27.5.07

Algo así para máis adiante...





25.5.07

Día Festivo?

Bueno, tal día coma hoxe, hai 30 anos, estreóuse Star Wars.

Dende aquela moita xente quedou moi tocada polo tema, e disque foi o momento en que xorde a escala mundial o fenómeno "friki" (en inglés usan freak, geek ou nerd).

Para algúns este día é o Día do Orgullo Friki.

Eu son dos que o celebra en dous días: 25 deMarzo e 22 de Setembro. Pero aí cada friki ten o seu tema.

Veña, un saúdo.

23.5.07

Detrás de Maio vén San Xoán

Ou iso di sempre a miña avoa Carmela, que cos seus 91 anos diso algo sabe.

Apalabrado nos deixaron que "As Crónicas de Gáidil" ten asegurada a publicación detrás do verán, cecáis cunha presentación formal no Salón do Cómic de Coruña, Viñetas desde o Atlántico, se os deuses así o permiten.

Agardemos que todo vaia como debe, e poidamos xa desfrutar nas nosas mans do xogo e de ilustracións coma esta, onde os actos máis prosaicos e cotiáns dos guéghel (como por exemplo "desaloxar") poden ser motivo de sátira para os pequenos e pícaros Loios das fragas.
Namentres seguiremos comentando eiquí tódolos pormenores desta pequena odisea, así como os aspectos que consideremos interesantes do libro.

17.5.07

Tería sido fermoso...

Que puideramos anunciar neste día das Letras Galegas 2007 a publicación do primeiro xogo de rol en galego como tal... pero se nos escapou a data por diversos motivos que, persoalmente, non pensei que puidesen retrasarnos tanto e que non podo evitar que me quenten a cabeza.

Pero en fin, a desfrutar todos desta festa: Feliz Día das Letras Galegas a todos!

15.5.07

O Trono de Carballo

Hai un lugar en Breogantia, alá ao norte contra o Mar, onde hai xa centos de invernos medrou unha estrana semente. Disque foi o mesmo Drú, o Home-Carballo, quen lla entregou ao Breogán que daquela mandaba nas terras da Gael-leach.
O Breogán a plantou e, co tempo, xermolou. Un grande carballo naceu e medrou, elevándose moitas varas no aire, até ser máis de vinte veces coma un home. Cando morreu aquel Breogán, que fora un dos mellores que se lembran, contan que do rei sol, Lugh o Vello, prendeu lume ao carballo con carraxe e moi enfadado. Pero a árbore non se consumíu, as súas pólas arderon. Os guéghel construíron unha torre ao redor para protexer a árbore, que serve tanto como faro como tamén símbolo da permanencia do rei e da terra, xa que a árbore é o Trono do Breogán.
Chamáronlle a Tor Breogáin, ou Torre do Facho Aceso.
Hoxe, en todas as capitais das grandes castes hai un carballo protexido por fións que serve coma trono do Breogán en caso de visita.

13.5.07

Xeración Web

Entérome da creación da Xeración Web, e máis cunha nova que me abre os ollos de par en par.

Moita sorte na andaina e a por todas!

10.5.07

Iso de cambiar

É o que ten. Poder sentar ao redor dunha mesa durante horas e actuar tal e como o faría un piloto dun viper mark-II, como un dos que resisten en Helm ou mesmo coma un xefe de grandes heroes cargando man a man xunto ao Breogán polas pradarías dos chairegos.

Non pensaches nunca en ser outro ou outra? Aínda que sexa co maxín?

Non sei, pero eu asino onde sexa (e gracias a Lugh podo facelo case todas as semanas...).

8.5.07

Hai un conto que di...

Hai un conto que di que, na entrada de mar que separa Artabria de Libunca, un día tentou entrar unha serpe mariña enorme que ameazaba con devorar todo o peixe que nesa ría había.

Foron os Mariños, eses seres parecidos aos guéghel que habitan o fondo dos mares e que, non se sabe a razón, teñen unha especial amizade cos libuncos, os que avisaron... "unha bicha enorme que vén do Mar dos Monstros, alén do Arco de Lir e dos territorios dos lusóns".

