6.5.07

Tempos, Cronoloxías, Vidas...

Algo moi recurrente en todo texto histórico, así como en todo xogo de rol que teña unha Historia que contar, é a Cronoloxía.
Longas listas de feitos históricos que ocupan moita historia previa, actual e, ás veces, futura no Mundo no que se xoga. E iso está ben. Para entender en toda a súa magnitude unha obra mestra como O Señor dos Aneis de Tolkien hai que asimilar que os protagonistas viven ao redor do 3018-3020 da Terceira Idade do Sol, e que todo o que lles ocorre realmente chégalles por feitos que pasaron na Primeira e Segunda Idade... polo tanto unha boa Cronoloxía nunca está de máis.

Por outra banda temos (moi ao lonxe de Tolkien, claro: quén nos dera) a Gáidil. O Mundo de Gáidil ten unha base de clan, unha base tribal. O castro importa, teña a extensión que teña. As cousas que pasaron nos tempos dos avós son importantes, pero non existe unha Cronoloxía como tal porque case ninguén a sabería escribir, e aínda menos a saberían ler.

Polo tanto temos, claro está, unha Cronoloxía baseada en grandes periodos de tempo: Os Tempos Denantes dos Tempos, que inclúen o final do Mundo anterior a Gáidil, do que só sobreviveu o Grande Heroe Lugh, e da é poca cando apareceu o Home Carballo Drú da Semente do Espírito, e de como este preparou as Sementes das Grandes Razas; O Tempo das Lendas, marcado pola aparición das Razas da Luz e da Noite e o Longo Inverno no que Lugh non tiña forzas para quentar o Mundo; O Tempo da Primavera, no que Lugh se aleda tanto de ver de novo a xentes poboando o Mundo que brilla con forza e remata coas neves; O Tempo das Batallas, cando as Grandes Razas da Luz e da Noite loitan entre elas polo dominio de Gáidil, marcado pola victoria dos Guéghel e pola fuxida das demais razas da Luz a pequenos refuxios e das razas na Noite ao Sidh Inframundo.
Tras disto chegou o Tempo do Verán, onde se asenta o poder dos Guéghel... pero que sufre un enorme golpe coa Loita entre Irmáns. Enganados pola Dana, as tribos Guéghel loitan entre elas e acaban case exterminadas. Só coa determinación do xefe de grandes heroes Angus Meic Nally, ao construír a súa gaita sobrenatural, obtiveron a victoria sobre a Dana. Victoria chea de tristura, por suposto. Tras disto chegou o Tempo do Outono, tempo no cal os Guéghel están a actuar sobre o Mundo dun xeito maduro e a vivir con relativa calma. Sábese que algún día chegará o Tempo do Inverno, cando de novo apareza a Semente do Espírito e todos loiten por ela, pero á xente pensa pouco neste incerto futuro.

Os Tempos de Agora son os que están a vivir hoxe por hoxe os Guéghel. E poden falar de feitos ocorridos nos Tempos do Verán, os "Nos Tempos de Agora cando o meu avó era aínda un picariño". Pero nunca "no 2675 do Tempo das Batallas", pois estamos a falar dunha cultura que é, case na súa totalidade, seguidora da milenaria Tradición Oral, que fai que "Brem o pastor, nos tempos en que o pai do meu pai entrou a loitar co exército do Breogán, matou co seu tirafondas a un lobo que lle comera tres ovellas" se transforme na "historia de Brem Matalobos, que un día co seu pao de buxo matou a toda a manada do malvado lobo Cair-n'to por ter ameazado con devorar a todos os nenos da rexión".

Ao final incluso moitos de nós non dicimos "isto ocorréume no 1992", senón que buscamos tempos cronolóxicos marcados... "cando me pasou isto ía ao instituto" ou "no segundo ano de universidade" ou "despois de saír con este ou con aquela".

Penso eu.

25.4.07

Mass Media (e 2)

Estamos agardando por pósters ou cousas así para poder comezar unha publicidade como Lugh manda, pero mentres tanto xentes como Buliwyf están aí crendo nun proxecto coma Gáidil en lugares coma este.

Mil gracias, Car-Peito!

Mass Media

É o que hai. Moito hai que agradecer a xente como Jan, a Besbelha, Morgana e demais que eu non sei ou non coñezo. Pero o asunto é que "As Crónicas de Gáidil: O Xogo Castrexo-Fantástico de Contar Contos" é xa unha boliña de neve. Un ruxe-ruxe a pequena escala.

Xa en foros, xa en listas de correo, xa en conversas... e iso é importante e moi moi moi moi de agradecer a todos os que por eiquí pasades.

10.4.07

Tres Cousas

Primeira: A Maldición do Río de Amerelle foi un sinxelo Conto que xogamos o outro día O Mosqueteiro, Bishop, Buliwyf máis eu, con Amra o León de Contacontos. A partida tivo moita máis miga, claro, i eu persoalmente paséino en grande.

Segunda: Resposto ao rollo este da música sacada de youtube que me manda Jan de Delft. Tan só porei dúas. Seica tiña que ser música sensual. Tan só direi que ese tipo de cousas dependen moito da persoa, e que o que para un pode ser de risa para outro pode ser todo o contrario.

A música de fondo nesta escena, case vinte anos despois, ségueme poñendo a pel de galiña.


Así como a música de fondo desta:


Son sensuais? Pois non o sei de certo. Seguro que cancións de grupos de música que hai por aí son moito mellores, pero eu me criéi máis vendo cinema que escoitando música sensual.

A non ser que falemos disto, claro:


Terceira: Acabo de atopar algo co que non contaba: o blog de Santi Bergantinhos, que paso a linkar. Unha das orixes non-oficiais de Gáidil (ou do feito de tentar facer un xogo de rol en galego) foi o seu libro Carmiña Burana, cos seus goliardos, templarios, o Urco e as batallas inmortais na Praza da Quintana... o día menos pensado sorprendémosche de novo con Terra Cógnita.

Un saúdo a todos.

9.4.07

A Maldición do Río de Amerelle (final)

O río estaba cuberto dunha espuma noxenta e fedorenta que non deixaba medrar ren nas beiras. O río xa non tiña caudal, podendo ser saltado incluso por alguén coma min, pero aínda así non baixamo-la garda.
O ferreiro lemavo saltóuno... o piornal cruzóuno dun só paso. Era o meu turno. O heleno sostíñame para que non caera, e o lemavo esturaba as mans para me axudar. Foi entón cando unha enorme nube vermella xordeu da nada ante os meus ollos, ás costas dos que xa cruzaran. "MOOONSTROOOOO!!!!" berrei, e me deixai caer de costas. O lemavo e o piornal xiraron sacando as armas e encarando a un ser parecido a unha serpe, dun tamaño xigantesco... "ídevos antes de que morrades, necios! A vosa vida non vale nada nestas terras, e a vosa axuda é inútil". Logo de dicir isto, esvaecéuse.

Aínda alerta e cos ollos en cada punto do camiño, cruzamos o río. Pouco despois, e tras de andar pouco máis de dúas carreiriñas de can, chegamos á entrada dun castro en ruínas. Nunha pedra vimos un pequeno homiño, un ser das fragas amigo e parente das fadas e da Boa Xente. Parecía un tanto enfermo e, despois de darlle un grolo de auga máxica, preguntámoslle onde podiamos atopar ao Rei Xulgann. "O rei Xulgann está no castro, pero hai moito que non sae".

Atopámo-lo Rei mentres subiamos en dirección á croa. Só 5 nerios poboaban Amerelle. Era terrible. A Fraga Cerimonial, onde reposaban as ánimas dos que xa non estaban, estaba apodrecida, envelenada. "O río trouxo algo malo, e a xente morreu" dixo, "incluso os nosos inimigos veciños, os do Clan do Xabarín, deixaron de vir porque xa non tiñamos nada para que roubaran... non souben cumplir nin coma xefe nin coma Rei". "Mellor tería estado, noble Xulgann" dixémoslle, "que tiveras estado do lado do Breogán... todo isto non tiña por que acontecer".

Falando con el e cos supervivintes chegamos á conclusión de que o río era o culpable. E non era o típico verquido de purín... o que o envelenaba era algo aínda peor. Os catro puxemos rumbo aos montes onde nacía o río, nun sitio ao que chamaban A Mina. O camiño e a entrada eran moi accidentados, e levei un par de boas rascadas por mor das caídas que me lembrarán tamaña aventura.



Unha vez dentro comezamos a introducirnos fondo n'A Mina. Era unha gruta escura e perigosa. O río era agora un simple regatiño, un fío de auga, e así chegamos ao lugar onde este nacía. A cova ensanchóuse... era un lugar circular, cun pilar no centro de onde pingaba a auga que saía pola cova... ao redor do pilar, enroscado, unha enorme serpe deixaba cae-la súa babuxa no río nacente. Espuma dun fedor incrible que contaminaba a auga e mataba todo o vivo.



Non lle dimos tempo nin a fachendear... o lemavo cargou de fronte coa súa espada e o seu escudo... o piornal ergueu o seu martelo e o heleno cubréuse tra-lo seu escudo redondo e puxo a pica apuntando cara a enorme Bicha. Eu, polo meu lado, comecei a Convocar o lume de Lugh, tentando abrasar ao terrible ser.
Por sorte, o noso ataque combinado a colleu por sorpresa, sobre todo o enorme martelo piornal!

