28.3.06

De entre os fieitos...

Xorde, nun comentario en Gáidil, esta voz, a dun autor do que agardamos máis obras desa visión súa tamén dunha Galiza idealizada nunha época de castros e aventuras.

Cando máis aventuras de Selmo, Toimil e Oulego?

23.3.06

Rubicón

"O problema seguramente estará en que, aínda que cada vez hai máis xogadores galego-parlantes a maioría dos xogadores galegos son castelán-parlantes. Polo tanto podo dicir que o xogo me gustou moito, que ten bastante calidade, pero que seguramente, por moito que me pese, se estivera escrito en inglés tería moitísimo máis éxito comercial do que terá."

Este cometario sobor d'As Crónicas de Gáidil chegóunos da man dun afeccionado imparcial. Un que non é como os nosos amigos (estes levan anos aturándonos e saben cómo é o xogo). Este afeccionado recibíu o xogo sen ter nin idea de qué ía ou deixaba de ir. Esa era unha das "pedras de toque", o Rubicón que tiñamos que cruzar: a impresión de alguén que chega a unha libraría, ve o xogo, o compra e o leva para casa... a impresión dalguén que non pode contar con nós alén do escrito (porque, obviamente, non vamos ir casa por casa explicando as dúbidas que aparezan).

E é unha grande realidade. O Rol é castelán. Non se pode negar. Pouco sei da realidade "rolística" en Cataluña e en Euzkadi, ou Valencia, Asturias e demáis. Non teño datos precisos, pero é seguro que tamén hai xente que xoga en catalán, euskera, bable, balear ou por sistema de signo de sordomudos, qué carallo!

Por qué non se xoga en galego? Porque non hai nada nesta lingua.
Qué provoca isto? A creación dun "pidgin", dunha sorte de "criollo" lingüístico entre os que si usan o galego con xogos en castellano.
Segundo sei, o "pidgin" fórmase (máis ou menos) mesturando dúas linguas... os indios que falaban cos españois en mesoaméroca usaban o idioma indio como base, e o do invasor para palabras como "ouro" ou "prata".
Do mesmo xeito, o galegofalante que xoga a rol acaba falando (moitas veces) unha sorte de fala pidgin na que unha frase como "Pois eu vou usar o feitizo de Rayo de Muerte sobor do Cubo Gelatinoso; e si ese Escarabajo de Fuego Gigante se achega ó grupo de Pjs (apócope de "personajes") pois invocarei a unha Ginoesfinge para que nos axude" é do máis cotián: base lingüística do idioma-nai co vocabulario español que usa o xogo, porque calquer alteración "sona mal".

Pois en fin, asegúrovos que antes ou despois Gáidil estará na rúa. E agardo que, quen xogue, use o idioma no que se sinta máis cómodo.
E si é o idioma do xogo, o Galego, mellor que mellor.

13.3.06

É logo?

Non, non. Non é errata.

"É", do verbo "ser".

Temos ó pobre Lobo currando a destajo, e iso que non merece tal cousa. As cousas misturáronselle estes días. Cousas boas e cousas moi malas. Pero que saiba que estamos con el para TODO. Héino ver o vindeiro venres.

Por que o temos a destajo, ó pobre? Polo demo do LOGO.
Está aí dándolle duro ás ilustración, amáis do logotipo do xogo (xa puidéchedes ver un modelo aló abaixo. Pero hai moito máis, en diferentes estilos de letra e forma.

Nós decantámonos por un estilo de fonte Gallaecia Castelo, pero admitimos suxestións. Pensamos en deseños con triskeis, espadas de anteas ou así. A ver o que sacamos.

Un saúdo a todos, e a miña noraboa a Acedre especialmente, polo choio!.
(NOTA: estou currando en Budiño, no Porriño, e deixáchesme preocupado! ;) )

"Cecáis soñar..."

