28.12.06

A Caída de Arnal o Raposo

Non se sabe como pero Arnal, un ser do Sidh Inframundo, foi quen de unir a nada menos que 5 Clans de Lonbagdáir, a maior ameaza do leste da Gael-leach. Os lonbagdáir son en aspecto parecidos a nós, os guéghel... pero teñen a certeza de que son o animal que teñan por tótem: lobos, osos, águias, tabeiróns...

Arnal os reuníu a todos baixo o seu estandarte, e cargou atravesando os Montes Arrebolados, a fronteira leste, defendida polos xigantes Piornais e polos servintes do rei de Lug, a cidade murada. Pero nin a unión dos Lugóns, dos Limicos e dos Lemavos servíu de nada, e na chaira da Batalla foron derrotados. O exército de Arnal, con máis de 1000 lonbagdáir, encamiñouse a Lug.

Catro supervivintes a esta batalla (un ferreiro lemavo, un oisín limico, un piornal e un fomorián Ceivo) foron quen de chegar ao castro dos Fentos, un lugar tocado polo deus Lugh. Despois de recuperarse das feridas, foi o mesmo deus Lugh, en forma de ancián, que os encamiñou á victoria: alí onde un exército non pode, tan só catro loitadores poden marca-la diferencia. Catro contra mil. Coas bendicións do Pai de Todos, os compañeiros acudiron á chamada do seu Destino.
Alimentados por landras, castañas e mel recibidas de man do propio Lugh, foron quen de interceptar ao exército inimigo, só para descubriren que o propio Arnal o Raposo non era se non un fomorián servinte do Deus Oscuro: a Dana.

Atacando o seu campamento de noite, a tan só un día de camiño da Cidade Murada Lug, os compañeiros foron quen de aproveita-la sorpresa e, nun golpe mestre no que o ferreiro lemavo e o oisín limico incendiaron parte do campamento, e o fomorián ceivo cos seus triskeis arroxadizos e o piornal co seu Grande Martelo de Guerra atacaron a tenda desprotexida do propio Arnal, acabaron co Caudillo.

Sen líder que os unira, os lonbag dispersáronse, sempre de volta aos seus territorios alén dos Montes Arrebolados.

No Castro dos Fentos, os catro compañeiros foron recibidos coma o que están Destinados a ser: Heroes.

8 comentarios:

paideleo dijo...

Vivin coma nunha pelicula a historia dos heroes de Gael-leach.

Amra, o leon dijo...

Ja... vanse cagar eses lombagdair!! Nunca deberon meterse con Dun o fomoriano!!!

O Breogán dijo...

je,je...

A idea é esa, Acedre: que as aventuras se sintan como películas ou mellor, como Contos. Sobor de todo polos xogadores, que son os protagonistas.

Seoman dijo...

Que conto mais interesante. Leino ata o final, un saudo

O Breogán dijo...

O normal coas partidas de rol é que sexan como pequenas películas ou contos. Claro está, o final é difícil de prever, pois os xogadores que interpretan aos Protagonistas teñen sempre a derradeira palabra en canto aos seus actos e decisións, mentres que o Contacontos ten que ir adaptando toda a trama en base a esas decisións. Por sorte, o grupo de catro que xogou (Amra o León, Buliwyf, Bishop e Darkdino) é dunha epicidade sen límites!

jan dijo...

E eu currando!!!! En fin..agardo poder ser a compañeira dos catro heroes no vindeiro conto!!!

FraVernero dijo...

Xa vexo, xa...
Lémbroche que aínda non xoguei algunha desas partidas preparatorias das 'Crónicas'... A ver a coa volta do Nadal damos feito algo...

Un saúdo e unha felicitación do Yule!

David dijo...

Simplemente impresionante! :D Algo me di que o piornal vai xogar un papel importante na historia, hehehe...
Saúdos!!