29.9.07

Xogando en Gáidil IV: Creación dun Protagonista

Renome, Equipo e outros detalles


Cerne é un Protagonista recén creado, polo que terá tan só 1 punto de Renome. O Renome é un valor moi abstracto dividido en tres partes: Heroísmo, Presenza e Sabedoría. Coma tres brazos dun triskel, todas están vencelladas.
Neste momento o xogador debe elexir adxudicar ese punto a unha das facetas do Renome e darlle explicación.
Certa noite de choiva intensa, cando Cerne estaba de garda na entrada do castro con outros compañeiros, un grupo de encarapuchados se achegou ás portas. Eran uns vinte, todos baixos e cubertos por capas, agás un. Ese ía diante, cuberto tamén, pero era alto e rexo. Os vinte detivéronse a unhas cantas varas de distancia da porta e esixiron lugar para cear e durmir. As leis do castro non permitían a entrada de noite, e menos dun grupo tan sospeitoso. O líder da garda, Frandán, díxolles que terían que agardar ao despunte do día para entrar na aldea. O grupo comezou a poñer as mans sobre armas ocultas, e o seu xefe botou a carapucha cara atrás e ameazou con arrasar ese castro de vellas e covardes. Tiña mil tatuaxes e a faciana propia dos homes-besta lonbagdáir dos Montes Arrebolados. Calquera con coñecementos sobre os Sidhe entendería que os outros eran trasnos, e que aquel seu líder sería un asaltador e un asasino.
Cerne púxose en pé, colocou a man sobre a súa espada de anteas e fitou ao lonbag. Durante uns intres incluso a choiva pareceu deterse, mentres todos atendían a aquel combate de olladas. Ningunha verba, ningún xesto, ningunha ameaza.
O lonbag baixou a mirada, asinteu, escupíu no chan e deu orde de da-la volta. Nunca voltaron, e dende aquela todos miran a Cerne con respecto.
O seu pobo, sen sabelo, ten depositada Fe en Cerne. Esa Fe é o Renome, e con el poderá facer actos alén da capacidade dos guéghel normais. Cantas máis fazañas realice, máis Renome acumulará, e máis esperanzas terán nel os demais, que o levarán a acometer fazañas aínda máis difíciles.
O Renome de Cerne, dada esta historia, está asignado á Presenza, e poderá modificar situacións nas que a súa Presenza superior inflúa.
Renome 1: Heroísmo (0), Presenza (1), Sabedoría (0)

Co Protagonista xa case listo, só queda asignarlle algo de equipo básico: unha lista de obxectos comúns dada a súa caste e profesión, sempre modificables polo Contacontos.
Ben, o Contacontos concédelle unha espada de anteas de bronce, roupa (pantalóns, botas, camisa, capa...) en bo estado, un coitelo e distintivos de Clan (un torque de bronce do castro das Vides Longas). Tamén lle dá unha armadura media de coiro. Como vive no castro todavía, o resto do equipo terá que gañalo pouco a pouco. En compensación o Contacontos decide que comece xa con 50 fachos (un tipo de moeda aceptada en certos castros) herdanza dos seus pais.

Se falamos de números Cerne dos Leunos, do castro das Vides Longas na beira do Río Pai, é este (o deseño da Ficha era o provisional):

Podemos ver como todos os datos de consulta rápida están aí, e non precisamos moito máis. Todo o outro, o importante, estará en notas á marxe en folios, coas aventuras que Cerne percorra.
Seguinte paso: trasfondo.

No hay comentarios: