20.4.08

Chairde


Porque son o máis importante cando son verdadeiros, aos amigos hai que mantelos e querelos. Temos entre eles novas adquisicións (chegados o 17 de Abril) e outros que veñen a compartir inquedanzas e afeccións de cando en vez ou que veñen de acelerar partículas noutros países. Pero todos son benvidos.

31.3.08

Moitas ideas, pouco tempo

Durante as últimas semanas Amra máis eu estivemos bastante liados, pero puidemos quedar un par de días para traballar a reo no que será o primeiro suplemento d'As Crónicas de Gáidil.
Tentamos que este suplemento contente a todos, así que terá moito trasfondo e descrición do Mundo, así como un bo lote de novas reglas.
Percorremos a Gael-leach para describir novos castros e lugares de aventura, amais de engadir novos seres ao mundo así como ampliar a descrición doutros, coma os Tourishomes e os Piornais, ampliando e concretando tamén as listas de "A ese venlle de familia...".
En canto á Maxia, faremos unha mellora baseada nun novo aspecto máxico e espiritual do mundo: o Arrecendo. Haberá unhas 6 Habelencias novas, entre as que se contan Comunión, Vieiros ou Sintonizar.
Tamén engadiremos os Camiños, vías de especialización que os Protagonistas poden seguir para mellorar nas súas profesións.
De novo contaremos con Víctor Rivas para as ilustracións, e será el que realice o debuxo (xa lle dimos a idea e estaba encantado) para a, agardemos, espectacular ilustración das pantallas (a 4 lados).

De tódolos xeitos estanos a levar algo de tempo ter todo listo, e non podemos dar datas fixas. Pero, se nos permitides esta licenza, o bo faise agardar.

14.3.08

Que "ilu"!!!!

Só por isto valeu a pena erguerse.

5.3.08

Sólidos Platónicos

"O Lume está formado por tetraedros; o Aire, de octaedros; a Auga, de icosaedros; a Terra, de cubos. E como aínda é posible unha quinta forma, Deus usou ésta, o dodecaedro pentagonal, para que sirva de límite do Mundo".

Timeo de Locri

Levo tres días facendo xornadas laborais moi amplas e, a verdade, estiven bastante perdido a nivel información. E hoxe Jan de Delft, nun dos currunchos que aproveitamos para falar por teléfono entre horas, comentoume da morte de Gary Gygax.
"Quen?", diredes algúns. Pois Gary Gygax, e punto.

Foi un mazazo, como se me dixeran que morreu un antigo compañeiro do colexio ao que hai anos que non ves, pero que ás veces te atopas pensando nel. Levo 2/3 da miña vida xogando a xogos de Rol e de Estratexia, e Gary Gygax é unha pedra angular importantísima neste eido.
É considerado, xunto con Dave Arneson, o pai dos xogos de Rol.
Seica quería ser lembrado como alguén que o pasaba ben xogando e compartindo coñecemento e pasatempos con todo o mundo. Seica tiña a campaña de rol de máis longa duración da historia todavía en activo. A min tíñame cara de bonachón, e de Papá Noël algo enfermiño.
Un dos meus soños era telo diante para poder agradecerlle moitas cousas. Outro era poder compartir mesa de xogo con el. Neste mundo xa non poderá ser. Que me garde un sitio se monta partida do outro lado.
Ernest Gary Gygax, creador de xogos de rol, contacontos e xogador, Deus de varios mundos a tempo parcial (27 de xullo de 1938 - 4 de Marzo de 2008)

Non direi iso de "descanse en paz". Mellor "Que siga disfrutando dos xogos incluso do outro lado".

26.2.08

Política

Vendo onte o debate entre os, potencialmente, candidatos máis probables para gobernar España os vindeiros catro anos volve ese movemento estrano ao meu interior, iso que sinto cando escoito aos políticos: revolto de tripas.

