29.11.07

Hipervínculos

Eiquí e eiquí falan de Gáidil. Xa está sendo vítima de cometarios e de críticas (case todas boas, gracias a Oghma).
Agora o propio era que a xente o xogase e non só falase cos argumentos de "está en galego" ou "que bonita é a edición". Xogade, probade, vivide e soñade na Gael-leach, roleiros da Galiza!

Seguimos desenvolvendo as pantallas e pensando nas cousas útiles que aportar con elas, dende un xerador de castros nunhas poucas tiradas de dados até un sistema de combate masivo para batallas. E novas aventuras, claro.

Conste que o outro día falando co Polo Métal en Ferrol ("Denantes Polos que Pavos!") xurdiron ideas moi interesantes: dende xogos de ordenador (WoG: World of Gáidil) até a película protagonizada por Miguel de Lira, Morris e Gayoso... espectacular.

Temos un chisco parado o grupo yahoo, principalmente porque temos pouco tempo para colgar as aventuras prometidas e demais. Pouco a pouco, xente!

Veña, vémonos o sábado!

EDITADO: Tamén o señor Bergantinhos nos comenta eiquí!

26.11.07

Gáidil World Tour 2007: Seguimos

Ben, despois dunha sesión de xogo con máis Gloria que Pena no cubil dos sempre perigosos Twin Brothers (esta vez Manuel estaba enleado supervisando un campeonado de Warhammer, e estivemos anfitrionados en Metrópolis Cómics por Luiggi o Magnífico) podemos dicir que o xogo está máis espallado do que pensabamos: en poucos días estará tamén en Canarias da man dunha aimirguín aprendiz de druída con grande afinidade co lume, que ao final gañou o básico de Gáidil nun sorteo moi roleiro: tirada de 1d8 para coñecer ao gañador. Cinco excelentes xogadores baixo a batuta de Amra o León (entre os que conto a Luís "O-Gran-Polo-Métal" facendo de Ourizo Cacho o loio, e a Kaworu o cazador do Sidhe de GaliciaRol) botaron unha partida de Gáidil que agardamos fora do seu agrado.

O seguinte paso será o vindeiro sábado, 1 de Decembro, onde estaremos para as xornadas "As Catro Mesas" que se montan no local sociocultural do Ensanche. Tanto Amra coma min participaremos nunha mesa redonda sobre o rol e logo contaremos xunto con quen se achegue por alí uns contos de As Crónicas de Gáidil, aínda que haberá para todos os gustos: estratexia, cartas, xogos de taboleiro...

Á parte, temos en proxecto sacar material novo para As Crónicas de Gáidil (dientes, dientes...). Estamos a desenvolver material novo para unhas pantallas (para os non versados, as pantallas son uns trípticos -ás veces teñen catro lados ou máis- de cartón que se colocan de pé ante o Contacontos para tapar os datos da partida e que así os xogadores non poidan lelos e prever o que vai ocorrer na aventura).
Estas pantallas contarían con novas ilustracións de Víctor Rivas (hurra!!!) e cun pequeno libreto con novas reglas, castes, razas, armas, habelencias, habelencias escuras, aventuras e mil cousas máis. Como podedes comprender sentímonos baixo a tutela dos deuses e en misión divina! Gáidil go Bragh!!!

Un saúdo a todos dende o Sidh!

23.11.07

De novo en Metrópolis

Mañán, sábado 24, estaremos pola tarde en Metrópolis Cómics para botar unhas partiducas coa xente que se pase por alí.
Á parte, estamos convidados a unhas xornadas de rol, estratexia e xogos de taboleiro que se celebrarán en Compostela, os primeiros Encontros "As Catro Mesas", no centro sociocultural do Ensanche. Montadas de xeito independente, estas xornadas poden ser un bo pé para outras actividades e para coñecer xente nova e ampliar esa rede social que dende runical se está a levar a establecer nesta cidade.

Presentación en Couceiro

De novo arrodeados de bos amigos e de novos interesados no xogo, pero esta vez na extraordinaria casa dos Couceiros, presentamos Gáidil á xente.


Acompañados desta volta por Rubén Cela e Xavier Paz, fumos quen de encher aquel lugar de ambiente ameno e familiar mentres compartiamos as nosas impresións como autores co noso patrocinador e co noso editor.


Graciñas a todos os que por alí pasáchedes!

19.11.07

Gáidil World Tour 2007: GáidilFest Couceiro (Libredón)



Mañán 20 de Novembro, ás 20h, temos a presentación institucional de As Crónicas de Gáidil.
O evento será na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, na praza de Cervantes.