Queimamos todo e purificamo-la auga. Entre oque quedou tan só atopamos restos de capas de pel de xabarín (cecáis da xente do Clan do Xabarín?) e unha gadoupa de metal pequena, a modo de colgante. Seica pertencía ao mordomo principal do Rei Xulgann, un tipo raro que tiña coñecementos arcanos... pode ser que fora el o que invocara a tal terrible monstro?
No amuleto da gadoupa líase en escritura rúnica "Permítaselle a Entrada ao meu Portador ao Interior do Torreón do Baol'Engo". Un arrepío cruzou a miña espalda. O Baol'Engo! Que inconscientes poderían facer tratos cos poboadores desa Torre? Que tolos serían capaces de entrar nos escuros e antigos recunchos dese pesadelo? Quen estaría disposto a chamar nas temibles portas de sangue adornadas coas almas dos que tentaron enganar os do Torreón?



Nós, por suposto. E ese sería o noso seguinte paso.

8.4.07

A Maldición do Río de Amerelle (continuación)

O Grande Druída convidóunos a un pequeno almorzo, composto por froitos, herbas e follas moi saborosas. O lugar era incrible: estabamos sentados na herba, a carón dunha laxe que nos facía de mesa, arrodeados por centos de árbores de máis clases das que coñezo. Un grande carballo se atopaba no centro do claro, e del xordía un chorro de auga que caía ao chan converténdose nun regato que continuaba en dirección ao interior da fraga.



O Grande Druída, despois de despedir a Mórinn, contóunos o problema: ao norte había un castro poboado por nerios. Non estaban xuramentados polo Breogán, pois eran moi independentes. Aínda así eran fieis seguidores do deus Cernunnos e de Lugh, e o Druída tiña fonda amizade con Xulggan, o rei de ese castro. Aínda así, había moito que non sabían deles, e os druídas da fraga estaban preocupados. Mandaron aló mensaxeiros, incluso a fións do Breogán, pero nunca voltaron. Foi así como decidiron, ao cabo, chamar a un grupo de herois. O Druída entregóunos unha Landra Branca, que debiamos entregar a Xulggan para espantar todo mal que puidera ter aparecido no seu castro de Amerelle.

Despois de coller provisións e enche-las nosas cantimploras da auga estrana que xordía do carballo, partimos en dirección norte.

De novo, de xeito máxico, chegamos ao noso destino cunha rapidez abraiante, coma levados polos deuses. A linde dos territorios de Amerelle era un río. Debiamos atravesalo para poder chegar a xunto de Xulggan.
No camiño atopamos unha estrana parella. Dous homes con capas, un cargando con outro, que parecía ferido. Achegámonos a eles e lles desexamos saúde. Os homes, que portaban o símolo da Chama Eterna que os diferenciaba coma Fións do Breogán, miraron para nós e choraron. "Non hai saúde para nós, viaxeiros... mortos somos". O que falaba tiña aspecto de non ter comido en días, pero o outro estaba peor: a súa pel estaba comesta pola peste, coma envelenado por algo. Sen saber moi ben o que facía, dinlle un grolo da miña bota. O resultado foi abraiante: o fión comezou a mellorar ante os nosos ollos, curado do que eles chamaban "A Maldición".



Polo que nos contaron mentres nos ocupabamos deles, ao norte vivía un Mal que non podía ser vencido, e que facía murchar árbores, animais e guéghel. E nin sequera chegaran ao castro na súa viaxe. Alomenos, pensamos, voltarían vivos onda o Breogán para informar.
Decididos a descobre-lo misterio, continuamos o noso camiñar até que chegamos ao río... e o que vimos non era deste mundo.

7.4.07

O Maldición do Río de Amerelle

Viña de recoller herbas preto da Fraga Cerimonial do meu castro, Libredón. O meu físico non era un portento (son baixo e máis ben raquítico), e non era quen de estar moito tempo nestas tarefas, así que pouco antes de caer o Sol voltei ás Portas de Libredón.


Foi alí onde din con catro curiosos personaxes. Dous estaban xuntos: un enorme piornal dos Montes Arrebolados e un lemavo que dicía ser ferreiro, fachendeando ante os muros do castro de seren os que hai pouco mataran a Arnal o Raposo e puxeran en fuga a todo un exército lonbagdáir. Outro dos que alí había era un heleno. Chaman a atención namais velos polos seus curiosos cascos, os escudos redondos, a pica longa dos atlantes e esa mirada chea de orgullo.
Completaba o cuarteto un curioso home adulto, non moi vello, cunha mirada riseira de picariño, pero sincera faciana. Chamábase Mórinn, e estaba na procura de catro herois para unha curiosa fazaña... catro herois entre, sen comelo nin bebelo, me atopaba: "Brelio o Feiticeiro, dos libredóns" dixo, "precisamos a túa sabedoría arcana nesta misión". "Como sabes o meu nome?" preguntei eu. "Alguén porriba de nós envíame na túa procura, e non me gustaría fallarlle". "Logo irei canda ti" respondín, "non digan que o teu fracaso foi por causa miña".

Foi así como me vin inmerso nunha viaxe a unha estrana lubre en territorio dos nerios. Unha viaxe, por outra banda, que durou unha noite enteira pero que para nós tan só durou o que un chiscar de ollos.


Mórinn guióunos até as "portas" dunha estrana fraga. Nesta entrada dous seres se nos presentaron: tiñan corpos coma nós os guéghel, pero as súas cabezas eran de cervo. Sen dúbida eran Oisín, eses escuros druídas servintes de Cernunnos, o deus das fragas, capaces de muda-lo seu corpo en seres da natureza e vixia-los ríos, montes e lubres.


Asegurada a entrada nese místico lugar gracias á presencia de Mórinn, fumos conducidos perante a autoridade máxima desa fraga, o Grande Druída.

29.3.07

Portal de Rol para toda Galiza

Sempre é bo que aparezan estas iniciativas, máxime nun sitio coma este no que é difícil facer algo até que se fai.

Eiquí os temos.

27.3.07

Gáidil Go Bragh!



Máis de Rivas, con diversos guéghel.

25.3.07

Mapa da Gael-leach

Incompleto e en plan chapuza, pero qué carallo!



Este é sobre todo para ir mirando onde cae cada sitio. Hai moitos máis lugares que faltan neste mapa (O Castro das Aciñeiras, a Baiuca do Salgueiro Falador, O torreón do Baol'Engo...) pero supoño que pouco a pouco se engadirán a medida que o mundo medra. O chiste destas cousas é cando as deixas voar, e o mellor de todo é xa un día no que escoitas unha conversa sobre "o castro cheo de mortos vivintes que hai preto de Lug e que está en guerra cos piornais de pelo verde aliados dos limicos" e do que ti (como creador e deseñador do mundo) non tes nin idea.

23.3.07

Mapa de Gáidil "de batalla"

Este foi o primeiro mapa "oficial" de Gáidil. O debuxou Amra hai un par de anos para a versión "seria" que mandamos ás editoriais. Agora, despois de facer uns cambios pequenos e algúns interesantes engadidos, estamos á espera de ver con qué nos sorprende o sempre impresionante Señor Rivas.



Outro día, o da Gael-leach.

Un saúdo a todos.

19.3.07

Máis cousas



Seguimos co curre. Agora toca seguir revisando textos, acabar un mapa xeitoso de Gáidil e da Gael-leach, pequenas correcións... pero hai que ir a morte!

14.3.07

Dentes Cairos


Primeiros traballos sobre a ilustración.

12.3.07

Recuperando a Fe

Pois si, xa está confirmado: a publicación d'As Crónicas de Gáidil é xa unha realidade. Temos unha editorial galega inmersa no proxecto, con axuda por parte das institucións e o apoio a priori de certas tentas ao longo de Galiza que xa piden para facer partidas de presentación. Incrible.

Supoño que algo está a cambiar neste mundo para que pasen cousas deste estilo.

Xa vos irei dando conta das diferentes vicisitudes polas que estamos a pasar (corrección do texto, elección do ilustrador, formatos, soños...).

Estámolo flipando en cores.

11.3.07

Trece meses despois.

Trece.

E parece mal número, pero non o é en absoluto.

Hai hoxe trece meses, tantos como duraba o ano celta baseado en trece lúas cheas, abriamos Amra o León e máis eu este blog.

Trece meses longos, de moito traballo e moita espera. De investir tempo neste proxecto de tolos: un xogo de Rol en galego feito en Galiza, e de vérmonos rexeitados en moitas ocasións. Pero xa non.

As Crónicas de Gáidil van ser publicadas.

8.3.07

"Honra este día, pero honra os demais tamén"

Fora un día de caza moi bo. Tres coellos e un cervo. Darían para comer bastante tempo.

Nin se decatou cando os asaltantes fixeron a emboscada. Eran cinco, con aspecto de incursores do leste, fedorentos, suxos... de longos bigotes e pelo crecho. Riron e maldixeron, insultaron e menosprezaron. Pero era importante que mantivera a calma. Pousou as pezas cazadas no chan e colocou as maos nos puños das falcatas. "Non quero problemas... dóuvos os coellos e liscades". "Iso é o que ti pensas... imos levar todo o que tes. Incluso a vida e a honra... nunca poderás volver a mirar aos teus á cara".

Os cinco se achegaron a un tempo, armados con espadas curtas e escudos. Xusto antes de que o primeiro atacara, sacou as dúas falcatas nun movemento de apertura, parando un golpe coa esquerda, abrindo unha gorxa coa dereita, contorneando o corpo para fuxir das mortais espadas. As súas falcatas voaron polo ar, deixando unha estela de sangue ao seu paso, detendo estocadas e abrindo feridas coma se dun baile se tratara, movéndose entre os seus inimigos coma auga entre as pedras.

En menos dun tris os cinco incursores estaban tirados no chan, uníndose aos seus antergos no Alén. Recolleu a caza e se encamiñou de volta ao castro; á súa choupana xunto cos seus tres pequenos, que habían estar xogando, sós dende que quedara viúva había dous invernos.