En Gáidil tamén hai reis corruptos, táins ladróns, xefes de caste que o que buscan é o poder e a gloria aínda que sexa falsa.

Pero tamén contamos as grandes historias onde os sucesivos Breogáns, os reis de reises, dan a vida polo seu pobo. Onde hai certos grandes señores, ou táins de pequenos castros que, polo seu valor e entrega total por uns ideais superiores, sempre a prol dunhas xentes que os buscan nos momentos de pesadume e medo, fan a entrega definitiva na procura do ben maior.

Gústame pensar que hai eses fachos que brillan incluso na maior escuridade, que guían aos pobos e que os alumiñan co seu temple. Xente que fai as cousas ben porque así deben ser feitas, alén do que poidan pensar os demais.

Supoño que por iso me gusta xogar aos xogos de rol: porque nestes mundos sacados do maxín si pode haber políticos e gobernantes coma deberían ser.

Gústanme os Nine Inch Nails e sobre todo o seu Year Zero. Hai moitas concións neste disco que me serviron de inspiración para campañas de rol e partidas puntuais.
Neste caso póñovos esta canción, Zero-Sum, que me gusta moito e resume cómo me sinto cando escoito falar aos políticos en xeral...




Zero Sum Lyrics

Claro está, xusto despois penso e como arranxalo e penso en morde-la man que me dá de comer...



Hand That Feeds (Dfa Remix) Lyrics
Un saúdo a todos e moitas felicidades a algúns!

14.2.08

Pantallazos

E non de windows neste caso.

Onte Amra e máis eu estivemos traballando man a man para esas pantallas que estamos a deseñar. Dado que Amra se mudou hai pouco á súa Artabria natal i eu quedei no meu Libredón de sempre quedar para traballar como antes é máis complicado, pero non imposible. Traballo común en días puntuais e revisión e desenvolvemento das partes que nos tocan a nivel individual para logo pasar a postas en común.

Xa contactamos de novo co xa celebérrimo Víctor Rivas e xa está poñendo en marcha motores. Tendo en conta que ao final as Pantallas de Gáidil serán un libro que calculamos entre 60 e 80 páxinas, agardamos que vaian un bo lote de novos debuxos de Víctor. Sobre todo estamos ilusionados co debuxo que irá nas pantallas (cubrindo unha superficie total equivalente a 4 folios DIN-A 4). Amra máis eu tivemos xa varias ideas, e Víctor amosouse encantado de plasmalas coa súa Arte.

Neste primeiro suplemento engadiremos, como xa viñemos contando, reglas novas tanto de Maxia coma de Combate, con novas Habelencias, Armas e profesións. Engadiremos moitos castros e varias castes novas (recollendo as queixas dos que se sentiron excluídos no manual básico), facendo especial fincapé en razas non guéghel, en especial os Tourishomes, que contarán cunha descrición máis completa incluíndo castes, tribos e cultura.
E sobre todo ambientación e trasfondo, moitas novas partidas e ideas para aventuras e, por suposto, as pantallas de 4 lados máis chulas do mercado (Lugh mediante).

PS: Temos que concretalo, pero en breve faremos unha pequena posta en común do que é Gáidil no local Henriqueta Outeiro, en Compostela. Osinhos, estamos á túa disposición para cando digas!


Unha aperta dende Libredón!

PS2: Non me lembrei de linkar una reflexión de Antón Reixa no El País do venres da semana pasada, no que somos citados como creación emerxente en Lingua Galega. Mil gracias!

28.1.08

Traballando para o inglés...

Levabamos tempo sen actualizar, e neste tempo pasou moito.

O mundo quedou esnaquizado e finiquitado despois dunha apocalipse pequena, da que ao final conseguimos sobrevivir tanto Jan coma min! Unha festa moi entretida, cunha cea amenizada polo sen par Marcus, e unha excelente conversa con dous auténticos frikis: Duende e o Besbello (é dicir, o mozo da Besbella), falando de literatura de Ciencia-Ficción, Galáctica, Serenity, Asimov, Surface, Invasión...

