas realice, máis Renome acumulará, e máis esperanzas terán nel os demais, que o levarán a acometer fazañas aínda máis difíciles.
O Renome de Cerne, dada esta historia, está asignado á Presenza, e poderá modificar situacións nas que a súa Presenza superior inflúa.
Renome 1: Heroísmo (0), Presenza (1), Sabedoría (0)

Co Protagonista xa case listo, só queda asignarlle algo de equipo básico: unha lista de obxectos comúns dada a súa caste e profesión, sempre modificables polo Contacontos.
Ben, o Contacontos concédelle unha espada de anteas de bronce, roupa (pantalóns, botas, camisa, capa...) en bo estado, un coitelo e distintivos de Clan (un torque de bronce do castro das Vides Longas). Tamén lle dá unha armadura media de coiro. Como vive no castro todavía, o resto do equipo terá que gañalo pouco a pouco. En compensación o Contacontos decide que comece xa con 50 fachos (un tipo de moeda aceptada en certos castros) herdanza dos seus pais.

Se falamos de números Cerne dos Leunos, do castro das Vides Longas na beira do Río Pai, é este (o deseño da Ficha era o provisional):

Podemos ver como todos os datos de consulta rápida están aí, e non precisamos moito máis. Todo o outro, o importante, estará en notas á marxe en folios, coas aventuras que Cerne percorra.
Seguinte paso: trasfondo.

Xogando en Gáidil III: Creación dun Protagonista

Habilidades, Habelencias e Puntos de Balde

Cerne ten unha serie de puntos asignados para repartir entre as súas habilidades e habelencias que veñen da súa Caste, Profesión e Familia.
Os leunos son xentes que adoitan educar aos seus fillos coma xente honorable, preparada e de boas maneiras. Por isto contan moitos contos e refráns aos seus herdeiros, para que saiban como actuar dependendo da situación, así como a comportarse e falar con xeito diante de quen sexa.
Por ser Leuno ten un +1 a Lendas e +1 a Etiqueta.
Cerne aprendeu as maneiras dos cazadores do Sidhe, xentes que mesturan as armas e a maxia para loitar de fronte contra os servintes da Dana. Polo dagora Cerne só sabe que eses seres están aí, algúns trucos para enfrontarse a eles e pouco máis. O combate real aínda non é algo ao que se enfrontara.
Como Cazador do Sidhe ten un +2 cun arma corpo a corpo (Cerne elixe a Espada de Anteas), un +1 a Contactos (o seu vello mestre lle ensinou un par de trucos para porse en contacto con outros Cazadores), un +1 a Lendas (de historias escuras contadas na noite), un +1 a Atención (pois sabe que para sobrevivir ten que saber estar atento), un +1 a Safar (mellor que parar un golpe sempre é esquivalo) e un +2 a Mundo do Sidh (dos contos que o vello lle contou... con moitos trucos para rastrexar, perseguir e loitar contra seres escuros).

Cerne prepárase agora para tirar 1d66 (é dicir, 1 dado de 6 caras que conta como decena e outro de seis caras que conta como unidade, co cal nos dá un resultado entre 11 e 66) para tirar na táboa especial de "A ése venlle de familia...", unha táboa que nos fala un pouquiño máis de Cerne. Saca un resultado de 24: É moi ben falado (+2 a Discurso). Ao xogador non lle gusta, posto que lle quere dar a Cerne o aire de heroe calado e, como ten dereito a repetir a tirada así o fai (e terá que aceptar sen reservas o novo resultado). Tira de novo e saca un 32: Odia aos Sidhe dende neno (+1 a Ataque e a Dano contra seres do Sidh). Carai, tivo moita sorte coa tirada tendo en conta a súa profesión! Sabendo agora isto, cecáis os seus pais desapareceron durante unha noite se Samaín, cando as Portas do Sidh abren, e o vello que o educou foi o seu avó, retirado xa pero coñecedor de grandes secretos.