A primeira presentación co libro na man a fixemos nas terras de Amra o León, e a segunda será a poucos metros da praza onde medrei.

Un saúdo a todos, e ogallá nos poidamos ver aló.

Presentación en Metrópolis Cómics (Ferrol)

Este sábado fixemos a primeira presentación de Gáidil co libro na man.

Convidados por Manuel, propietario de Metrópolis Cómics de Ferrol e Grande Señor de Artabria e Defensor das Altas Carballeiras, puidemos arrodearnos de vellos e novos amigos e falar un pouquiño de Gáidil como xogo e como obra literaria.

Metrópolis Cómics estaba toda adornada con motivos "gaidileiros", xa nas pantallas das consolas, xa cun pedazo póster sacado das ilustracións de Víctor Rivas, con dous fianna custodiando un trono de carballo (é un dos debuxos que máis gustou).

Falamos un pouco da historia de Gáidil, dende a idea primixenia até o resultado final, e logo comentamos algunhas cousas cos alí presentes, respostando preguntas ou debatindo sobre pensamentos en voz alta. Moi ameno e familiar.

Tivemos unha sesión se sinaturas para todos os que quixeron unha copia de As Crónicas de Gáidil adicada polos autores. Todos os amigos levaron unha dedicatoria personalizada con moito agarimo (ou iso pretendimos).

Ao final dese estupendo día sorprendeunos ver, entre un suplemento de Conan RPG e outro de Warhammer Fantasy o noso libro, o noso xogo... o noso traballo e paixón.


Un saúdo dende Libredón!

15.11.07

Gáidil World Tour 2007: GáidilFest Metrópolis (Artabria)

O vindeiro día 17 de Novembro estaremos na tenda dos Twin Brothers en Ferrol para a presentación de As Crónicas de Gáidil por esas terras.

Sendo Amra de alá, e coñecendo eu a moitos dos seus amigos, será como facer a presentación na casa. Agardo ver a toda esa vella garda de Ferrol, e a todos os membros da lonxeva Ossián por aló.
Vémonos en Metrópolis Cómics, tal día coma ese, a partires das 17h para falar un pouco do que significa Gáidil para nós e para o mundiño do Rol, e para que nos comentedes as vosas impresións.

Un saúdo dende Libredón.

9.11.07

"Please allow me to introduce myself..."

... que dicían os Rolling.
Ben, hoxe toca de todo un pouco:

Presentacións
A Editorial confírmanos que o vindeiro día 20 de Novembro (20-N, xa é mala leche) temos a presentación oficial d'As Crónicas de Gáidil en Compostela. Será na Libraría Couceiro na Praza de Cervantes, a partires das 20:15.
Tamén temos preparada unha presentación en Ferrol o día 17 de Novembro, na tenda Metrópolis Cómics. A hora aínda está por confirmar, pero neste caso poderemos, o día 24, montar un par de mesas e botarlle unhas partiducas a Gáidil.

Idiomas
A xente pregúntanos por que fixemos o xogo en Lingua Galega. Pregúntanos por que tentamos illar ao resto de xogadores de España (¿?); por que en galego se non hai mercado para o rol en Galicia; por que en galego, e si é porque nos sentimos celtas (¿?); que si de sabelo o teríamos publicado en castelán...
Por que en galego?
Sinxelamente porque non había ningún nesta lingua, e despois de 40 anos de xogos de rol no mundo, pois xa eran horas. Tiñamos un mundo medio feito, cun sistema de xogo a medio artellar. Os textos que escribiamos para ese mundo eran en galego... e cando nos decidimos a publicalo vimos que traducilo ao castelán era imposible. O xogo era galego e pedía da lingua galega para ser comprendido.
Sentímonos moi apoiados e respaldados por todos vós. Gracias a iso estamos sabendo que o xogo estase a agotar nas librarías de toda Galicia. Pero tamén sentimos un pouco de impotencia cando vemos cousas como esta, que fan que te preguntes a razón pola que a xente busca falar mal de outros porque si. Pero é o que ten publicar algo: quedas exposto a todo isto.
O peor é logo pensar (soñar, cecáis) que fixeches un ben pola túa lingua, pola túa cultura e polo teu ocio, e ver que ás veces hai xente que che dá ganas de vomitar.