Era unha guéghal, unha guerreira, unha cazadora, unha campesiña... e tamén unha mestra e unha nai. E ninguén no seu castro o dubidaba... nin se lle ocorrería poñelo en dúbida.

Para todas as currantes, sobre todo aquelas ás que algunha vez lles apetece coller un par de falcatas e aniquilar aos parvos que se lles poñen por diante, que non son poucos.

5.3.07

5000 e 300

Que non son 5300, ollo.
5000 son as visualizacións de páxina que leva este blog... non sei cómo porque mira que tardo en renovalo. De tódolos xeitos cinco mil gracias (ou grazas) a todos os que vos interesades ou vos interesáchedes.

E 300 é un bo motivo para que me apeteza a morrer volver a xogar unha nova partida de Gáidil.

Agora mesmo teño 2 partidas en activo: unha miña de Cthulhu e outra de Amra de "La Leyenda de los 5 Anillos", pero Gáidil sempre está aí, agardando por min para que xogue e imaxine novos lugares destas terras da Gael-leach, cunhas ganas tremendas de continuar as aventuras tra-la caída de Arnal o Raposo.

Agardo, o día menos pensado, poder sorprendervos cunha edición deste xogo. Que entredes nunha librería calquera e, de súpeto, entre un montón de libros nunha esquina vexades "As Crónicas de Gáidil: Onde Remata o Mundo Escomeza a Aventura" e lembredes a estes pobres soñadores...

28.12.06

A Caída de Arnal o Raposo

Non se sabe como pero Arnal, un ser do Sidh Inframundo, foi quen de unir a nada menos que 5 Clans de Lonbagdáir, a maior ameaza do leste da Gael-leach. Os lonbagdáir son en aspecto parecidos a nós, os guéghel... pero teñen a certeza de que son o animal que teñan por tótem: lobos, osos, águias, tabeiróns...

Arnal os reuníu a todos baixo o seu estandarte, e cargou atravesando os Montes Arrebolados, a fronteira leste, defendida polos xigantes Piornais e polos servintes do rei de Lug, a cidade murada. Pero nin a unión dos Lugóns, dos Limicos e dos Lemavos servíu de nada, e na chaira da Batalla foron derrotados. O exército de Arnal, con máis de 1000 lonbagdáir, encamiñouse a Lug.

Catro supervivintes a esta batalla (un ferreiro lemavo, un oisín limico, un piornal e un fomorián Ceivo) foron quen de chegar ao castro dos Fentos, un lugar tocado polo deus Lugh. Despois de recuperarse das feridas, foi o mesmo deus Lugh, en forma de ancián, que os encamiñou á victoria: alí onde un exército non pode, tan só catro loitadores poden marca-la diferencia. Catro contra mil. Coas bendicións do Pai de Todos, os compañeiros acudiron á chamada do seu Destino.
Alimentados por landras, castañas e mel recibidas de man do propio Lugh, foron quen de interceptar ao exército inimigo, só para descubriren que o propio Arnal o Raposo non era se non un fomorián servinte do Deus Oscuro: a Dana.

Atacando o seu campamento de noite, a tan só un día de camiño da Cidade Murada Lug, os compañeiros foron quen de aproveita-la sorpresa e, nun golpe mestre no que o ferreiro lemavo e o oisín limico incendiaron parte do campamento, e o fomorián ceivo cos seus triskeis arroxadizos e o piornal co seu Grande Martelo de Guerra atacaron a tenda desprotexida do propio Arnal, acabaron co Caudillo.

Sen líder que os unira, os lonbag dispersáronse, sempre de volta aos seus territorios alén dos Montes Arrebolados.

No Castro dos Fentos, os catro compañeiros foron recibidos coma o que están Destinados a ser: Heroes.

22.12.06

Moito conto...

Ultimamente estiven algo perdidiño e por iso non blogueo demaisado. Moito lío cunha partida de rol en Vivo de Vampiro, ademais de lendo xogos en inglés, entre os que destaco unha novidade: Runequest. Os veteráns dirán "novidade??". Si, Runequest é un xogo xa clásico, cun dos mellores sistemas de xogo e unha ambientación excelente dentro do medieval fantástico. O chiste é que o reeditan cun remozado xeral para as novas tandas de roleiros.

Tamén comentar que reenganchei con dúas cousas: primeiro un libro que á fin puiden poñerme a ler en serio: Juego de Tronos, recomendado por moita xente e que me regalou Jan de Delft, e segundo: Mithalda, unha campaña do xogo Dungeons and Dragons que comezou en versión Advanced e que evolucionou a D20. Unha campaña que segue activa despois de 5 anos e que é como voltar á casa.

Por outra banda estou preparando unha serie de pequenas partidas de proba para xente diversa, para que coñezan Gáidil. Serán partidas curtas, de 2-3 horas, co gallo de presenta-lo sistema e a ambientación (as dúas partes fundamentais de todo xogo) e para comentar despois.
Eiquí vos poño a Ulin, o fomorián, un deses personaxes dentro do xogo que leva con nós uns 9 anos dando guerra e dando moito que falar pola súa destreza, imbatibilidade e a súa capacidade de cambiar de bando cando menos se espera.

(o debuxo é de Amra, o León)

11.11.06

Xuventude?

Ben. Vale. Bueno. Dacordo.


Imos mañán ás xornadas estas da Xuventude, a facer un par de partidas de wargames e de rol (con Máster de Garda listo para xogar) e pasar outro día roleando. É un pouco coñazo, porque quedan moi perto dos Encontros que fixemos nós, pero en fin.
Todo sexa polo vicio.

Conste que me toca cada vez máis a moral o rollo de relacionar o rol con actividades e literatura Infantil e Xuvenil. Coño, que teño case 30 tacos, e conto de seguir desfrutando da miña afección ao rol deica o asilo e a tumba (e Alén, se hai algo). Sei de xente que leva moito nisto e que seguirá por sempre. E falo de peña con 70 anos que segue xogando.

Por que certas afeccións, certos xogos, certas actitudes lúdicas sen malicia ningunha se consideran iso, Infantís e Xuvenís? Por que non podo colle-la miña espada de gomaespuma, o meu tabardo, o escudo e irme de aventuras cos meus amigos? É isto infantil? Por que? Acaso o feito de que algúns perderan a capacidade de Soñar, de Imaxinar, de Ver Alén do que teñen diante ten que me limitar a min, que non as perdín? Por isto o que fago é infantil e xuvenil para algúns?

Ben, Vale. Bueno. Dacordo.

PS: igual mañán fago estreno-pataca-veleno con algún xogo. Só para probar.

7.11.06

Seguir seguimos...

Despois dun pequeno parón biolóxico voltamos ao ataque. Estes días prometen ser movidos... preparación dun Vivo de Vampiro dentro da Asociación... contactos apresurados co concello para non sei qué historias... o magosto no colexio...

Ademais de estar mergullado xunto con Curudae para ambientar ben a partida en Vivo, estou relendo o estupendo The Riddle of Steel, un xogo medieval-fantástico cunha ambientación pobre pero cun estupendo sistema de combate e de maxia. O bo que teñen estes xogos é que colles o sistema e o colocas na ambientación que queiras, dende Conan até Los Inmortales pasando por Alatriste (que, por certo, fumos ver a peli alá atrás e non nos gustou nada...).

Por medio de Amra o León chegou ás miñas mans un curioso xogo español, Slang. O xogo baséase no cinema negro actual, xa sexa Pulp Fiction, Syriana, Traffic, Warriors, Colours, etc.
O xogo, aínda que non moi do meu gusto, ten o mérito de estar feito en España, por uns rapaces afeccionados ao Rol que coa axuda do portal Nosolorol tiraron pa diante cunha edición excelente que fará as delicias dos amantes do xénero. Ben por eles.

Vén por nós?

18.10.06

Ludus Stellae, e II.

Eiquí vos deixo máis fotos dos Encontros Ludus Stellae


Destaco esta, a da primeira sesión que houbo de Rol para Nenos, onde un prometedor grupo de aventureiros liberou unha ponte dun malvado Troll, e conseguíu o tesouro da Gárgola da Fraga da Noitebra.

van as fotos de Amra o León.

Un saúdo.

(a propósito, e así en baixiño, igual damos un susto)

16.10.06

Ludus Stellae 2006: A mellor Xuntanza de Rol en Compostela


...Alomenos dende o meu punto de vista.
Para todos aqueles que non puideron asistir, dicirvos que foi unha das experiencias máis enriquecedoras, dentro da miña afección, que vivín.
Dende Xullo, cando comezamos a elaborar a idea de proxecto, até o día 12 de Outubro, coas horas contadas e o traballo a piques de ser amosado, foi un todo completo que cristalizou nestes dous días de Rol e Estratexia, pero tamén de información para aqueles que non coñecían este mundo ou que tiñan unha idea parcial (dada moitas veces pola desinformación televisiva). Estes 13 e 14 de Outubro foron maxia en estado puro (quintaesencia, vaia).

Agradecer a todos a súa colaboración, comezando polas tendas de Santiago de Compostela, así como a Edizer Servizos Editoriais e a Amarouk Studio polo esforzo.

Agradecer, por outra banda, aos reponsables do lugar máxico onde este evento foi posible: A Chocolataría. Un espazo de Arte libre onde todos aqueles con algo que contar poden ter voz, xa sexan grandes artistas ou unha asociación cultural de nova creación con poucos medios e moitas ganas como é Casco Vello. Por isto moitas gracias a Antonio e a tódolos pobres e sufridos bolseiros e bolseiras que nos aturaron, e unha mención especial a Rory e a César, os magos da montaxe. Santiago ha sentir moi moito que este lugar único peche a finais de ano. Moi moito.