Ben, tal e como está agora as cousas Cerne ten estas Habilidades:

Lendas +2 (+1 de Caste +1 de Profesión)
Etiqueta +1
Espada de Anteas +2
Safar +1
Atención +1
Mundo do Sidhe +2
Contactos (Cazadores do Sidhe) +1

Agora que sabemos os valores básicos de Cerne, dispomos de 10 Puntos de Balde cos que podemos aumentar Característas, Habilidades e Habelencias, ou mercar Habilidade e Habelencias novas.
Tendo en conta que a súa Mente é 3 (é algo máis listo do normal), tamén dispomos de 2 puntos de balde extras, para un total de 12 Puntos de Balde.

Dado que subi-las Características é moi caro (custa 5 puntos aumentalas e xa haberá tempo coa experiencia), prefire centrarse en Habilidades (custa 1 punto aumentalas) e Habelencias (custa 2 puntos aumentalas).
O gasto de Habilidades é de 10 puntos:
Asexar +2 (gasto de 2 puntos)
Intimidar +2 (gasto de 2 puntos)
Profesión (Viñateiro) +1 (gasto de 1 puntos)
Compoñedor +1 (gasto de 1 punto)
Lendas +2
Etiqueta +1
Espada de Anteas +3 (gasto de 1 punto)
Safar +3 (gasto de 2 puntos)
Atención +2 (gasto de 1 punto)
Mundo do Sidhe +2
Contactos (Cazadores do Sidhe) +1

O gasto en Habelencias é de 2 puntos:
Esconxuro +1 (gasto de 2 puntos)

E xa están gastados os 12 puntos de balde. Segundo estas Habilidades e Habelencias, Cerne é un indiduo que sabe tanto cousas do seus castro (Viñateiro, Lendas, Etiqueta) como cousas que tivo que ir aprendendo pouco a pouco como a asexar, a estar atento, os segredos do Sidh e demais. Cando cheguemos á parte da historia persoal respostaremos aos porque destes rasgos.

Xogando en Gáidil II: Creación dun Protagonista

Características, Dados de Ánima, Saúde, Vontade e Vencello.

Para comezar a saber como é verdadeiramente Cerne tiramos 1 dado de 6 caras e sumaremos 5 ao resultado total. Tiramos e obtemos un 5 (nada mal) que sumado ao 5 dá 10.
Temos 10 puntos para repartir entre as nosas tres características: Corpo, Mente e Espírito.
Tendo en conta que a media humana é 2, queremos que Cerne sexa un individuo de boa complexión, moderadamente espabilado e de carácter forte, así que repartimos deste xeito:

Corpo: 3
Mente: 3
Espírito: 4

Cerne empeza a aparecer na nosa imaxinación: con Corpo 3 podería ser alto e atlético, pero non queremos iso... vai ser baixo e rexo, moi fibroso e nervudo, cunha forza que vén máis pola carraxe que pola brutalidade en si. Non é o máis listo do castro, pero tampouco o máis parvo. Ten un carácter forte, e as poucas veces que fala a xente escoita.
Sabemos que Cerne terá un valor de Saúde 7 (Corpo + Espírito), e un valor de Vontade 7 (Mente + Espírito).

Saúde: 7
Vontade: 7

Agora calcularemos os Dados de Ánima que ten. Os Dados de Ánima son unha puntuación que vén dada pola suma de todas as nosas Características. Eses Dados serviránnos para poder facer accións de Maxia e de Combate. Con 10 puntos de Características temos un total de 5 Dados de Ánima, para repartir entre os valores de Loita e Arcano. Decide adxudicar 3 a Loita e 2 a Arcano, xa que pensa achegarse ao camiño da maxia sen esquecer o das armas.
Dados de Ánima

Loita: 3
Arcano: 2


Como rasgo da Personalidade do Protagonista existen os Vencellos. No momento do nacemento, o druída da aldea percibe un vencello animal ou vexetal no recén nacido, e así llo comunica aos pais. Moitas veces ese vencello marca o xeito de actuar de unha persoa, e xentes de vencellos iguais teñen personalidades afíns.

