29.6.06

O Relato (Segunda Parte)

>>Breogán tiña varios fillos, entre os que destacaron Ith e Bile. Bile tivo un fillo, ó que lle puxo o nome de Golamh. Éste era un mozo salvaxe, atrevido, xeneroso e moi honrado, cun corazón douro no que non cabía o mal. Chegada a súa madurez, Golamh marchou a coñece-lo mundo. Cruzou Europa ata chegar a Scithia, unha terra que se atopa enriba do Mar Negro, e alí casou coa filla do rei Reffloir dos Scitas. Pero non lle foron ben as cousas por aló, non.- o vello ríu, como lembrando.

-¿Qué lle ocorreu?- dixo o rapaz con desgana, coa queixada apoiada nas mans, os cóbados nos xeonllos, e as pernas cruzadas ó estilo “indio”.

-Pois... en fin; os conselleiros de Reffloir comezaron a quentarlle a cachola ó rei con andrómenas. Segundo eles, Golamh quería facerse co trono pola forza. Algo falso, claro, pero o rei acabou retando ó neto de Breogán a unha pelexa. O mozo, por suposto, negouse. Tentou explicarlle a Reffloir que non pretendía tales cousas, pero o rei non se deixou convencer. Ó final houbo loita. E Golamh, un experto coa espada, matou a Reffloir, que era o que os seus consellerios desexaban.

-¿Eran malos? –preguntou o neno.

-Si. E Golamh tivo que fuxir cos fillos que tivera coa filla de Reffloir. Ésta, de nome Seng, quedou en Scithia.

>>Golamh e os seus fillos viaxaron ó sur, a Exipto, onde o faraón Nectonebus o acolleu coma a un invitado de honra. Incluso casou a Golamh cunha das súas fillas, a princesa Scota.

>>En Exipto pasou oito anos, e tivo máis fillos, que foron fortes e, ó medrar, serían grandes guerreiros. Pero chegou un momento en que xa tiña ganas de voltar a casa.

-Tiña morriña- dixo o neno asegurando.

-Poderiamos dicir que si- ríu o avó- O caso é que volveu ás terras do norte, á súa amada Breogantia.

-E lle fixeron un enorme recibimento, coma ós reis de antes, ¿non? Xa teño visto cousas aí en pelis na tele.

-Non. A verdade é que Breogantia estaba deserta. Alí veu Golamh o sepulcro do seu avó, Breogán, morto había tempo. Estaba descoidado e non había flores en lembranza á súa memoria. E a cidade estaba totalmente baleira. Só as gaivotas a poboaban.

>>Golamh enviou exploradores que atoparon, dispersos, ós poboadores de Breogantia. Por eles soubo que, ó morrer Breogán, non houbo un sucesor forte que se impuxera ós enemigos do reino. Co medo, ó final tódolos habitantes fuxiran.

>>A furia e a carraxe apoderáronse de Golamh, que tomou o Torque do seu avó e impúxose a tarefa de erguer de novo o seu reino.

-¿E conseguíuno? – dixo o neno cun deixe de interese.

-De certo. A noticia de que o neto de Breogán estaba no trono de carballo do seu avó espallouse coma o lume na herba seca, e todos querían ver cos seus propios ollos ó novo rei, do que se contaban incribles historias das súas viaxes polo mundo enteiro. Pero os seus rivais tamén souberon da súa chegada, e aliáronse contra el.

>>Golamh loitou xunto coa súa xente contra os Bachra, os Toisona e os Lonbagdáir como fixera Breogán tempo atrás e, como este, venceunos. Golamh loitaba cunha bravura sen igual, e os seus inimigos chamábano Golamh Milidh.

- ¿Qué quere dicir Milidh, avó?

-O Exterminador. Era Golamh o Exterminador. Co tempo só os máis achegados, como os seus fillos ou a súa amadísima Scota, chamábano Golamh: para o resto era Milidh, ou Milé.

>>Milé reinou con sabedoría durante moitos anos, ata que unha enfermidade puido con el. Era un grande home, sen dúbida. O reino de Breogantia foi governado polos seus fillos e por Ith, o irmán do pai de Golamh.

>>Unha noite clara, Ith estaba na alta torre que Breogán mandara construir para guia-los barcos na escuridade...


Continuará...