E, o máis importante, agradecer a todos aqueles que tiveron a curiosidade de entrar a botar un ollo e aprender algo novo. Mil gracias.

Mirade eiquí algo dos Ludus Stellae 2006

1.10.06

Ludus Stellae

28.9.06

Ao Vivo ( e sigo con maniotas)

Tiña que pasar. Ao final, Jan de Delft máis eu acabamos a espadazo limpo nas terras de Monterrei.

E, a verdade, foi unha experiencia única. Os rapaces de 13Negativo xa nos sorprenderan unha impresionante partida de Rol en Vivo da Vampiro, pero desta vez foi a repera.
Chegamos un venres, e marchamos un domingo. Dúas noites durmindo no castelo (nun castelo!) de Monterrei. Vestidos con tabardos, recibindo e dando ordes de combate. Deseñando estratexias e emboscadas. Baixando a cabeza ao ver entrar ao noso señor de Fonseca. Correndo a apoiar aos compañeiros no Arco, na Porta, na Encrucillada... Coñecendo xente estupenda en tódolos bandos, xa entre os de Fonseca, Zúñiga ou nos incribles Mercenarios, e vendo vellos coñecidos entre os Irmandiños.

Toda experiencia no Rol, xa sexa ao redor dunha mesa ou vestido como a túa personaxe, ten algo de catártica. Verte o domingo como comandante dun grupo de inesgotables guerreiros, enfrontándose a un exército que nos dobraba en número, e logo o luns collendo o coche para ir ao traballo, desfeito polas maniotas e coa gorxa destrozada de berrar, é algo que non se pode explicar.

Persoalmente, eu sentinme cun disfrace o luns.

"Desde hace años llevo una doble vida. De día trabajo, pero de noche mi corazón y mi adrenalina se disparan. Al verme jamás pensarías que he dirigido Ejércitos, que he conquistado Mundos... Yo sí puedo decir que he vivido."

PS: Gracias a todos os que alí estiveron por facer desta experiencia algo para Contar.

4.9.06

Non é por faltar, pero...

Esta linda imaxe é do World of Warcraft e, en efecto, como algúns dos meus amigos, eu tamén caín.
A bochornosa frase que eu (ese de costas que vai de verde) lle solta a Tromzar o Orco (un amigo meu) ven dada por un individuo que nos viña detrás increpando: tiñamos que falar o seu idioma, que o noso está mal visto. O tipo era foráneo (inglés, supoñemos). De aí o meu cabreo, amosado no meu "bocadillo" de diálogo. Nin nos mundos virtuais, oe, estamos a salvo.


As Crónicas de Gáidil, por outra banda, seguen dando guerra.
O sistema xa está probado e listo.
Estamos, hoxe por hoxe, preparando unha campaña para xogar cos membros da asociación, e agardando novas que han de chegar en outubro... máis, outro día.
Unha aperta.

16.8.06

Semana con cousas

Esta semana está chea de cousas. Onte, comida cos amigos (que sempre é como unha Reunión Inesperada) e, despois, con Jan a ver actos de piratería que, en fin, defraudóunos un pouco, pero ver de novo a Jack Sparrow enchendo a pantalla sempre é cousa boa.


Mañá, Asemblea da Asociación e o venres, seguindo o ronsel dos corsarios e bucaneiros, recollendo aos maruneados e atracando en Tortuga, nada menos que o Primeiro e Moi Excelso Torneo de Piratas! na tenda Auryn de Santiago.

A ver que tal sae todo. Un saúdo.

10.8.06

We're back!

Bueno, xa voltamos Jan máis eu da pérfida Albión... e foi voltar para atoparnos os montes todos queimados. Foi mal final para tan boa viaxe.

A viaxe foi moi chula, sen problemas nin agobios agás pola comida, as distancias e o café con leite.

Polo demais, rememoramos lugares xa vistos, e descubrimos outros incribles, asombrosos, ateigados, e encantados.

A verdade: moi ben todo. Londres é unha cidade abraiante, chea de mestura e moi cálida a pesares de ser enome. Unha cidade para perderse e desfrutar.

PS: a nivel roleiro puidemos visitar tres tendas xeniais, onde mercamos The Riddle of Steel, un xogo curioso de medieval-fantasía; uns cantos dados (un deles "preñado", un dado transparente con outro dentro) e a figuriña para Dántrak... pero non puiden mercar a nova edición de Runequest para Amra, posto que saía o mesmo día que marchabamos ... mágoa.


Veña, bicos.

2.8.06

See you soon!


Unha semana enteira mergullado nas vacacións entre Soños de Delft e o London Calling!

O vindeiro mércores 9 voltamos Jan máis eu daló, e xa vos daremos (ela mellor ca min) boa conta de esta versión 2.0 de tamaña experiencia.

(Aproveitarei, de novo, para pasarme polo Forbidden Planet e polo Orc's Nest, centros frikis onde os haxa, a ver se atopo o Runequest novo para Amra e unha figuriña dun mosqueteiro para Dántrak, e algo interesante para nós).

Ese daí son eu o vrao pasado, fronte o mercado de Smithfield.

29.7.06

Dámonos un prazo...

Alomenos até despois das vacacións.

Amra máis eu estamos con outros proxectos (entre eles o Clube de Rol de Compostela e outro xogo chamado Warmaster, do que xa daremos conta) e temos algo retido As Crónicas.

Aínda así, xa hai tempo que está nos correos electrónicos de cáseque todas as editoriais galegas, e supoño que nas Papeleras de Reciclaje de moitas delas. A razón é simple: en Galiza non se arrisca.

En Galiza tírase de subvención para todo o relacionado coa edición de libros, e que deste xeito é moi complexo publicar.
Se tes un nome propio, ou se podes acceder sen problemas á subvención, non hai problemas, pero ninguén arrisca "a peito" cun autor novo.

Para isto está a Xunta, que pon os cartos e así a editorial pode fracasar a gusto se o asunto sae mal. O chiste está en non arriscar.

Lía nun blog hai pouco o de introducir publicidade nos libros. Por aquilo de que se vende pouco.
Máis que dentro do libro, onde debería haber publicidade é fóra; é dicir, en cartaces e en publicidade máis visual. Que os reclamos non só se atopen nas librarías, senón nas paradas de bus (en troques do anuncio de Ballantine's), ou mesmo en radio ou tv.

Se o problema é que non se vende, o xeito é a publicidade, pero non de anuncios dentro dos libros, senón do libro dentro de anuncios.

19.7.06

Apuntamentos

Este Relato data, se non lembro mal, do 1999.

O Relato dos Fillos de Milé tiña que ser unha especie de introducción ó Mundo de Terra Cógnita, a que habería de ser a primeira versión do que logo tornou en Gáidil.
Terra Cógnita era moi distinto. Xogábase no mundo actual, e o papel que tomabas no xogo era o dun Milesio, unha reencarnación dun dos Mil de Meic Nally, loitando contra a Dana na procura das Ánimas Perdidas.

Claro está, como ben dicía Fravernero, que a primeira parte (até que a Dana se refuxia baixo terra) é unha versión do Lébor Gabbala, o Libro das Invasións de Irlanda. Era o xeito de mete-la xente en ambiente, e de que coñeceran cómo era a historia real (tal e como no-la contan os Irlandeses) do reino de Breogán.

A partires dese punto xorde unha historia: "O Relato da Gaita Sobrenatural de Angus Meic Nally". Esta historia vén sendo o resultado dunha partida dirixida por Amra, dun xogo chamado Rolemaster, no que un amigo noso (Foucellas chamaréille) levaba un highlander chamado Angus McNally e tiña, por obriga de Clan, que xunta-las partes dunha Gaita coa que o Mal sería aniquilado.
Partindo desta idea, enlazamos co que xa tiñamos, e pasamos do aire escocés medieval ó celta (que non están tan distantes) e convertíuse no leitmotiv para a Loita contra a Dana.

A trama dos contínuos renacementos daba para moito, xa que en Terra Cógnita podíase xogar en calquer momento histórico... O malo foi que ó final non nos acabou de convencer, e deixamos o proxecto en parón durante uns meses... meses que deron en case anos.
Foi logo cando decidimos darlle o toque de medieval-fantasía... que tornou nun plis en Castrexo-Fantasía, nun mundo (Gáidil), que nos encheu tanto a Amra como a min, e no que os dous nos sentimos como na casa.

Iso si: os milesios seguen presentes. Pero outro día falo deles.

17.7.06

O Relato (Novena e Derradeira Parte)

>>A ferida do ventre estaba moi aberta e o sangue fluía coma un regueiro. Conseguíu arrastrarse ó cumio do outeiro no que estaba; dende alí vía a loita de Irmán contra Irmán. Os corpos dos parentes caendo ó chan mortos e á Dana roubándolle-las almas coa súa furna maldita. Entón, xuntando as forzas que lle quedaban nun último esforzo extremo, tomou a súa Gaita, púxose en pé, inchou o peito co aire das Terras dos Scots e encheu o fol co seu alento.

>>Os guerreiros de Erinn que aínda sobrevivían na batalla, mil en total, os máis bravos e valentes de todos os que loitaran, que andaban espada contra espada uns cos outros, escoitaron incrédulos o cálido e inesquecible son dun fol de gaita cheo do alento do seu gaiteiro. Moitos estaban no medio dun golpe, pero naquel intre todos deixaron o que facían e miraron cara o outerio onde un home ferido tocaba unha frauta moi estrana que emitía sons nun doce ton.