O xogador decide que Cerne naceu baixo o vencello do Acivro: De carácter duro e resistente; de aspecto fero pero de nobre interior.

Xogando en Gáidil I: Creación dun Protagonista

Ben, vendo xa no horizonte o porto das librarías de Galicia, o barco de Gáidil e o seu blog terán que facer un pequeno acto de profesionalización: imos a comentar por fin un pouco do que é o sistema de xogo e a creación de Protagonistas. A moita xente élle a parte máis árida do que é o Rol... para outros é a parte máis importante. Imos a preparar unha pequena partida de Gáidil neste espazo para que vexades.

O primeiro será crear unha personaxe. Cando xogamos e Rol, o primeiro que temos que facer para adentrarnos no mundo imaxinario ao que queiramos xogar será crear unha personaxe, un alter-ego, un trasvase de conciencias. Para poder estar nese mundo temos que deseñar a un individuo que encaixe alí e que, sen ter nada que ver con nós, sexa o noso medio para interactuar con ese mundo que se nos presenta.

Hoxe imos a crear a Cerne. Primeiro chegarán un par de pinceladas para darlle forma, logo pasaremos a asignarlle puntos ás súas características, habilidades e habelencias, e logo con todo calculado poderemos darlle o soplo da vida por medio dunha historia.

Cerne é un mozo da caste dos leunos dun pequeno castro ao leste de Proencia, coñecido polo sinxelo nome de Castro das Vides Longas. Dende neno víu como as tradicións dos seus antergos, así coma o respecto aos seus maiores eran a pedra angular do seu castro. A vida no castro xira en torno á vida do viño, ás crecidas do Río Pai e dos esporádicos ataques dos Toisona e de inimigos estranos que ás veces baixan dos Altos Montes do Inverno. Tamén teñen loitas con outros castros leunos, pero adoitan arranxarse por medio da diplomacia ou da intervención do rei de Proencia. Cerne adica a súa vida á defensa do castro. Para saber como, pasamos ás tiradas de dados.

26.9.07

Escomeza a Aventura

Xa temos confirmación de que o xogo estará nas rúas como novidade de Outubro, agardemos que antes do 10 dese mes, e que a distribuidora que se encargará de espallar o noso soño polo mundo enteiro será Consorcio Editorial Galego. Tamén nos confirmaron que o prezo do libro será de 18 euros, que non está mal para un 120 páxinas en tapa mole tal e como está o mundo do rol hoxe por hoxe.

Esta publicación coincide no tempo coa segunda edición do rol en vivo Irmandiños: A Revolta os días 5, 6 e 7, co que podemos afirmar que Outubro do 2007 será unha festa do rol en toda Galicia.




22.9.07

Feliz Aniversario!!!

Nesta centésima entrada de blog hai moito que celebrar: hoxe cumpren anos un par de individuos singulares. Empezaron sendo dúas personas totalmente normais dentro das súas comunidades, pero remataron sendo persoeiros extraordinarios dentro dun mundo extraordinaro.
Falo dos incribles Bilbo Bolsón e Frodo Bolsón. Aínda que non teñan moito que ver co que é Gáidil en si, para Amra e para min son de principal importancia: con eles empezou todo.
John Ronald Reuel Tolkien foi o xérmolo que fixo do Rol o que é.
Os wargames (os típicos xogos de estratexia de toda a vida) de recreacións históricas estiveron moi de moda ao longo do século XX e anteriores. Os soldadiños de chumbo formando batallas, xa fosen nas Termópilas, Farsalia, Guadalete... eran algo que chamaba a atención, sobre todo despois de que na Europa de 1824 apareceran os kriegspiel, os xogos de estratexia con reglas de xogo.
Os estudantes, sobre todo en Estados Unidos, tiveron unha importancia vital á hora de dar presenza a este tipo de xogos, sobre todo nos anos '50 e '60, cando un grande número de universitarios xogaba a wargames.
E entón, en 1965, sae a edición de peto de O Señor dos Aneis nos Estados Unidos. Os xogadores de wargames xa non querían ver a sudistas e nordistas a tiro limpo en Gettysburg... querían cargar con exércitos de rohirrim contra as hordas de uruk-hai de Isengard... querían magos que loitaran contra dragóns, e elfos que flechearan trasnos. Querían Fantasía.

