16.7.06

O Relato (Oitava e Penúltima Parte)

Mentres, os distintos exércitos de Erinn acampaban agardando o momento da batalla, nunha pradeira chamada Gealachail Crom-Leac, a pradeira do Altar da Lúa, pois alí, preto dun regato, había un enorme círculo de pedras ergueitas de antes do tempo dos Tuatha de Danann, que se dicía que era máxico.

-¿Por que?- inquiríu o neno

-Disque comunicaba ós mundos. Era coma un portal de viaxes. O caso é que os exércitos acamparon e agardaron. A Dana tiña as de gañar.

>>Ó terceiro día alí, os exércitos enfrontáronse uns ós outros. Xa non tiña volta atrás. As distintas faccións aliadas esixían as terras dos Meic Nally, pero ningunha estaba disposta a ceder. A batalla ía comezar e, entón, a “Tribo-dun-só-Home” xunto coa Tribo dos Homes Libres entraron en escea. Achegábanse á pradeira onde ía ter lugar a batalla, portando a Gaita de Meic Nally e o seu estandarte branco feito coa pel do touro. Pero antes de que chegaran ante os seus Irmáns, ocorreu o impredecible...

-¡Ola!- entrou berrando o pai do neno na casa, cargado de bolsas da compra- Xa chegamos, fillo. Mamá máis eu imos estar na cociña coa cea, e xa lle facemos nós compaña ó avó; ti se queres sube á habitación e xoga un pouco coa consola, que hoxe fuches bo.

O vello mirou primeiro, cun xesto sorrinte anque canso, a entrada do seu xenro, para logo mirar para o seu neto. O neno quedou un intre sen saber qué facer. En realidade quería xogar na consola, pero neste momento íalle a vida en coñece-lo Destino de Angus Meic Nally e da Tribo dos Homes Libres.

-Prefiro quedar co avó, papá- dixo o neno coa voz de quen acepta un erro.

O avó sorríu para si, e o pai ergueu as cellas con incredulidade.

-Eu... eh... vou para a cociña- dixo o pai con cara de non dar creto.

-Sigue, avó. Falabas de que os servintes da Dana atacaran a Meic Nally e ós seus amigos-dixo o neno.

-¿Xa? Pensaba que aínda non chegara a ese punto. En fin; cando estaban a punto de chegar ó campo de batalla e desfeitizar ós seus Irmáns, un exército de Fomoriáns guiados por Dubh-Bàs, un grande Señor Doppleganger, o máis temible deles disque, que tiña matado homes a centos, caeu sobre Meic Nally e os seus compañeiros. Ó mesmo tempo, os exércitos de Erinn cargaron uns contra ós outros na batalla que debería se-lo seu fin.

>>A tribo dos Homes Libres loitou con valor e honor contra aqueles seres do inframundo, e a “Tribo-dun-só-Home” loitou singularmente contra Dubh-Bàs. A pelexa foi terrible, e as espadas de ámbolos dous loitadores batían unha e outra vez sen que ningún dos dous ferise ó outro. Os berros sucedíanse entre os dous exércitos, pero eran os Homes Libres os que máis alto berraban, incluso os que caían mortos caían berrando: “¡Loitade Fillos de Milé! ¡Ailiu iath nErinn! ¡Longa vida ós Milesios!” e outras arengas. Pero os Fomoriáns dobraban en número ós seus rivais, e a victoria estaba do seu lado.

>>Na outra batalla as cousas non ían mellor. O plan da Dana estaba tendo éxito. Utilizando o portal do cículo de pedras ergueitas do que che falei antes, apareceu alí xunto cos seus servintes, e alí invocou a sua maxia. Utilizando o feitizo que creara, ía roubando as almas dos descendentes de Milé que morrían na loita e as introducía nunha furna de cristal máxico. Esta era a súa estratexia: roubaría as almas dos que se opoñían, e así Erinn volvería a ser súa.

O neno quedou coa boca aberta de asombro. Non daba creto.

-Na loita man a man entre Angus e Dubh-Bàs as cousas non ían ben para o Doppleganger -continuou o avó-. O Meic Nally era un guerreiro tan bo coma o puido ser o propio Golamh Milidh, e a súa espada rúnica de anteas fería en cada tallo ó Tuatha de Danann, arrincáncolle partes da venda que o cobría. En máis dunha ocasión o Grande Señor Doppleganger tivo que recuar para evitar ser gravemente ferido. No golpe definitivo, toda a “Tribo-dun-só-Home” cargou contra o seu inimigo.

>>A espada de Angus atravesou ó Danann, mentres que a deste déulle un golpe que lle abreu a ferida do ventre feita no ataque á cova en Erinn. Os dous combatintes caeron ó chan, con sangue propia nos seus ventres e allea nas súas follas. Dando por morto ó Meic Nally, os servintes de Dubh-Bàs recolleron ó seu señor e retiráronse tras ter morto a toda a tribo dos Homes Libres.

-¿Todos? ¿Non sobreviveu ningún? -ergueuse o neno- ¿Nin Angus? ¡Tes que estar de broma!

-Mentres, a Dana continuaba roubándolle-la alma ós mortos da batalla de Guineach Crom-Leac, sen nin sequera ter que usa-las súas tropas.

>>No campo da loita as tribos aliadas remataban unhas contra as outras; xa nada importaba, só matar era importante. Os homes morrían a centos e miles e o chan estaba esbaradío da cantidade de sangue dos fillos de Milé que o asulagaba. Os guerreiros tropezaban cos mortos e a Dana ría.

>>Foi entón cando Angus Meic Nally, descendente dos fillos de Scot, fillo de Golamh Milidh, fillo de Bile, fillo de Breogán; e de Scota, filla do Faraón Nectonebus; chamado o Milesio, a “Tribo-dun-só-Home”, acordou.

3 comentarios:

besbe dijo...

A ver que pasou? como foi a cousa? Uff e non quero sabelo porque non quero que remate!!!!!

FraVernero dijo...

Vaites...
xa vai rematando o noso peculiar 'Leabhar Gabhala' dixital...
Contaremos con velo en breve tamén dende as páxinas impresas das 'Crónicas de Gaidil'.
Que tal a cea, lo? Estiveches na etílica celebración do venres?
Saúdos

M.

besbe dijo...

Di que si Jan, que xa o estou vendo e agardando novas cousas :), sodes do que non hai, mil bicazos.