>>Enton Angus Meic Nally comezou a move-los dedos no punteiro, formando os acordes dunha suave e lenta letanía que chegou ós corazóns dos descendentes dos fillos de Milé que alí había. Moitos viron entón o que fixeran, e choraban e caían de fuciños ó chan. Viron entón que estiveran na loita do Irmán contra o Irmán e que tiñan sangue de parentes nas súas mans e nas súas follas. E eses mil supervivintes viron que ergueran as súas armas contra os seus, e moitos que oían a canción do espertar que a “Tribo-dun-só-Home” interpretaba para eles dicían: “¿Oh, Asombrosa Gracia!”, “¡Oh, Gracia Asombrosa!”, e é ese o nome que esa letanía tocada para eles nas Terras de Scot tivo a partires de entón.

>>Co engano da Dana fóra das súas mentes, os mil guerreiros de Erinn, todos grandes señores e heroes de tódalas tribos, xuntáronse xunto o outeiro e alí choraron xuntos, pois o grande gaiteiro caera ó chan e morría ante eles. E entón a Dana lanzou ó seu exército. Miles e miles de Fomoriás guiados polos Señores Dananns cargaron contra os Mil de Meic Nally.

>>Estes, vendo o que se lles viña enriba, sorríronse uns ós outros, e desexáronse unhas mortes honrosas contra ese imbatible inimigo. Pero un gran aturuxo de guerra saíu de tras deles. Cos seu últimos alentos, Meic Nally berraba: “¡Unha reunión de reises sexa Tara! ¡Sexa Tara a colina das tribos! ¡AS TRIBOS DOS FILLOS DE MILÉ!”. E entón os Mil asegundáronlle berrando: “¡Morte ós inimigos dos Fillos de Milé! ¡Loor polos que coñecen o día da súa morte!” e cargaron correndo contra os Fomoriáns con berros e espadas ó vento, e a gaita de Meic Nally tocando para eles. E nese día coñeceron a victoria.

-¿Gañaron? ¿En serio?- dixo con bágoas nos ollos o neno.

-Dos Mil de Meic Nally que loitaron todos sobreviviron; dos máis de dez mil Fomoriáns que loitaron sobreviviron preto de setenta e cinco. Moitos Dananns morreron alí tamén. Incluso a Dana tivo que fuxir de novo. Onde, non o sei.

>>Polo que ós Fomoriáns respecta, voltaron a Erinn coan súas tribos baixo terra, onde continuaron sendo os amos. Dos Tuatha de Danann sábese menos; despois da invasión de Erinn e desta batalla pódese dicir que quedaron menos de cincocentos no mundo. A Dana colleu a súa furna de almas e desapareceu.

>>En canto ós Mil, tras días de loita contínua, venceron. Tentaron curar a Meic Nally, pero xa estaba morto. Só a súa vontade o mantiña neste mundo. E cando os seus Mil tentaron curalo, el dixo: “Non ten volta, morto son. Pero non temo á morte, pois non e máis que o tránsito da miña alma a Tara, onde os meus devanceiros están; e logo ei voltar onda vós neste mundo, para axudarvos a rescata-las almas dos nosos Irmáns que aínda están prisioneiras na furna dos Dananns. Só sodes mil, pero hanvos temer coma se fosedes mil milleiros, pois sodes os Milesios.”

>>Logo espirou. Os Milesios tomaron o seu corpo e lle rendiron homenaxes propias dun Rei de Reis. Logo xuraron fidelidade eterna, colleron a Gaita de Meic Nally e agochárona onde o mal non a puidese atopar e dispersáronse por toda a vertente Atlántica de Europa, dispostos a vixiar as terras ancestrais de Galicia, Erinn, as Terras de Scot, Gales, Britania e a Bretaña gala.

-¿E despois? –dixo o neno.

-A loita continua, meu neno. Os Milesios seguen nacendo, crecendo e loitando contra os servidores da Dana pola liberación das almas dos seus Irmáns. E continurá sendo así ata que tódalas almas sexan liberadas ou caia o derradeiro Fillo de Milé.

-E os Fillos de Milé seguen vivindo e morrendo –dixo o rapaz- e viaxando a Tara tra-la súa morte e retornando ó mundo dos vivos nacendo de novo para loitar contra os inimigos da súa xente.

-¿Xa che contara esta historia? –preguntou o avó sorrindo, coñecendo que a resposta era negativa.

-Nunca, pero, non sei; hai algo nela que... que...

-¿Sabes o que é un trisquel? –preguntou o avó botando a man a un peto.

-Non –respondeu curioso o neno.

-¿Sabes o que é isto?

O avó tiña na man un colgante de corda de coiro cunha pedra tallada. A pedra tiña un símbolo, e ese símbolo era unha esvástica de tres brazos curvos. O vello sorríu.

-Pero... pero... –e aínda que aquela era a primeira vez que vía algo así na súa vida, o neno non puido evitar dicir- pero... ¡Ése é o meu trisquel!




16.7.06

O Relato (Oitava e Penúltima Parte)

Mentres, os distintos exércitos de Erinn acampaban agardando o momento da batalla, nunha pradeira chamada Gealachail Crom-Leac, a pradeira do Altar da Lúa, pois alí, preto dun regato, había un enorme círculo de pedras ergueitas de antes do tempo dos Tuatha de Danann, que se dicía que era máxico.

-¿Por que?- inquiríu o neno

-Disque comunicaba ós mundos. Era coma un portal de viaxes. O caso é que os exércitos acamparon e agardaron. A Dana tiña as de gañar.

>>Ó terceiro día alí, os exércitos enfrontáronse uns ós outros. Xa non tiña volta atrás. As distintas faccións aliadas esixían as terras dos Meic Nally, pero ningunha estaba disposta a ceder. A batalla ía comezar e, entón, a “Tribo-dun-só-Home” xunto coa Tribo dos Homes Libres entraron en escea. Achegábanse á pradeira onde ía ter lugar a batalla, portando a Gaita de Meic Nally e o seu estandarte branco feito coa pel do touro. Pero antes de que chegaran ante os seus Irmáns, ocorreu o impredecible...

-¡Ola!- entrou berrando o pai do neno na casa, cargado de bolsas da compra- Xa chegamos, fillo. Mamá máis eu imos estar na cociña coa cea, e xa lle facemos nós compaña ó avó; ti se queres sube á habitación e xoga un pouco coa consola, que hoxe fuches bo.

O vello mirou primeiro, cun xesto sorrinte anque canso, a entrada do seu xenro, para logo mirar para o seu neto. O neno quedou un intre sen saber qué facer. En realidade quería xogar na consola, pero neste momento íalle a vida en coñece-lo Destino de Angus Meic Nally e da Tribo dos Homes Libres.

-Prefiro quedar co avó, papá- dixo o neno coa voz de quen acepta un erro.

O avó sorríu para si, e o pai ergueu as cellas con incredulidade.

-Eu... eh... vou para a cociña- dixo o pai con cara de non dar creto.

-Sigue, avó. Falabas de que os servintes da Dana atacaran a Meic Nally e ós seus amigos-dixo o neno.

-¿Xa? Pensaba que aínda non chegara a ese punto. En fin; cando estaban a punto de chegar ó campo de batalla e desfeitizar ós seus Irmáns, un exército de Fomoriáns guiados por Dubh-Bàs, un grande Señor Doppleganger, o máis temible deles disque, que tiña matado homes a centos, caeu sobre Meic Nally e os seus compañeiros. Ó mesmo tempo, os exércitos de Erinn cargaron uns contra ós outros na batalla que debería se-lo seu fin.

>>A tribo dos Homes Libres loitou con valor e honor contra aqueles seres do inframundo, e a “Tribo-dun-só-Home” loitou singularmente contra Dubh-Bàs. A pelexa foi terrible, e as espadas de ámbolos dous loitadores batían unha e outra vez sen que ningún dos dous ferise ó outro. Os berros sucedíanse entre os dous exércitos, pero eran os Homes Libres os que máis alto berraban, incluso os que caían mortos caían berrando: “¡Loitade Fillos de Milé! ¡Ailiu iath nErinn! ¡Longa vida ós Milesios!” e outras arengas. Pero os Fomoriáns dobraban en número ós seus rivais, e a victoria estaba do seu lado.

>>Na outra batalla as cousas non ían mellor. O plan da Dana estaba tendo éxito. Utilizando o portal do cículo de pedras ergueitas do que che falei antes, apareceu alí xunto cos seus servintes, e alí invocou a sua maxia. Utilizando o feitizo que creara, ía roubando as almas dos descendentes de Milé que morrían na loita e as introducía nunha furna de cristal máxico. Esta era a súa estratexia: roubaría as almas dos que se opoñían, e así Erinn volvería a ser súa.

O neno quedou coa boca aberta de asombro. Non daba creto.

-Na loita man a man entre Angus e Dubh-Bàs as cousas non ían ben para o Doppleganger -continuou o avó-. O Meic Nally era un guerreiro tan bo coma o puido ser o propio Golamh Milidh, e a súa espada rúnica de anteas fería en cada tallo ó Tuatha de Danann, arrincáncolle partes da venda que o cobría. En máis dunha ocasión o Grande Señor Doppleganger tivo que recuar para evitar ser gravemente ferido. No golpe definitivo, toda a “Tribo-dun-só-Home” cargou contra o seu inimigo.

>>A espada de Angus atravesou ó Danann, mentres que a deste déulle un golpe que lle abreu a ferida do ventre feita no ataque á cova en Erinn. Os dous combatintes caeron ó chan, con sangue propia nos seus ventres e allea nas súas follas. Dando por morto ó Meic Nally, os servintes de Dubh-Bàs recolleron ó seu señor e retiráronse tras ter morto a toda a tribo dos Homes Libres.

-¿Todos? ¿Non sobreviveu ningún? -ergueuse o neno- ¿Nin Angus? ¡Tes que estar de broma!

-Mentres, a Dana continuaba roubándolle-la alma ós mortos da batalla de Guineach Crom-Leac, sen nin sequera ter que usa-las súas tropas.