O paso de usar unhas reglas que representaran a seres fantásticos nos que cada xogador leva un exército, a un sistema no que cada xogador leva a un ser fantástico e representa e describe o que fai con el (é dicir, rudimentariamente, xogar a rol) foi moi curto e llo debemos a Gary Gigax, Dave Arneson e ao seu grupo de amigos nos anos '70. Eles foron os primeiros que xogaron ao rol coma hoxe é entendido.

Pero a semente do espírito que nos levou a isto está clara: Tolkien acendeu a faísca e abríu as portas a un mundo imaxinario que se transformou en miles gracias á imaxinación dos contacontos.

Por isto eu brindo neste 22 de Setembro, día para min do Orgullo Roleiro, para celebrar os aniversarios de Bilbo e de Frodo... SAÚDE!!!

PS: As Crónicas de Gáidil sairán como novidade do mes de Outubro. Sigan atentos ás súas pantallas.

14.9.07

Vendo pasa-lo vento...

Estamos nun punto de produción do libro no que só queda agardar. O tempo pasa e a editorial nos foi mandando probas de maquetación tanto do interior do libro como das lapelas. A estas alturas xa debe estar xira que te xira en imprenta. E, en nada, na rúa.

En canto teñamos datas seguras xa as faremos públicas.

Namentres, seguimos con outros proxectos caseiros, dos que damos conta no curruncho do O Clube de Té do Xoves Noite, un xeito como outro calquera de plasmar as actividades que levamos a cabo un grupo de colegas xogadores entre os que se contan Jan de Delft, A Onironauta, O Mosqueteiro, Bishop, Amra o León máis eu.

Saúdos.

4.9.07

Lutecia la nuit

Había tempo que non postaba, principalmente porque sabía que tiña que postar sobre a viaxe a París e non me apetecía moito. Para eso mellor que fale Jan.
En fin, pois que botamos uns días aló en París, días que non foron de todo o agrado que eu agardaba. Non sei si era a cidade en si ou a xente, pero eu a vexo moi "sen alma". Xa supoño que algún botaría as mans á cabeza e o grito ao ceo, pero a miña opinión é esa.


Claro está que os museos son impresionantes así coma os monumentos, pero serían impresionantes aínda que os arrincaran do chan e os puxeran no medio e medio de Bertamiráns, por exemplo. O Louvre sempre será o Louvre. Eu ao que me refiro é a impresión que che dá de entrada. Nunca me sentín como parte da cidade, cousa que (perdón, pero teño que comparar) en Londres pasoume tan só con saír do metro recén chegados do aeroporto e dar dous pasos por Russel Square. En Londres non me sentía "guiri", non tiña sensación de estar de máis en ningún sitio, e en todas partes había unha cara agradable. En París non tiven esa sensación moi a miúdo (tres ou catro ocasións), e deume mágoa por iso. Pensei que sería unha cidade cosmopolita, pero non mo pareceu.
Londres (e sigo comparando) non parece Inglaterra... é como se fora outro sitio, outro planeta, un lugar que existe en varias capas e planos de existencia onde todo se mestura. Pero París só me pareceu unha cidade grande no medio tirando para arriba de Francia.


Conste que a boa compaña e saber movernos fixo esta viaxe máis agradable agora no recordo, pero podendo volver dubido que repetira destino.

PS: Mmm ...Quedaría claro que me gustou máis Londres?