9.4.07

A Maldición do Río de Amerelle (final)

O río estaba cuberto dunha espuma noxenta e fedorenta que non deixaba medrar ren nas beiras. O río xa non tiña caudal, podendo ser saltado incluso por alguén coma min, pero aínda así non baixamo-la garda.
O ferreiro lemavo saltóuno... o piornal cruzóuno dun só paso. Era o meu turno. O heleno sostíñame para que non caera, e o lemavo esturaba as mans para me axudar. Foi entón cando unha enorme nube vermella xordeu da nada ante os meus ollos, ás costas dos que xa cruzaran. "MOOONSTROOOOO!!!!" berrei, e me deixai caer de costas. O lemavo e o piornal xiraron sacando as armas e encarando a un ser parecido a unha serpe, dun tamaño xigantesco... "ídevos antes de que morrades, necios! A vosa vida non vale nada nestas terras, e a vosa axuda é inútil". Logo de dicir isto, esvaecéuse.

Aínda alerta e cos ollos en cada punto do camiño, cruzamos o río. Pouco despois, e tras de andar pouco máis de dúas carreiriñas de can, chegamos á entrada dun castro en ruínas. Nunha pedra vimos un pequeno homiño, un ser das fragas amigo e parente das fadas e da Boa Xente. Parecía un tanto enfermo e, despois de darlle un grolo de auga máxica, preguntámoslle onde podiamos atopar ao Rei Xulgann. "O rei Xulgann está no castro, pero hai moito que non sae".

Atopámo-lo Rei mentres subiamos en dirección á croa. Só 5 nerios poboaban Amerelle. Era terrible. A Fraga Cerimonial, onde reposaban as ánimas dos que xa non estaban, estaba apodrecida, envelenada. "O río trouxo algo malo, e a xente morreu" dixo, "incluso os nosos inimigos veciños, os do Clan do Xabarín, deixaron de vir porque xa non tiñamos nada para que roubaran... non souben cumplir nin coma xefe nin coma Rei". "Mellor tería estado, noble Xulgann" dixémoslle, "que tiveras estado do lado do Breogán... todo isto non tiña por que acontecer".

Falando con el e cos supervivintes chegamos á conclusión de que o río era o culpable. E non era o típico verquido de purín... o que o envelenaba era algo aínda peor. Os catro puxemos rumbo aos montes onde nacía o río, nun sitio ao que chamaban A Mina. O camiño e a entrada eran moi accidentados, e levei un par de boas rascadas por mor das caídas que me lembrarán tamaña aventura.



Unha vez dentro comezamos a introducirnos fondo n'A Mina. Era unha gruta escura e perigosa. O río era agora un simple regatiño, un fío de auga, e así chegamos ao lugar onde este nacía. A cova ensanchóuse... era un lugar circular, cun pilar no centro de onde pingaba a auga que saía pola cova... ao redor do pilar, enroscado, unha enorme serpe deixaba cae-la súa babuxa no río nacente. Espuma dun fedor incrible que contaminaba a auga e mataba todo o vivo.



Non lle dimos tempo nin a fachendear... o lemavo cargou de fronte coa súa espada e o seu escudo... o piornal ergueu o seu martelo e o heleno cubréuse tra-lo seu escudo redondo e puxo a pica apuntando cara a enorme Bicha. Eu, polo meu lado, comecei a Convocar o lume de Lugh, tentando abrasar ao terrible ser.
Por sorte, o noso ataque combinado a colleu por sorpresa, sobre todo o enorme martelo piornal!

Queimamos todo e purificamo-la auga. Entre oque quedou tan só atopamos restos de capas de pel de xabarín (cecáis da xente do Clan do Xabarín?) e unha gadoupa de metal pequena, a modo de colgante. Seica pertencía ao mordomo principal do Rei Xulgann, un tipo raro que tiña coñecementos arcanos... pode ser que fora el o que invocara a tal terrible monstro?
No amuleto da gadoupa líase en escritura rúnica "Permítaselle a Entrada ao meu Portador ao Interior do Torreón do Baol'Engo". Un arrepío cruzou a miña espalda. O Baol'Engo! Que inconscientes poderían facer tratos cos poboadores desa Torre? Que tolos serían capaces de entrar nos escuros e antigos recunchos dese pesadelo? Quen estaría disposto a chamar nas temibles portas de sangue adornadas coas almas dos que tentaron enganar os do Torreón?



Nós, por suposto. E ese sería o noso seguinte paso.

3 comentarios:

Amra, o leon dijo...

Jojojo... Xa veredes, Strazza, tivo moito poder outrora, e tamén moitos aliados...agora, pasou moito tempo e moitos deses aliados morreron...máis...¿sería quen, o malfadado bruxo, de atopar novos amigos?

Cha-channn, verémolo o próximo prograrma, á mesma bat-hora, no mesmo bat-canal...

Un saúdo e noraboa polo relato da partida...faille honor a tan invencibles heróes!!! XD

Amra, o leon dijo...

Por certo, gustaríame tamén invitarvos a todos a le-lo libro de Pepe Carballude " O Talismán dos druídas" (sobre todo ós máis novos e amantes da fantasía e literatura en galego en xeral), no que me inspirei para facer esta partida...
Con bases rexas coma estas, é como se constrúen casas fortes e lanzáis.
Un saúdo.

bishop dijo...

Srang, o piornal, bendecido por Lug, faralle fronte a todalas forzas escuras que se lle poñan diante, culebras xigantes incluidas. Co meu poderoso martelo non hai quen me faga fronte, rooaaaaargh!!!!