>>No campo da loita as tribos aliadas remataban unhas contra as outras; xa nada importaba, só matar era importante. Os homes morrían a centos e miles e o chan estaba esbaradío da cantidade de sangue dos fillos de Milé que o asulagaba. Os guerreiros tropezaban cos mortos e a Dana ría.

>>Foi entón cando Angus Meic Nally, descendente dos fillos de Scot, fillo de Golamh Milidh, fillo de Bile, fillo de Breogán; e de Scota, filla do Faraón Nectonebus; chamado o Milesio, a “Tribo-dun-só-Home”, acordou.

14.7.06

O Relato (Sétima Parte)

>>Angus Meic Nally continuou advertindo ás tribos do mal soterrado, e moi poucos lle fixeron caso. Só a xente nova admitía que podía ter razón, pero case ninguén o seguía. Pero a Dana vía nel un inimigo en potencia. Coma parte do seu plano de reconquista de Erinn utilizou a súa rede de espías para culpar ós Meic Nally de querer invadir a illa. Moitas das tribos desconfiaron dos fillos de Scot dende aquela e moitos falaban de atacalos. Os Meic Nally tentaron que os demáis viran a falsidade deses rumores, pero tan só empeoraron as cousas. E, como Ith hai séculos, os Meic Nally foron atacados sen razón polas tribos de Erinn, incluida a dos Meic Brigg, os seus vellos amigos, e foi totalmente exterminada.

-¿Angus tamén?- berrou o neno deacougado.

-Nese momento déronos a todos por mortos. A Dana víuse sen impedimentos para levar a cabo o resto do seu plano. Para iso tiña que provocar unha batalla fóra da illa.

>>Fixo correr rumores sobor de que este ou aquel clan quedaría coas terras dos Meic Nally, e comezaron as desconfianzas. Todos mirábanse ós outros coma posibles inimigos, incluso entre aliados. Xa ninguén confiaba en ninguén. E entón, sete anos despois, aparaceron de novo os Meic Nally. Díxose que era unha pantasma, que era un impostor, incluso que era un diaño. El dicía que era a “Tribo-dun-só-Home”: era Angus Meic Nally, único supervivinte da masacre da súa xente.

>>A “Tribo-dun-só-Home” viaxou por toda Erinn atraendo a descontentos que vían neste fraticidio, a loita de Irmán contra Irmán, un erro. A illa non estaba unida contra calqueira ameaza. E a ameaza da que falaba Meic Nally non viña de fóra, senón de dentro. Era un inimigo que estaba no interior, tanto da illa como da xente. E todos os fillos de Milé estaban en perigo.

>>Os máis novos das tribos uníanse a el, e os máis vellos, xa anciáns, chamábanlle o Milesio, pois era sen dúbida un dos auténticos Fillos de Golamh Milidh. Chegou a xuntar un pequeño exército con mozos xoves de tódalas tribos. Pero os líderes das tribos víano como unha ameaza, coas brétemas de xenreira asulagando os seus ollos pola maxia da Dana.

>>Pero a “Tribo-dun-só-Home” e os seus eran xente lizgaira, coñecían o terreo, xa que había representantes de tódalas tribos, e esvaecíanse ante calquer persecutor. Nunca entraron en combate, xa que loitaban contra iso mesmo: a loita entre Irmáns.

>>A Dana decidíu entón da-lo derradeiro golpe. As tribos rifaban polas terras dos Scots dende a desaparición dos Meic Nally, e unha grande batalla estábase xestando nos corazóns dos líderes das tribos. Foi entón cando a “Tribo-dun-só-Home” e o seu exército atacou.

>>Angus e o seu grupo de valentes levaban tempo vixiando as covas dunha rexión ó leste de Erinn e, co tempo, advertiron que estaba habitada por seres que non podían ser homes. Tratábase dos Dopplegangers e dos Fomoriáns.

>>A batalla foi terrible. Meic Nally e os seus homes, que deron en chamarse a tribo dos Homes Libres, atacaron por sorpresa a cidadela que existía baixo a cova, matando a tódolos seus habitantes, contando con moitas baixas do lado dos Homes Libres. Incluso Meic Nally recibíu unha ferida no ventre moi grave.

>>Esta victoria deu en confirma-la presencia de inimigos na illa, pero a noticia chegaba moi tarde. Os exércitos dos pobos de Erinn navegaban á Terra de Scot a esixi-las terras dos Meic Nally. A meirande batalla xamais vista estaba a piques de estoupar, xusto cando Angus Meic Nally descubrira o xeito de facer fronte as escuras artes da Dana.

>>Durante o tempo en que Angus e os seus homes conviviran comezaran a creación dun artiluxio que pensaban lles axudaría a esperta-los seus Irmáns. Tratábase dunha frauta especial, coma non había no mundo enteiro, que funcionaba soprando dentro dun fol, e dese fol partía o aire que facía soar á frauta. Compoñíase de moitas partes, e cada unha delas fora feita por membros das distintas tribos pertencentes ós Homes Libres: o punteiro fixénao os Meic Brigg, o roncón os Meic Ith, a palleta os Scots,... O fol preparárao o mesmo Angus, co bandullo dun touro branco que se lle apareceu unha noite nunha pradeira do que hoxe é Cork. O touro falara con Angus así: “Ti, Tribo-dun-só-Home, terás que facer o maior dos sacrificios se queres unir de novo ás Grandes Tribos dos Fillos de Milé; e eu únome a ti para ese sacrificio: toma o meu bandullo e remata a túa frauta, e coa miña carne da de comer ós fillos das árbores das que colleche-la madeira coa que tallache-las distintas partes dela, e co meu coiro manda tecer unha bandeira que será o teu símbolo, o teu símbolo na batalla, na batalla de Guineach Crom-Leach”. Deste xeito tomou aquela frauta especial feita por tódalas tribos e chamoulle Gaita, e con ela e os seus homes partiron cara as Terras dos Meic Nally.

Continuará...

12.7.06

O Relato (Sexta Parte)

>>A Dana xa sabía o que facer. Entón comezou a crea-las fórmulas para o feitizo máis ruín e poderoso xamais visto, mentres daba ordes ós seus sevintes. Os seus fieis Fomoriáns e os seus Dananns terían que, pouco a pouco e sen ser tidos en conta, enfrontar ás distintas faccións de descendentes de Milé que habían na illa. Non penses que isto foi unha tarefa de dias ou anos- negou co dedo o vello-, pois as distintas tribos de Erinn, ó vir dunha mesma caste, tiñan unha excelente relación de paz e harmonía. Pero, ó cabo dos séculos, a xenreira e as envexas comezaron a nacer nos corazóns dos descendentes daqueles que un día loitaran xuntos.

>>As distintas tribos comezaron a loitar entre elas por pequenos desacordos, ou por malentendidos ou simplemente por que sí. Os servintes da Dana fixeran un bo traballo. Para daquela o Señor dos Tuatha tiña rematado o seu terrible feitizo. Con el remataría cos advenedizos que lle roubaran a súa illa. E tanto que o faría...

>>Os anos pasaban e as batallas multiplicábanse por toda Erinn na loita de irmán contra irmán. Nas non tan lonxanas Terras de Scot naceu un neno, ó que chamaron Angus, pertencente á familia dos Meic Nally, que eran descendentes de Scot fillo de Milé. Foi un neno especial dende o primeiro: naceu un día en que a Lúa tapou ó Sol. A súa nenez foi estrana, pois describía perfectamente lugares de Erinn nos que nunca estivera, recoñecía coma súas armas e frautas que foran do seu bisavó, e alén. Lembraba feitos e os describía coma se tivera estado alí, aínda que ocorresen centos de anos atrás, e os cantaba cunha voz que podería se-la do mesmo Aimhirgin. Algúns crían que os deuses lles tenderan unha man, mentres que outros, os druidas entre eles, non sabían nin qué facer nin a qué aterse.

>>A tribo dos Meic Nally tiña unha relación de amizade coa dos Meic Brigg de Erinn. Tanto o comercio coma o casamento entre membros dos dous clans deran como resultado un mutuo respecto e consideración. Foron os Meic Brigg quen lles falaron das loitas que estaban xurdindo entre as distintas tribos, pois estas comezaban a ser demasiado continuas. Moitos ni sequera sabían por qué loitaban. Simplemente o resto eran inimigos, e a loita de Irmán contra Irmán continuou.

>>Cando Angus Meic Nally contaba con dezanove invernos soñou cun ser maligno que roubaba almas.

-¿A Dana?- preguntou en voz baixa o neno, coma quen pronuncia un nome prohibido.

-Non soubo quen ou qué era, pero obviamente tiña que ser a Dana. Angus era un rapaz especial, e polo que contaban tiña as virtudes dos descendentes de Breogán. Non era moi alto, disque, pero era ancho de ombreiros; tiña o pelo negro , longo e crecho, e uns ollos escuros que fitaban todo cunha curiosidade sen igual. Despois daquel sono, o rumbo da vida de Angus deu un xiro. Comezou a falar coa xente dun perigo soterrado que remataría cos descendentes dos fillos de Milé se non facían algo. Moitos da súa tribo tomábano por un tolo, pero uns poucos, os máis novos, vían algo nel que lles obrigaba a crelo. Co tempo, os Meic Nally acabaron vendo certos motivos de preocupación, xa que as loitas entre tribos multiplicábanse. As verbas de Angus comezaban a ter senso.

>>Pero as chamadas de alerta da tribo da Terra dos Scots chegaron tamén á atención da Dana. En Erinn librouse a batalla de Sannt Cath entre clans. Alí moitos morreron a mans dos seus propios familiares. Unha batalla, claro, na que a Dana tiña todo que ver, pois foran os seus servintes os que, co subterfuxio, remataran enfrontando nunha grande batalla a sete dos grandes clans de fillos de Milé. Tres deles quedarían exterminados por esta absurda batalla.