Proxectos
Aínda que ao final non puiden pasarme para ver como se forxaba, vexo que o proxecto de crear unha rede social de xogadores de rol, estratexia e xogos de mesa en Compostela segue adiante. Sempre é bo que haxa alternativas de ocio para todos. Crear unha comunidade que permita que os xogadores roten e que os que queren coller experiencia como contacontos poidan facelo é sempre boa idea, máxime nunha cidade onde chega moita xente de outros lugares que perden os seus grupos de xogo habituais. Supoño que unha lista de correo ou algo así facilitaría as cousas, á parte do foro (dos que non son moi amigo polo uso desestresador que fai certa xente deles).

Un saúdo dende Libredón.

5.11.07

Oito

Por medio do Moucho do Métal chégame o meme este das oito cousas. Vexo que diversa xente colgou cousas dispares sobre o tema que, ao non estar cinguido a un tema específico, son moi interesantes polo diverso e variado das respostas.
As miñas oito as vou centrar en xentes, cousas, momentos e lugares.

1- Nao Berlín, Compostela, mediados de xuño do '99. Foi unha noite curiosa e me gusta lembrala, un deses momentos máxicos onde comezas coma sempre, unha noite corrente cos amigos, e non sabes onde rematas. E dura até hoxe, verdade, Jan?

2- Os Xogos de Rol: a miña principal afección. Todo o mundo debería ter unha ou mil afeccións, algo que incluso cando estés o peor posible animicamente che poida levantar o espírito. Ler novelas, a música, o encaixe de Camariñas, ver a tele, xogar á petanca, astrofísica aplicada, montar unha liga intercontinental de Billarda... algo. Eu teño moitas, pero na que me gusta investir máis tempo é os xogos de Rol: sentarte cos teus amigos e contar unha historia interactiva entre todos.

3- Compostela: a miña cidade, o lugar onde mellor estou e que me fai sentir especial. Xa dende neno me facía moita gracia ir pola rúa e ver as inxentes mareas de estudantes e universitarios. A medida que fun medrando fun vendo esas mareas de diferente xeito, pero cos mesmos ollos. Encántame ver anoitecer e ver á Catedral entre a brétema. Encántame cando a praza da Quintana está só para min, e ver cousas novas (unha gárgola eiquí, unha cruz potenzada alá) con só ergue-la vista cara un lugar onde antes non mirara. É máxica e racional á vez.

4- Educar: o primeiro segundo en que quedei só diante dos rapaces de 5º e 6º de Primaria do CPI de San Román de Cervantes. Verte diante de mil nenos e nenas que agardan a que lles enchas o miolo de datos e conceptos, actitudes, valores, normas e que, xa postos, saibas saírlles ao paso cando che falan de Spiderman, Picachu, os Bey Blades, Rebelde Way, Shinchan, Batista ou saber poñer cara de póker cando che veñen co conto de "e ti como sabes tanto de Songoku?".

5- Os amigos e amigas. Ter un bo lote deles e que saiban que poden contar contigo e entender que ti tamén podes contar con eles. Porque cando teñen que estar, están. E se eses amigos están xestando ou criando fillos, pois mellor: máis para o lote!

6- As migrañas. Porque aínda que che toquen o carallo e que non te poidas librar delas por moito que metas á vena, mola facerse o interesante e dicir aquilo de "...é que me doe a cabeza".

7- Londres. Porque é a cosmópole por excelencia dende o meu punto de vista. Porque alí vin cousas que me axudaron a entender mellor o mundo en xeral e meu mundo en particular. Porque é como a miña cidade, pero en grande e con máis cousas. Porque é o único sitio do mundo que me fixo sentir un profundo sentimento de "pero por que carallo non vin antes?". E porque voltaría alí mil veces.

8- O blogomillo. Cheguei a el hai moi pouco (ano e medio), pero xa coñecín del a tanta xente e tan boa para comigo que foi todo un descubrimento. Gracias a el, tamén, o meu primeiro gran proxecto vital a nivel rol (As Crónicas de Gáidil) chegou de moitas voces blogueiras e moitos oídos blogueiros, e de aí á eternidade. A verdade é que, se non fose polos blogs e por certos foros e comunidades como GaliciaRol, Comunidade Umbría ou NoSoloRol, este xogo pasaría máis desapercibido.

E agora mándolle o meme este a Jan de Delft, a Xurxinho, a Supersantiego, ao Lobo, Mamá e Lula, a Fer, a Lúa Neghra, a LaicaNuru, a Javi de La Comarca, e a todos os de GaliciaRol.

Un saúdo a todos!

4.11.07

O tes diante e non o ves...

