8.4.07

A Maldición do Río de Amerelle (continuación)

O Grande Druída convidóunos a un pequeno almorzo, composto por froitos, herbas e follas moi saborosas. O lugar era incrible: estabamos sentados na herba, a carón dunha laxe que nos facía de mesa, arrodeados por centos de árbores de máis clases das que coñezo. Un grande carballo se atopaba no centro do claro, e del xordía un chorro de auga que caía ao chan converténdose nun regato que continuaba en dirección ao interior da fraga.



O Grande Druída, despois de despedir a Mórinn, contóunos o problema: ao norte había un castro poboado por nerios. Non estaban xuramentados polo Breogán, pois eran moi independentes. Aínda así eran fieis seguidores do deus Cernunnos e de Lugh, e o Druída tiña fonda amizade con Xulggan, o rei de ese castro. Aínda así, había moito que non sabían deles, e os druídas da fraga estaban preocupados. Mandaron aló mensaxeiros, incluso a fións do Breogán, pero nunca voltaron. Foi así como decidiron, ao cabo, chamar a un grupo de herois. O Druída entregóunos unha Landra Branca, que debiamos entregar a Xulggan para espantar todo mal que puidera ter aparecido no seu castro de Amerelle.

Despois de coller provisións e enche-las nosas cantimploras da auga estrana que xordía do carballo, partimos en dirección norte.

De novo, de xeito máxico, chegamos ao noso destino cunha rapidez abraiante, coma levados polos deuses. A linde dos territorios de Amerelle era un río. Debiamos atravesalo para poder chegar a xunto de Xulggan.
No camiño atopamos unha estrana parella. Dous homes con capas, un cargando con outro, que parecía ferido. Achegámonos a eles e lles desexamos saúde. Os homes, que portaban o símolo da Chama Eterna que os diferenciaba coma Fións do Breogán, miraron para nós e choraron. "Non hai saúde para nós, viaxeiros... mortos somos". O que falaba tiña aspecto de non ter comido en días, pero o outro estaba peor: a súa pel estaba comesta pola peste, coma envelenado por algo. Sen saber moi ben o que facía, dinlle un grolo da miña bota. O resultado foi abraiante: o fión comezou a mellorar ante os nosos ollos, curado do que eles chamaban "A Maldición".



Polo que nos contaron mentres nos ocupabamos deles, ao norte vivía un Mal que non podía ser vencido, e que facía murchar árbores, animais e guéghel. E nin sequera chegaran ao castro na súa viaxe. Alomenos, pensamos, voltarían vivos onda o Breogán para informar.
Decididos a descobre-lo misterio, continuamos o noso camiñar até que chegamos ao río... e o que vimos non era deste mundo.