10.7.06

O Relato (Quinta Parte)

>>Os Tuatha supervivintes fuxiron, e así fixeron tamén os seus servintes. Algúns dixeron que viran grandes barcos rumbo ó oeste, outros que os Dananns foran exterminados. O caso é que a illa agora era por enteiro dos fillos de Milé. Pero as cousas puxéronse feas cando Eremon e Eber Finn comezaron a discutir por quen ía se-lo rei. Vendo perigo, Aimhirgin, que era moi respetado, falou. E falou do reparto da illa e así, a metade norte foi para Eremon, e a sur para Eber Finn. A así foi repartida Erinn, e así prosperou durante moitos anos cos descendentes de Breogán como únicos poboadores. Co tempo o resto dos fillos de Milé viaxaría para obter os seus propios reinos.

>>Entre eles destacou Scot, fillo de Golamh Milidh e de Scota. Éste, querendo un reino propio, viaxou á illa veciña de Erinn; era unha illa moito maior, que estaba ó este. Alí, xunto cun grupo de bravos e fieis guerreiros e as súas familias, colonizaron o norte. E esas terras chamaríanse Terras de Scot, ou Scotland. E os seus habitantes serían os Scots.

- ¿Scotland non é Escocia?- inquiríu o neno.

- Sí, tamén é coñecida por ese nome- respondeu o avó sorrindo- e tamén entran moi de fondo na miña historia.

>>Os Tuatha de Danann estaban derrotados, pero non vencidos. Moitos pensaran que marcharan da illa, pero non fora así. Os Dananns non eran propios de Erinn, senón que invadiran a illa hai moito, vencendo e dominando á raza que estaba antes: os Fomoraibh, tamén coñecidos co nome de Fomoriáns.

>>Os Fomoriáns vivían en cidades baixo a terra, e estaban en Erinn incluso antes do Diluvio ó que sobrevivira o mariñeiro Noé. Considerábanse servintes dos Tuatha de Danann, e algúns mesmo os reverenciaban coma se foran deuses.

>>Así, antes da derrota, os xefes Dananns que puideran fuxir foran levados ás cidades fomori, que estaban moi fondas e eran totalmente descoñecidas para os fillos de Milé.

>>Os Tuatha de Danann supervivintes non formaban un número demasiado alto; poderíase dicir que os exércitos de Eremon e Eber Finn exterminaran a oito de cada dez Dananns. Entre eles destacaban unha caste superior, á que chamaban Dopplegangers. Eran grandes bruxos guerreiros, totalmente cubertos de vendas.

-¿Coma se foran momias?- dixo o neno cos olos abertos coma pratos.

-Sí, algo polo estilo. Pero non eran momias, senón que baixo as vendas contiñan toda a súa maldade, de xeito que non se lle escapara nin un chisco de poder maléfico.

>>Esta elite tiña unha función clara: protexer e servir ás ordes do seu Deus da Morte, a Dana. E a Dana era un deus en vida, é dicir, que estaba entre eles co seu inmenso poder.

>>A derrota deixara á Dana esgotada, e tivera que durmir durante máis de dúas décadas para recupera-lo seu poder. Cando espertou, fíxoo protexida polos seus Dopplegangers baixo Erinn, na cidade de Randsamor. E comezou a planea-lo xeito de recupera-la que consideraba a súa illa.

>>Pero os anos pasaban, e con eles as décadas e con elas as xeracións dos descendentes de Milé. Durante máis de cen anos a Dana cáseque non falou con ninguén, nunha viaxe interior, tentando comprender. E cada plan que tentaba pór en práctica era destruído polos descendentes de Milé, xa foran netos ou bisnetos. E entón tivo unha iluminación. Ordeou ós seus soldados Fomoriáns e Dananns que secuestrasen a varios dos seus invasores. O que a Dana quería probar é que había algo innato que incitaba ós decendentes de Milé a meterse, ainda que non soubesen onde, nos planos do Señor dos Tuatha.

>>O resultado dos seus experimentos foi inquedante para el: as almas dos herdeiros de Milé reencarnábanse.

-¿Qué significa iso?- preguntou o neto.

-Significa que, ainda que ti non o lembres, a túa alma puido estar hai moito tempo no corpo doutro home ou muller, por exemplo un guerreiro, e que por iso agora sexas tan botado para adiante e loitador. E, ó parecer, as almas dos descendentes de Milé mortos voltaban ó mundo nos corpos dos nenos e nenas recén nados, e infundíanlle-la obriga de cumpli-lo chamamento de Lughaidh: morte ós Dananns. E así unha vez, e outra, e outra, ata que descendentes moi lonxanos dos que invadiran a illa seguían loitando, sen sabelo, contra os planos da Dana.

-Pero a min dixéronme que só temos unha alma e é inmortal.

-¿Quen cho nega?- dixo burlón o avó- Habendo tantas relixións coma culturas, ¿Por qué só unha ten que ter razón? Aténdeme ó conto e non filosofees.

Continuará...

4.7.06

O Relato (Cuarta Parte)

>>Foi entón cando Aimhirgin, fillo de Milé, ó ver como os supervivintes do barco naufragado traían ó seu irmán morto ó lombo, ergueuse e enfrontouse ó mar...

“Ailiu iath nErend, “Invoco á terra de Erinn,

Ermach muir mothuch, Ó navegado e fértil mar,

Mothach sliabh srethach, Fértiles os seus outeiros e ríos,

Srethach coill ciothoch, Fértiles os seus bosques húmidos,

Ciothach ab essach, Húmidos os seus ríos e fervenzas,

Eassach loch lionmar, De fervenzas o lago de ondas pozas,

Lindmar tor tiopra, De ondas pozas o muro do outeiro,

Tiopra tuath oenaig, Un pozo de tribos sexa a reunión,

Aenan righ Temra, Unha reunión de reises sexa Tara,

Teamair tor tuatha, Tara sexa a colina das tribos,

Tuatha meic Milidh!” As tribos dos fillos de Milé!”

...e despois deste canto, o mar calmou, e as brétemas que ocultaban a illa esvaecéronse. Aimhirgin sería famoso por isto, xa que salvou a todos os seus irmáns de teren afogado, e ademáis está considerado o primeiro bardo de Erinn.

-¿E onde está Erinn, avó?

-Agora chámanlle Irlanda, pero eu prefiro o seu vello nome celta. ¿Onde estaba eu? ¡Ah! Xa sei... Pois alá desembarcaron todos mollados e cansos con intención de vingarse pola morte de Ith. O primeiro de todo foi soterrar a Donn, fillo de Milé. O lugar foi un outeiro ó que chamaron Dumhacha, e ó seu redor puxeron tamén os restos dos homes mortos ós que lles puideran recupera-lo cadáver. Logo Eber Finn e Eremon, fillos os dous de Milé, dividiron ó exercito e marcharon ó encontro do inimigo.

>>Os Tuatha de Danann debían estar moi confiados, posto que mandaron un exército que, aínda que superior, non sería rival para os descendentes de Breogán. Os dous exércitos atopáronse no outerio de Sliabh Mis, e os fillos de Milé aplastaron ás hostes dos Dananns.

- ¿E morreron moitos?- preguntou con curiosidade o neno.

-Dos Dananns todos. Dos fillos de Milé, moi poucos. Pero entre eses poucos estaba Scota, a viúva de Golamh Milidh.

-¿E logo tamén loitaban as mulleres?

-Sí. Daquela non importaba se levabas pantalón ou saia. Só se valías. Xa fora para ferreiro, para labrego ou para gandeiro. Incluso para guerreiro. E Scota era unha muller moi destra coa espada, e de feito matou a catro xefes Danann antes de que a acribillaran a frechazos.

>>A pena por ela foi inmensa, e as bágoas moi amargas. Pero tiñan que seguir e exterminar até o último membro da tribo dos Dananns. Estes conseguiron xuntar un enorme exército de mortos vivintes, pois eran grandes necromantes, que foi na procura dos homes de Eber Finn e Eremon. E os atoparon en Tailltin.

>>A batalla foi incrible. Moitos dirían despois que aquel fora un día magnífico. Morreu moitísima xente. As espadas chocaban e as frechas voaban, e os berros de guerra soaban eiquí e alí. Moitos caeron nos campos de Tailltin, pero a victoria foi para os fillos de Milé.

2.7.06

O Relato (Terceira Parte)

-¿Xa había faros daquela?- preguntou con curiosidade o neno.

-Si, e este aínda está: é a Torre da Coruña.

-¿A Torre de Hércules? ¡Na escola dixéronnos que a construiran os romanos!

-Si, iso é o que dixeron os romanos cando a atoparon. Pero non foron eles. Mandouna construir Breogán, e chamouna Tor Breoghain.

>>E naquela noite clara, Ith pensaba en Milé, nas batallas que gañaran e da nova gloria de Breogantia e chorou polo seu sobriño, e as bágoas asulagaron ós seus ollos escuros e, vendo a través delas, veu ó lonxe, tanto que era case un puntiño, unha illa alén das mareas ó norte da súa cidade. Cabalgando rápidamente cara Breogantia, compartíu alí a súa visión cos seus parentes. Todos sabían que Ith era un home honrado e sincero: nunca unha mentira saíra dos seus beizos. Pero poucos crían na veracidade da súa visión. Incluso o seu irmán, Brigg, díxolle que aquello podían ser tan só nubes, que non había tal illa, e que era perigoso adentrarse moito nas Pradeiras de Lir, pois tal era o seu deus do mar e tal era o nome que lle daban ás augas do Atlantico Norte. Pero Ith non fixo caso, e confiou nos seus ollos. E xunto co seu fillo Lughaidh e algúns guerreiros fieis tomou un barco e puxo rumbo a aquela illa.