Non se sabe moi ben cal foi o final deste conto, pois hai quen o conta dicindo que a bicha entrou e outros que non entrou. Os que din que entrou contan que os valentes guerreiros ártabros a conseguiron matar e que logo a cortaron en anacos e a repartiron como alimento, e que deu de comer durante anos. Pero incluso os que contan isto sinalan que as augas quedaron asulagadas polo sangue desta criatura, e que co tempo foi raro poder pescar ou mariscar naqueles lugares...

6.5.07

Tempos, Cronoloxías, Vidas...

Algo moi recurrente en todo texto histórico, así como en todo xogo de rol que teña unha Historia que contar, é a Cronoloxía.
Longas listas de feitos históricos que ocupan moita historia previa, actual e, ás veces, futura no Mundo no que se xoga. E iso está ben. Para entender en toda a súa magnitude unha obra mestra como O Señor dos Aneis de Tolkien hai que asimilar que os protagonistas viven ao redor do 3018-3020 da Terceira Idade do Sol, e que todo o que lles ocorre realmente chégalles por feitos que pasaron na Primeira e Segunda Idade... polo tanto unha boa Cronoloxía nunca está de máis.

Por outra banda temos (moi ao lonxe de Tolkien, claro: quén nos dera) a Gáidil. O Mundo de Gáidil ten unha base de clan, unha base tribal. O castro importa, teña a extensión que teña. As cousas que pasaron nos tempos dos avós son importantes, pero non existe unha Cronoloxía como tal porque case ninguén a sabería escribir, e aínda menos a saberían ler.

Polo tanto temos, claro está, unha Cronoloxía baseada en grandes periodos de tempo: Os Tempos Denantes dos Tempos, que inclúen o final do Mundo anterior a Gáidil, do que só sobreviveu o Grande Heroe Lugh, e da é poca cando apareceu o Home Carballo Drú da Semente do Espírito, e de como este preparou as Sementes das Grandes Razas; O Tempo das Lendas, marcado pola aparición das Razas da Luz e da Noite e o Longo Inverno no que Lugh non tiña forzas para quentar o Mundo; O Tempo da Primavera, no que Lugh se aleda tanto de ver de novo a xentes poboando o Mundo que brilla con forza e remata coas neves; O Tempo das Batallas, cando as Grandes Razas da Luz e da Noite loitan entre elas polo dominio de Gáidil, marcado pola victoria dos Guéghel e pola fuxida das demais razas da Luz a pequenos refuxios e das razas na Noite ao Sidh Inframundo.
Tras disto chegou o Tempo do Verán, onde se asenta o poder dos Guéghel... pero que sufre un enorme golpe coa Loita entre Irmáns. Enganados pola Dana, as tribos Guéghel loitan entre elas e acaban case exterminadas. Só coa determinación do xefe de grandes heroes Angus Meic Nally, ao construír a súa gaita sobrenatural, obtiveron a victoria sobre a Dana. Victoria chea de tristura, por suposto. Tras disto chegou o Tempo do Outono, tempo no cal os Guéghel están a actuar sobre o Mundo dun xeito maduro e a vivir con relativa calma. Sábese que algún día chegará o Tempo do Inverno, cando de novo apareza a Semente do Espírito e todos loiten por ela, pero á xente pensa pouco neste incerto futuro.

Os Tempos de Agora son os que están a vivir hoxe por hoxe os Guéghel. E poden falar de feitos ocorridos nos Tempos do Verán, os "Nos Tempos de Agora cando o meu avó era aínda un picariño". Pero nunca "no 2675 do Tempo das Batallas", pois estamos a falar dunha cultura que é, case na súa totalidade, seguidora da milenaria Tradición Oral, que fai que "Brem o pastor, nos tempos en que o pai do meu pai entrou a loitar co exército do Breogán, matou co seu tirafondas a un lobo que lle comera tres ovellas" se transforme na "historia de Brem Matalobos, que un día co seu pao de buxo matou a toda a manada do malvado lobo Cair-n'to por ter ameazado con devorar a todos os nenos da rexión".

Ao final incluso moitos de nós non dicimos "isto ocorréume no 1992", senón que buscamos tempos cronolóxicos marcados... "cando me pasou isto ía ao instituto" ou "no segundo ano de universidade" ou "despois de saír con este ou con aquela".

Penso eu.