Logo disto saímos n'A Nosa Terra, no número do 17 de xaneiro, cunha excelente reseña que fala sobre todo do xogo, fuxindo por fin da nota xa anecdótica de se-lo primeiro nesta Lingua Alta e de Reis que é o Galego (mola que me chaman Paulo, coma os nenos do cole Rianxo).

Logo aínda levamos maior sorpresa cando, no supercoñero A Retranca do mes de xaneiro atopámonos que o "Cuspidiño" deste mes é tal cual:

Hai que se fixar na pequena homenaxe que nos rinde Vítaro neste debuxo:


Polo demais dicir que as pantallas están en marcha. E concretar que ao final non serán pantallas realmente, se non case un Manual do Contacontos coas Pantallas incluidas, se todo vai ben.
Agardamos poder telas para maio, pero xa pasamos de augurar, que non é o noso.

Veña, un saúdo moi grande!

4.1.08

Non estamos gordos, ollo.

Nin Amra nin eu.

Mañán (sábado 5 de Xaneiro) na Revista da Fin de Semana da TVG sairemos Amra o León máis eu falando d'As Crónicas de Gáidil. O programa emítese de 12:30 a 13:45, así que eu farei por verme. Pero repito: non estamos gordos, é a tele a que engorda.

A entrevista foi en Metrópolis Cómics de Ferrol, e puidemos contar con Tati, Belén, Cristóbal e Jorge como "figurantes" para unha mini-sesión de xogo (facer fichas de Protagonista, máis ben).
Foi unha entrevista curta, clara e concisa. E, a verdade, moi amena.

Agardabamos máis ansia por parte dos entrevistadores (non a houbo, gracias a Lugh) por coñecer esa falsa vertente do rol que é máis coñecida e que xente ignorante e rastreira como Isabel San Sebastián fai que sigades crendo. Esa violencia que fai que moita xente pense que os xogadores de rol sexamos asasinos en potencia, ou que por xogar a rol sexamos individuos que tenden a illarse (ten coña nunha afección na que precisas de máis xente para poder xogar, é como dicir que os que xogan ao fútbol tenden á soedade). En fin.

É o malo de moita xente, que queren xulgar sen ter coñecementos. É como crerse doutor: dóeme a barriga... serán gases; dóeme a cabeza... serán migrañas; o fillo do veciño matou á familia a katanazos... será que xogaba a rol.

Un saúdo dende Libredón.

PS: Mil parabéns neste día ao Mosqueteiro!

PS2 (Actualizado a 8/01/08): Neste link, a partires do minuto 50 nos tedes (dura pouquiño, pero toda propaganda positiva é boa).

PS3 (Actualizado ao 9/01/08): O vídeo, mercede a Marcus.es.


31.12.07

5 Principais "ques".

1- Que todo vaia ben.
2- Que non falte o traballo, e que nos guste no que traballemos.
3- Que os proxectos vitais que emprendamos tiren para adiante a pesar dos obstáculos e de quen nos obstaculice.
4- Que quen teña que lembrar lembre, e quen teña que esquecer que esqueza; que lembremos a quen teñamos que lembrar e que esquezamos a quen teñamos que esquecer.
5- Que non teñamos que poñernos a pensar, parafraseando ao Guerreiro Número 13, en oracións coma esta: "Por todo o que debimos pensar e non pensamos; por todo o que debimos dicir e non dixemos; por todo o que debimos facer e non fixemos...".

Que o 2008 vos traia moita felicidade.

17.12.07

O mellor de cada casa...

... entre os que se contan Amra o León, o Breogán de Gáidil e, como os mellores artistas convidados do mundo, a J.R.R. Tolkien e a R.E. Howard deséxanlles a todos e todas...


FELIZ SOLSTICIO DE INVERNO!!!

