29.9.07

Xogando en Gáidil V: Creación dun Protagonista

Trasfondo e historia


Para a Historia do Protagonista temos unha serie de sinxelas preguntas para darlle forma. Cada xogador irá respostando estas preguntas meténdose no pelexo do seu Protagonista, saboreando a súa vida e introducíndose nela. Dese xeito unha vez que xoguemos a experiencia será máis divertida e sentida.

Quen es?
Eu son Cerne dos Leunos, fillo de Brandán e de Xolda, neto de Aldán. Os demais ven en min un guerreiro, pero eu son un cazador de seres escuros, ou alomenos para iso me preparei.

Como es?
Son máis ben baixo, de pouco máis de vara e media de alto, e peso coma 70 croios. Sempre din de min que son todo freba. Teño o pelo negro coma un corvo e longo, pero aos meus 17 invernos a barba, ou tan sequera un bigote, non é capaz de agromar na miña faciana. De tódolos xeitos a miña cara énchese cos meus ollos, vivos e cheos de lume.
Non me gusta demasiado a compaña, máis que nada porque non sei falar dos temas que falan os demais. E os temas dos que me gusta falar e enterarme (do Inframundo) non son para falar entre xentes de corazón feble. Procuro ser correcto cos que me arrodean, pero non admito confianzas. Moitos din que estou feito un moucho e un morcón, pero prefiro iso a sufrir cando aqueles que aprezo morran.

De onde vés?
Nacín e me criei no Castro das Vides Longas, a 3 días de Proencia e na beira norte do Río Pai, perto do Camiño que vai cara a Serra dos Homes-Boi. Os meus pais traballaban na vide e eran grandes viñateiros. Eu queríaos moito. Tendo eu 10 invernos, durante un Samaín, as Portas do Sidh se abriron e seres escuros asulagaron a noite. O castro foi atacado, e algúns desapareceron sen deixar rastro, entre eles meu pai e miña nai. Dende aquela fun criado polo meu avó, Aldán.
Vivía fóra do castro, nunha choupana de pedra rexa coma un carballo. Dicían que estaba medio tolo, e que estivera toda a súa vida lonxe do castro, e que vira moito mundo. Un día volveu e se instalou naquela casa sen máis, como quen volta dunha viaxe dunha lúa. Só que el botara lonxe do castro 30 invernos.
A min contóume secretos que a ninguén lle contara. Díxome que estivera ao servizo do Breogán, o Rei de Reis de Breogantia. Uníndose a un grupo de aventureiros, formou parte dunha Irmandade chamada A Sentinela, que se encargaba de loitar contra os servintes da Dana e contra calquer ameaza contra o Breogán. Segundo me contou chegou a ser xefe de grandes heroes. Contóume dos seres que tentar invadir este mundo, dos planos escuros da Dana, así como dos Tuata e os Fomori, os seus servintes. Preparóume para unha vida distinta á das viñas, unha vida que me axudaría a respostar a única pregunta que me fago cada vez que vexo as árbores de Brandán e Xolda na Fraga Cerimonial do meu castro unha vez e outra: onde están os meus pais?

Que fas eiquí?
Unha noite, facendo garda con outros do castro, plantei cara a un lonbag que tiña a unha pequena horda de trasnos con el. Logrei que dera volta sen ter que loitar, e que deixara o castro tranquilo. Dende aquela todo o mundo ve algo en min que non cadra. Non debería estar entre vides e barricas... debería estar en Proencia coma home do clan dos Leunos, servindo ao Rei. Pero eu sei que ese non é o meu destino. Aínda así, vexo que teño pequenos asuntos que arranxar neste castro antes de marchar.

Onde vas?
Aldán xa me contou moito. Pode que de máis. Agora o meu fado está escrito na miña mente. Debo ir na procura dos meus pais. Pode ser que poida contactar con algún membro d'A Sentinela e que me axude; pero ben sei que se trata dunha organización secreta, e que non confiarán en min aínda que me mande Aldán.
Sei que o meu destino é ese e non hai volta. Pero para que me teñan en conta terei primeiro que demostrar a miña valía con algunha fazaña. Pero cal?

2 comentarios:

LaicaNuru dijo...

Boas

Sinxelamente xenial. Un sistema de creación de personaxe sinxelo que lles da un toque único a cada un. Sublime.

O Breogán de Gáidil dijo...

Graciñas, LaicaNuru.
O que pretendiamos co sistema era iso: que fose moi sinxelo e que o xogador tivese que compensalo tendo que falar moito de como é a personaxe, contar cousas que lle desen vida alén de simples números na folla.
Gracias pola benévola crítica.