Vía Uruloki atópome de fronte con isto:
Unha nova aventura de Conan en película? Sempre son boas novas.
Tanto Amra coma min somos admiradores da obra de Robert E. Howard, home curioso de inmensa imaxinación e amigo epistolar do noso tamén benquerido H. P. Lovecraft.
Sobre ese hipotético filme pouco podo dicir, só que seica o queren facer máis afín á obra de Howard. Para min Conan o Bárbaro encaixa perfectamente en espírito coa obra que o autor escribeu, e paréceme unha das mellores películas de aventuras de todos os tempos. Pero, de certo, o Conan da película pouco ten que ver co Conan dos relatos ou dos cómics.


A Era Hibórea de Howard servíunos moito de inspiración para ambientar Gáidil. Aínda que a priori non teñan moito que ver, gústanos a idea de que haxa enormes monstros, pero que se vexan pouco; de que o teu peor inimigo poida ser un simple humano; que a fermosa filla do rei á que hai que rescatar é unha temible guerreira que non precisa da túa axuda e que che pode dar unha malleira se a miras tempo de máis; de que sexan as túas fazañas as que falen por ti. Somos tamén grandes seguidores da Alta Fantasía, pero na nosa visión de Gáidil diso igual hai menos.

Conan é un bo exemplo de onde pode chegar un Protagonista. Podemos seguir a estela do Conan da primeira película mesturándoo con historias propias de R.E. Howard, por exemplo, e extrapolalo a Gáidil con moita facilidade:
1- O castro onde vives é arrasado por servintes dun feiticeiro escuro. Ti es esclavizado e só despois de aprender o camiño das armas como esclavo alén dos Montes Arrebolados es liberado.
2- Libre xa, consegues refuxio nunha mámoa en territorio tamarco, onde antigos reis repousan. Ao coller unha das enferruxadas armas para poder defendéreste, es atacado polo esquelete dun deles. A maxia escura volve á túa vida. Aínda así a espada resulta ser un obxecto forxado polo Mouros hai centos de invernos. É a túa compañeira a partires de entón.
3- Visitas castros onde es contratado como gardaespaldas, asasino e mesmo ladrón. Loitas mesmo contra seres do Sidh e gañas amizades e moitos inimigos tamén.
4- Buscado en mil lugares, cambias o teu nome e rematas nun barco sicaeo pirateando ao longo do Arco de Lir. Co tempo chegas a ser capitán dese barco. Debido á túa sorte e pericia, o mesmo Breogán promete recompensa pola túa captura.5- Vives estranas aventuras no mar, e mesmo pode ser que chegues aos restos da Afundida Atlántida ou á Illa da Xuventude, e recuperes tesouros longo tempo perdidos.
6- Alguén fala, e consegues información sobre os que arrasaron o teu castro cando eras un neno: seica un saefe servinte da Dana estaba detrás de todo. Buscaba os secretos dos ferreiros do teu castro, que o deus Goibniu lles dera antes dos tempos dos avós.
7- Consegues unirte a unha Irmandade que loita contra este saefe, e pouco a pouco acumular poder e reponsabilidades dentro dela. A Irmandade está emparentada en propósitos co Breogán (que é un dos líderes en secreto), e póñenche ao cargo de varias dúcias de guerreiros para que loites contra o saefe. Esta loita dura varios anos, e sempre se salda en pequenas victorias e derrotas.
8- Co tempo chegas a ser un fión e conselleiro do Breogán, e segues a loita contra o malvado saefe, esta vez movilizando castros enteiros contra os seus secuaces. O teu Renome é tan alto que es recoñecido como "Xefe de Grandes Heroes".
9- Convencendo ao Breogán, consegues poñerte ao mando dun grande exército para para-los plans do saefe de arrasar Breogantia e parte do norte da Gael-leach. Hai unha batalla terrible na que grandes heroes morren, incluído o Breogán, pero ao final consegues vencer ao malvado saefe! (sendo Conan seguramente tería matado el mesmo ao Breogán para usurpar o Trono de Carballo, pero imos deixalo así...).
10- Entras na Peneira e es elexido novo Breogán polos teus propios méritos. Novos e maiores perigos agardan ao noso Protagonista.
Conan, xa que logo, pode ser un exemplo perfecto de cómo o máis humilde dos cimmerios pode chegar a ser rei de Aquilonia, e de como calquer Protagonista pode chegar a ser o Breogán da Gael-leach. Pero iso si, despois de moito xogo e moita aventura.

Un saúdo dende Libredón!