PD para puristas: igual pode resultar un tanto chocante que amantes coma nós das obras desdes dous Deuses da Literatura Universal fagan isto... pois se pode tomar como escarnio. Nada máis lonxe da realidade. A razón disto é simple: se non podemos escribir coma eles, alomenos bailar xunto a eles. Vai por Vós, Mestres!!!



12.12.07

Inspiracións inversas

Despois de facer as partidas de presentación de Gáidil en Metrópolis Comics de Ferrol o mes pasado tivemos a ocurrencia de ir tomar algo por aí para falar do evento.


Estiven bastante rato falando co Gran-Polo-Métal, e puiden coñecer os seus pareceres con respecto a moitos aspectos do xogo (sobre todo Maxia e Combate). Un deses aspectos que lle fixeron moita gracia foi a inexistencia dunha reserva de "puntos de maxia" ou "puntos de poder" coma en outros grandísimos xogos coma o Runequest ou o Rolemaster. En Gáidil tes dúas tiradas simultáneas para saber se o teu feitizo ten éxito: unha de Elaboración (na que se sabe se o efecto desexado resulta ou non) e outra de Folgos (na que, basicamente, saberemos se cansamos por lanzar o feitizo). Se fallamos esta tirada de Folgos perderemos Saúde en termos de cansazo. En resumidas contas: fallar as tiradas de Folgos fai que poidas chegar case a morrer por usa-la maxia. Quen algo quere algo lle custa.


Outro do que falamos tamén un longo rato foi dos Cazadores do Sidhe. A nosa visión dos Cazadores é moi escura, xente á que non queres perto (porque se andan perto é que hai problemas), pero que cando hai problemas os buscas por todos lados. Un pouco como Gandalf, que só chega para avisar de que se achega a Tempestade.
En fin.
O Gran-Polo-Métal vía nos Cazadores do Sidhe un tipo de personaxe con moito potencial, e que daría gusto xogar. Pero o mellor é que logo me comentou que estaba enganchado a certa saga escrita por Andrzej Sapkowski ao redor do personaxe Geralt de Rivia, unha especie de bruxo que ten por traballo ir cazando monstros e criaturas similares de aldea en aldea.
Visto o visto, e entendendo tamén aos Cazadores do Sidhe como guerreiros-bruxos (que non teñen porqué, ollo), vemos moitas similitudes entre os bruxos desta saga e os nosos mata-bechos particulares.
Pola miña parte xa me fixen cos tres primeiros libros (El Último Deseo, La Espada del Destino e La Sangre de los Elfos) e en canto poida cometarei algo máis deles. Tamén falarvos, a todos eses amantes dos xogos de ordenador, do xogo The Witcher, baseado nas aventuras de Geralt.

En canto ás partidas xogadas tanto en Metrópolis Cómics como a esas primeiras xogadas nunhas xornadas de Rol nas Catro Mesas, cando teñamos un pouco de tempo as colgaremos no grupo yahoo para desfrute de todos (ou case).

Un saúdo dende Libredón.

Nota ao pé

A ver... que parece que non queremos decatarnos. Parece mentira... Canto máis tiras para un lado máis che veñen detrás a amolar. Que non... que non me apetece que veñas por aquí. Dicía a miña avoa aquilo de "Unha vella dixo a outra polo burato da porta: métete na túa vida que a miña nada che importa", i é unha verdade coma un templo. Cada un polo seu lado, e todos contentos.
Mira, pensa no tempo que aforras en non escribilo, e o tempo que me aforro eu en borrarcho porque, sinceramente, xa nin os leo. Vaite, fai favor, e non volvas.

Mira que me fastidia o pitido de oídos.

7.12.07

Porque tamén hai roleiras (e Gaidileiras)

Adicado a todas as roleiras en activo e todas as roleiras potenciais. A todas as que o foron e a todas as que o serán, ou volverán a selo. E sobre todo á miña hot girl roleira gaidileira particular.


E esta vai sobre todo para ti, pollo (ben sabes quen digo)!

