14.7.06

O Relato (Sétima Parte)

>>Angus Meic Nally continuou advertindo ás tribos do mal soterrado, e moi poucos lle fixeron caso. Só a xente nova admitía que podía ter razón, pero case ninguén o seguía. Pero a Dana vía nel un inimigo en potencia. Coma parte do seu plano de reconquista de Erinn utilizou a súa rede de espías para culpar ós Meic Nally de querer invadir a illa. Moitas das tribos desconfiaron dos fillos de Scot dende aquela e moitos falaban de atacalos. Os Meic Nally tentaron que os demáis viran a falsidade deses rumores, pero tan só empeoraron as cousas. E, como Ith hai séculos, os Meic Nally foron atacados sen razón polas tribos de Erinn, incluida a dos Meic Brigg, os seus vellos amigos, e foi totalmente exterminada.

-¿Angus tamén?- berrou o neno deacougado.

-Nese momento déronos a todos por mortos. A Dana víuse sen impedimentos para levar a cabo o resto do seu plano. Para iso tiña que provocar unha batalla fóra da illa.

>>Fixo correr rumores sobor de que este ou aquel clan quedaría coas terras dos Meic Nally, e comezaron as desconfianzas. Todos mirábanse ós outros coma posibles inimigos, incluso entre aliados. Xa ninguén confiaba en ninguén. E entón, sete anos despois, aparaceron de novo os Meic Nally. Díxose que era unha pantasma, que era un impostor, incluso que era un diaño. El dicía que era a “Tribo-dun-só-Home”: era Angus Meic Nally, único supervivinte da masacre da súa xente.

>>A “Tribo-dun-só-Home” viaxou por toda Erinn atraendo a descontentos que vían neste fraticidio, a loita de Irmán contra Irmán, un erro. A illa non estaba unida contra calqueira ameaza. E a ameaza da que falaba Meic Nally non viña de fóra, senón de dentro. Era un inimigo que estaba no interior, tanto da illa como da xente. E todos os fillos de Milé estaban en perigo.

>>Os máis novos das tribos uníanse a el, e os máis vellos, xa anciáns, chamábanlle o Milesio, pois era sen dúbida un dos auténticos Fillos de Golamh Milidh. Chegou a xuntar un pequeño exército con mozos xoves de tódalas tribos. Pero os líderes das tribos víano como unha ameaza, coas brétemas de xenreira asulagando os seus ollos pola maxia da Dana.

>>Pero a “Tribo-dun-só-Home” e os seus eran xente lizgaira, coñecían o terreo, xa que había representantes de tódalas tribos, e esvaecíanse ante calquer persecutor. Nunca entraron en combate, xa que loitaban contra iso mesmo: a loita entre Irmáns.

>>A Dana decidíu entón da-lo derradeiro golpe. As tribos rifaban polas terras dos Scots dende a desaparición dos Meic Nally, e unha grande batalla estábase xestando nos corazóns dos líderes das tribos. Foi entón cando a “Tribo-dun-só-Home” e o seu exército atacou.

>>Angus e o seu grupo de valentes levaban tempo vixiando as covas dunha rexión ó leste de Erinn e, co tempo, advertiron que estaba habitada por seres que non podían ser homes. Tratábase dos Dopplegangers e dos Fomoriáns.

>>A batalla foi terrible. Meic Nally e os seus homes, que deron en chamarse a tribo dos Homes Libres, atacaron por sorpresa a cidadela que existía baixo a cova, matando a tódolos seus habitantes, contando con moitas baixas do lado dos Homes Libres. Incluso Meic Nally recibíu unha ferida no ventre moi grave.

>>Esta victoria deu en confirma-la presencia de inimigos na illa, pero a noticia chegaba moi tarde. Os exércitos dos pobos de Erinn navegaban á Terra de Scot a esixi-las terras dos Meic Nally. A meirande batalla xamais vista estaba a piques de estoupar, xusto cando Angus Meic Nally descubrira o xeito de facer fronte as escuras artes da Dana.

>>Durante o tempo en que Angus e os seus homes conviviran comezaran a creación dun artiluxio que pensaban lles axudaría a esperta-los seus Irmáns. Tratábase dunha frauta especial, coma non había no mundo enteiro, que funcionaba soprando dentro dun fol, e dese fol partía o aire que facía soar á frauta. Compoñíase de moitas partes, e cada unha delas fora feita por membros das distintas tribos pertencentes ós Homes Libres: o punteiro fixénao os Meic Brigg, o roncón os Meic Ith, a palleta os Scots,... O fol preparárao o mesmo Angus, co bandullo dun touro branco que se lle apareceu unha noite nunha pradeira do que hoxe é Cork. O touro falara con Angus así: “Ti, Tribo-dun-só-Home, terás que facer o maior dos sacrificios se queres unir de novo ás Grandes Tribos dos Fillos de Milé; e eu únome a ti para ese sacrificio: toma o meu bandullo e remata a túa frauta, e coa miña carne da de comer ós fillos das árbores das que colleche-la madeira coa que tallache-las distintas partes dela, e co meu coiro manda tecer unha bandeira que será o teu símbolo, o teu símbolo na batalla, na batalla de Guineach Crom-Leach”. Deste xeito tomou aquela frauta especial feita por tódalas tribos e chamoulle Gaita, e con ela e os seus homes partiron cara as Terras dos Meic Nally.

Continuará...

1 comentario:

Anónimo dijo...

Where did you find it? Interesting read »