>>Tras uns poucos días no mar baixo os bos auspicios de Lir, chegaron á illa, desembarcando nela xunto cos seus homes. Pronto deron cos primeiros habitantes, que dixeron pertencer á raza dos Firbolg, servintes dos Tuatha de Danann. Pronto foron levados á corte, en Oileach, onde os líderes dos Tuatha de Danann deron a benvida a Ith e ós seus homes. Alí descubríu Ith que os Dananns tiñan diversas faccións que loitaban entre sí polo dominio da illa, cousa que lle sorprendeu. Sabendo como era Ith é lóxico- ríu o vello-. Ith era un home que non cría na guerra se non tiña como fin a paz e o benestar dos pobos; de tódolos pobos, non só do seu. Por iso tentou convencer ós Dananns de que loitar só traería pesar e loito sobor dos seus súbditos. A illa, que tiña por nome Inis Ealga, tiña fartura de mel, pesca e gran para todos, e os ventos non a castigaban. Alí podían vivir en paz todos os Dananns e os seus servintes.

>>Os Tuatha de Danann viron que así era, e chegaron a acordos de paz unindo a illa. Ith decidíu logo volver a Breogantia, pensando que rematara un traballo que algún deus lle inspirara con aquela visión da illa, ledo de deixa-las cousas en paz. Pero os Dananns non viron con bos ollos a súa marcha. Coñecendo éste a enchenta de recursos da illa ¿qué impedía que Ith volvese con máis homes e a invadira? Así, xusto cando zarpaban, as tropas dos Tuatha de Danann atacaron con arcos ó barco de Ith, matando a varios guerreiros e ferindo de morte ó mesmo Ith, que morreu nos brazos do seu fillo Lughaidh.

>>Sería Lughaidh o que pediría vinganza unha vez chegado a Breogantia. Por suposto, os fillos de Milé, cheos de furia, prepararon todo para que Ith non fose esquecido: cinco grandes barcos con corenta grandes xefes, entre eles Donn fillo de Milé, partiron cara a illa do norte.

-¡Mi madriña! – dixo o neno con entusiasmo- ¡Foron á guerra!

-Pouco a pouco íanse achegando á illa, pero os Tuatha de Danann eran grandes bruxos e ocultarona cun encantamento. Os fillos de Milé e os seus homes estiveron á deriva durante tres días, tempo que aproveitaron os Dananns para conxurar un feitizo moi poderoso.

>>Unhas nubes negras coma corvos cobríron os ceos e estoupou a meirande tormenta xamais vista. Os barcos ían dun lado ó outro porriba das enormes olas, que xogaban con eles coma se foxen de xoguete. Raios batían cos mastros e incluso nalgúns guerreiros, bravos eles, que caían carbonizados ó mar. Unha ola da altura dun titán bateu de lado contra o barco que capitaneaba Donn, fillo de Milé, dándolle a volta e afogando a moitos dos guerreiros. Incluso o valente Donn afogou.

Continuará...

29.6.06

O Relato (Segunda Parte)

>>Breogán tiña varios fillos, entre os que destacaron Ith e Bile. Bile tivo un fillo, ó que lle puxo o nome de Golamh. Éste era un mozo salvaxe, atrevido, xeneroso e moi honrado, cun corazón douro no que non cabía o mal. Chegada a súa madurez, Golamh marchou a coñece-lo mundo. Cruzou Europa ata chegar a Scithia, unha terra que se atopa enriba do Mar Negro, e alí casou coa filla do rei Reffloir dos Scitas. Pero non lle foron ben as cousas por aló, non.- o vello ríu, como lembrando.

-¿Qué lle ocorreu?- dixo o rapaz con desgana, coa queixada apoiada nas mans, os cóbados nos xeonllos, e as pernas cruzadas ó estilo “indio”.

-Pois... en fin; os conselleiros de Reffloir comezaron a quentarlle a cachola ó rei con andrómenas. Segundo eles, Golamh quería facerse co trono pola forza. Algo falso, claro, pero o rei acabou retando ó neto de Breogán a unha pelexa. O mozo, por suposto, negouse. Tentou explicarlle a Reffloir que non pretendía tales cousas, pero o rei non se deixou convencer. Ó final houbo loita. E Golamh, un experto coa espada, matou a Reffloir, que era o que os seus consellerios desexaban.

-¿Eran malos? –preguntou o neno.

-Si. E Golamh tivo que fuxir cos fillos que tivera coa filla de Reffloir. Ésta, de nome Seng, quedou en Scithia.

>>Golamh e os seus fillos viaxaron ó sur, a Exipto, onde o faraón Nectonebus o acolleu coma a un invitado de honra. Incluso casou a Golamh cunha das súas fillas, a princesa Scota.

>>En Exipto pasou oito anos, e tivo máis fillos, que foron fortes e, ó medrar, serían grandes guerreiros. Pero chegou un momento en que xa tiña ganas de voltar a casa.

-Tiña morriña- dixo o neno asegurando.

-Poderiamos dicir que si- ríu o avó- O caso é que volveu ás terras do norte, á súa amada Breogantia.

-E lle fixeron un enorme recibimento, coma ós reis de antes, ¿non? Xa teño visto cousas aí en pelis na tele.

-Non. A verdade é que Breogantia estaba deserta. Alí veu Golamh o sepulcro do seu avó, Breogán, morto había tempo. Estaba descoidado e non había flores en lembranza á súa memoria. E a cidade estaba totalmente baleira. Só as gaivotas a poboaban.

>>Golamh enviou exploradores que atoparon, dispersos, ós poboadores de Breogantia. Por eles soubo que, ó morrer Breogán, non houbo un sucesor forte que se impuxera ós enemigos do reino. Co medo, ó final tódolos habitantes fuxiran.

>>A furia e a carraxe apoderáronse de Golamh, que tomou o Torque do seu avó e impúxose a tarefa de erguer de novo o seu reino.

-¿E conseguíuno? – dixo o neno cun deixe de interese.

-De certo. A noticia de que o neto de Breogán estaba no trono de carballo do seu avó espallouse coma o lume na herba seca, e todos querían ver cos seus propios ollos ó novo rei, do que se contaban incribles historias das súas viaxes polo mundo enteiro. Pero os seus rivais tamén souberon da súa chegada, e aliáronse contra el.

>>Golamh loitou xunto coa súa xente contra os Bachra, os Toisona e os Lonbagdáir como fixera Breogán tempo atrás e, como este, venceunos. Golamh loitaba cunha bravura sen igual, e os seus inimigos chamábano Golamh Milidh.

- ¿Qué quere dicir Milidh, avó?

-O Exterminador. Era Golamh o Exterminador. Co tempo só os máis achegados, como os seus fillos ou a súa amadísima Scota, chamábano Golamh: para o resto era Milidh, ou Milé.

>>Milé reinou con sabedoría durante moitos anos, ata que unha enfermidade puido con el. Era un grande home, sen dúbida. O reino de Breogantia foi governado polos seus fillos e por Ith, o irmán do pai de Golamh.

>>Unha noite clara, Ith estaba na alta torre que Breogán mandara construir para guia-los barcos na escuridade...


Continuará...

28.6.06

O Relato dos Fillos de Golamh Milidh

>>Isto que che vou contar non penses que ocorreu onte, nin antonte. Ocorreu incluso antes de que as xentes do Norte escribisen as súas Historias. Eran aqueles tempos en que non había nin radio nin televisión, e os Contos eran contados por Contacontos, ou bardos, xa que é este térmo o que moitos deles prefiren.

- ¿Nin tele nin radio? Debía ser moi aburrido.

- Non. A xente simplemente tiña outras cousas para se divertiren. Había moitos xogos, agora esquecidos entre as engranaxes desas endiañadas consolas nas que xogas. Estaba a Buxaina, a Queda, o Escondite. Os nenos xogaban ás pelexas e as nenas a salta-la corda. E todos eles xogaban á Estornela.

- A Estornela... Lembro que me falaron dese xogo na escola.

-¿Na escola? É incrible. O esquecemento rematará con este Mundo. Se os xogos os teñen que explicar na escola, ¿qué será o próximo? A vosa xeración está perdida...

O rapaz non entendía os desvaríos do seu avó, e permanecía fronte a el con cara de “non”. Xa era bastante suplicio que o seu pai lle prohibira xogar na consola, para que aínda porriba lle tivera que poñer boa cara ó tolo do avó. Quedou fitando a madeira queimándose na lareira, e pensando en como pasaría á seguinte fase do xogo ¿tería que matar ó Dragón Vermello, ou sería mellor primeiro recupera-la espada roubada e acumular algo máis de experiencia?

- Eran outros tempos... estes dos que che vou falar. Hai máis de tres mil anos entre estos feitos e nós. Todo empeza nunha cidade que estaba ó norte, bañada polas augas do golfo Ártabro, de nome Breogantia. Alí reinaba o bravo Breogán, un guerreiro temible, cun reino enorme respetado polos seus rivais. Os seus súbditos vivían en paz e Breogantia prosperaba.

Continuará...

6.6.06

Píchel Warriors!!!


Xa temos o tema.

O clube de Rol en Compostela xa é unha realidade gracias á boa vontade e ás ganas de traballar de todos.

E isto é para medrar, enchelo de xente que queira desfrutar de afeccións relacionadas coa imaxinación e con narrar contos, dirixir batallas e sentirse diferente durante uns intres. Ser quen de salva-lo Reino, consegui-lo tesouro, montar en dragóns e ser, de novo, Heroes.

Morte ás consolas! Longa Vida ós Contacontos!