(Roubado de Marcus-punto-es)

2.12.07

Colaboracións

Este sábado, como xa contara, Amra o León máis eu estivemos como humildes colaboradores nos primeiros Encontros "As Catro Mesas", no local social do Ensanche compostelán.

Comezou cunha mañán un pouco parada, e cunha mesa redonda (case unha reunión de complotadores) moi interesante na que saíron temas que poden derivar en cousas xeitosas para a afección (hai veces que os dragóns comezan a che quedar pequenos, que un só dungeon non chega, ou que a mesma taberna de sempre coa mesma taberneira ridícula, sen xeito e de cú enorme traendo o mesmo guiso de coello -que igual é gato- non é suficiente).
Moitos xogos de estratexia (Warmachine, Infinity, Warhammer), moito taboleiro (Catán, Zombie), cartas (Munchkin) e, ante todo, rol.

Despois de xantar na zona nova servidos polo camareiro máis dicharacheiro de todo o Ensanche e na mellor das compañas (Jan, Amra, Bélit, Foucellas e Malicia) e dun lixeiro paseo, acudimos á cita.

Primeiras partidas oficiais de As Crónicas de Gáidil nuns Encontros. Dúas partidas que, polo falado, deixaron moi bo sabor de boca a todos os participantes e, agardamos, un rato agradable de rol e diversión. Moito que agradecer aos terribles e feroces gardas custodios da mesa de Amra (Fran, Patricio, Tona e Adrián) e aos benditos por Lugh Brazolongo da miña mesa (Arturo, Andrés, Moncho, Miguel e Serxio).


Un saúdo dende Libredón!

PS: Por certo, agardo que vos guste o novo aspecto do blog.

29.11.07

Hipervínculos

Eiquí e eiquí falan de Gáidil. Xa está sendo vítima de cometarios e de críticas (case todas boas, gracias a Oghma).
Agora o propio era que a xente o xogase e non só falase cos argumentos de "está en galego" ou "que bonita é a edición". Xogade, probade, vivide e soñade na Gael-leach, roleiros da Galiza!

Seguimos desenvolvendo as pantallas e pensando nas cousas útiles que aportar con elas, dende un xerador de castros nunhas poucas tiradas de dados até un sistema de combate masivo para batallas. E novas aventuras, claro.

Conste que o outro día falando co Polo Métal en Ferrol ("Denantes Polos que Pavos!") xurdiron ideas moi interesantes: dende xogos de ordenador (WoG: World of Gáidil) até a película protagonizada por Miguel de Lira, Morris e Gayoso... espectacular.

Temos un chisco parado o grupo yahoo, principalmente porque temos pouco tempo para colgar as aventuras prometidas e demais. Pouco a pouco, xente!

Veña, vémonos o sábado!

EDITADO: Tamén o señor Bergantinhos nos comenta eiquí!

26.11.07

Gáidil World Tour 2007: Seguimos

Ben, despois dunha sesión de xogo con máis Gloria que Pena no cubil dos sempre perigosos Twin Brothers (esta vez Manuel estaba enleado supervisando un campeonado de Warhammer, e estivemos anfitrionados en Metrópolis Cómics por Luiggi o Magnífico) podemos dicir que o xogo está máis espallado do que pensabamos: en poucos días estará tamén en Canarias da man dunha aimirguín aprendiz de druída con grande afinidade co lume, que ao final gañou o básico de Gáidil nun sorteo moi roleiro: tirada de 1d8 para coñecer ao gañador. Cinco excelentes xogadores baixo a batuta de Amra o León (entre os que conto a Luís "O-Gran-Polo-Métal" facendo de Ourizo Cacho o loio, e a Kaworu o cazador do Sidhe de GaliciaRol) botaron unha partida de Gáidil que agardamos fora do seu agrado.

