28.6.06

O Relato dos Fillos de Golamh Milidh

>>Isto que che vou contar non penses que ocorreu onte, nin antonte. Ocorreu incluso antes de que as xentes do Norte escribisen as súas Historias. Eran aqueles tempos en que non había nin radio nin televisión, e os Contos eran contados por Contacontos, ou bardos, xa que é este térmo o que moitos deles prefiren.

- ¿Nin tele nin radio? Debía ser moi aburrido.

- Non. A xente simplemente tiña outras cousas para se divertiren. Había moitos xogos, agora esquecidos entre as engranaxes desas endiañadas consolas nas que xogas. Estaba a Buxaina, a Queda, o Escondite. Os nenos xogaban ás pelexas e as nenas a salta-la corda. E todos eles xogaban á Estornela.

- A Estornela... Lembro que me falaron dese xogo na escola.

-¿Na escola? É incrible. O esquecemento rematará con este Mundo. Se os xogos os teñen que explicar na escola, ¿qué será o próximo? A vosa xeración está perdida...

O rapaz non entendía os desvaríos do seu avó, e permanecía fronte a el con cara de “non”. Xa era bastante suplicio que o seu pai lle prohibira xogar na consola, para que aínda porriba lle tivera que poñer boa cara ó tolo do avó. Quedou fitando a madeira queimándose na lareira, e pensando en como pasaría á seguinte fase do xogo ¿tería que matar ó Dragón Vermello, ou sería mellor primeiro recupera-la espada roubada e acumular algo máis de experiencia?

- Eran outros tempos... estes dos que che vou falar. Hai máis de tres mil anos entre estos feitos e nós. Todo empeza nunha cidade que estaba ó norte, bañada polas augas do golfo Ártabro, de nome Breogantia. Alí reinaba o bravo Breogán, un guerreiro temible, cun reino enorme respetado polos seus rivais. Os seus súbditos vivían en paz e Breogantia prosperaba.

Continuará...

1 comentario:

besbe dijo...

quero máis,quero máis...estoume enganchando a cousa boa!