O seguinte paso será o vindeiro sábado, 1 de Decembro, onde estaremos para as xornadas "As Catro Mesas" que se montan no local sociocultural do Ensanche. Tanto Amra coma min participaremos nunha mesa redonda sobre o rol e logo contaremos xunto con quen se achegue por alí uns contos de As Crónicas de Gáidil, aínda que haberá para todos os gustos: estratexia, cartas, xogos de taboleiro...

Á parte, temos en proxecto sacar material novo para As Crónicas de Gáidil (dientes, dientes...). Estamos a desenvolver material novo para unhas pantallas (para os non versados, as pantallas son uns trípticos -ás veces teñen catro lados ou máis- de cartón que se colocan de pé ante o Contacontos para tapar os datos da partida e que así os xogadores non poidan lelos e prever o que vai ocorrer na aventura).
Estas pantallas contarían con novas ilustracións de Víctor Rivas (hurra!!!) e cun pequeno libreto con novas reglas, castes, razas, armas, habelencias, habelencias escuras, aventuras e mil cousas máis. Como podedes comprender sentímonos baixo a tutela dos deuses e en misión divina! Gáidil go Bragh!!!

Un saúdo a todos dende o Sidh!

23.11.07

De novo en Metrópolis

Mañán, sábado 24, estaremos pola tarde en Metrópolis Cómics para botar unhas partiducas coa xente que se pase por alí.
Á parte, estamos convidados a unhas xornadas de rol, estratexia e xogos de taboleiro que se celebrarán en Compostela, os primeiros Encontros "As Catro Mesas", no centro sociocultural do Ensanche. Montadas de xeito independente, estas xornadas poden ser un bo pé para outras actividades e para coñecer xente nova e ampliar esa rede social que dende runical se está a levar a establecer nesta cidade.

Presentación en Couceiro

De novo arrodeados de bos amigos e de novos interesados no xogo, pero esta vez na extraordinaria casa dos Couceiros, presentamos Gáidil á xente.


Acompañados desta volta por Rubén Cela e Xavier Paz, fumos quen de encher aquel lugar de ambiente ameno e familiar mentres compartiamos as nosas impresións como autores co noso patrocinador e co noso editor.


Graciñas a todos os que por alí pasáchedes!

19.11.07

Gáidil World Tour 2007: GáidilFest Couceiro (Libredón)



Mañán 20 de Novembro, ás 20h, temos a presentación institucional de As Crónicas de Gáidil.
O evento será na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, na praza de Cervantes.

A primeira presentación co libro na man a fixemos nas terras de Amra o León, e a segunda será a poucos metros da praza onde medrei.

Un saúdo a todos, e ogallá nos poidamos ver aló.

Presentación en Metrópolis Cómics (Ferrol)

Este sábado fixemos a primeira presentación de Gáidil co libro na man.

Convidados por Manuel, propietario de Metrópolis Cómics de Ferrol e Grande Señor de Artabria e Defensor das Altas Carballeiras, puidemos arrodearnos de vellos e novos amigos e falar un pouquiño de Gáidil como xogo e como obra literaria.

Metrópolis Cómics estaba toda adornada con motivos "gaidileiros", xa nas pantallas das consolas, xa cun pedazo póster sacado das ilustracións de Víctor Rivas, con dous fianna custodiando un trono de carballo (é un dos debuxos que máis gustou).

Falamos un pouco da historia de Gáidil, dende a idea primixenia até o resultado final, e logo comentamos algunhas cousas cos alí presentes, respostando preguntas ou debatindo sobre pensamentos en voz alta. Moi ameno e familiar.

Tivemos unha sesión se sinaturas para todos os que quixeron unha copia de As Crónicas de Gáidil adicada polos autores. Todos os amigos levaron unha dedicatoria personalizada con moito agarimo (ou iso pretendimos).

Ao final dese estupendo día sorprendeunos ver, entre un suplemento de Conan RPG e outro de Warhammer Fantasy o noso libro, o noso xogo... o noso traballo e paixón.


Un saúdo dende Libredón!