...como ben dicía Hamlet naquel seu monólogo.
Soñar con aportar algo tan grande como a "punta de lanza" nun campo da vida. A verdade síntome un pouco coma Guttemberg ou Henry Ford... "non é que o inventaras ti, pero estás aportando algo que pode cambialo todo". Pois pásame iso: non inventéi o Rol (iso debémosllo "oficialmente" a Gary Gigax), pero eiquí estamos Amra máis eu coa posibilidade de aportar o cambio lingüístico e de estilo na ambientación que moitos desexan.

Seguimos agardando por unha porta que se abra. Quen sabe, igual é esta semana, igual a seguinte (...e seguimos a soñar).

Pola miña banda, hoxe visitei con Jan de Delft o País dos 1000 Castros . Agardaba máis (coma sempre que a exposición ten que ver cos celtas ou a Galiza Castrexa), pero gustóume. Trátase dunha manchea de lembranzas en cor sepia, que sacan moi ben o espíritu de cada lugar. Persoalmente, as de Baroña foron as que máis me gustaron.

Outro día, máis.

9.3.06

A Vida dun Guéghal (IV e último)

Vida de Adulto

O guéghal casado ou tratado coma adulto pode ser chamado á guerra ou a outros servizos á comunidade polo seu Xefe. Normalmente a vida xira ó redor do castro, non pensando moito máis alá da próxima colleita ou do próximo nacemento.
O recoñecemento entre os guéghel xorde da profesionalidade: un bo canteiro será tan importante coma un bo guerreiro, e ás veces máis.
A vida no castro vai paseniño e isto fai que algúns mozos partan en busca de aventuras alén dos confíns do territorio da súa caste... confíns que outros, por medo ou por estar demasiado afeitos ó seu, nunca cruzarán.

Chegando a Vello

Os guéghel que chegan a 60 invernos, xa son considerados “maiores”. Isto implica que son máis respectados, tratados con máis deferencia e a súa palabra ten máis peso. Un guéghal que xa fora respectado antes de esta idade, e chegue a ela, pois terá un recoñecemento aínda moito maior.
É duro sobrevivir, e chega un momento en que o corpo se nega a tirar para adiante. Cando o guéghal morre, faise un funeral cerimonial dependendo do seu estatus social. Os máis cotiáns destes cerimoniais son: pira funeraria, enterramento en furna ou, o máis estendido entre os castros preto de ríos ou do Mar, que é o da Derradeira Travesía.
As piras funerarias lévanse a cabo en zonas especiais, coma poden ser outeiros con grandes laxes en forma de cama. Alí xuntan leña e queiman o corpo xunto coas pertenzas máis personais que non vaian a pasar de xeración, así como unhas racións da comida e da bebida preferidas do defunto, para que o tránsito sexa máis levadeiro.
O enterramento en furna lévase a cabo tamén en lugares especiais. Eiquí os oleiros teñen grande importancia, xa que deben preparar unha furna de barro de grande tamaño e resistencia na que caiban o corpo do finado xunto (coma no caso das piras) de certos obxectos personais, así coma de alimentos.
Por último, no caso da Derradeira Travesía, os xeito é o seguinte: tálase unha árbore de grande grosor no que, unha vez furado por dentro e baleirado coma se un tubo fora, caiba o corpo do finado, xunto cos obxectos personais e os alimentos. Este tronco-tubo, é rematado con madeira e resinas para que permaneza ben pechado. Logo, será entregado ás augas dos ríos para levar ó finado ate o Mar.

O Alén

As almas dos guéghel que viven segundo as tradicións, cumprindo coas súas obrigas para cos deuses e coa comunidade, viaxan á Terra da Fogueira. Este lugar non é máis que unha inmensa choupana onde todos caben e sempre hai fartura. Alí están os seus antergos, os vellos amigos, os inimigos que xa non o son, os amores esquecidos e os amores perdidos... A alma do guéghel sempre ten a posibilidade de voltar á Terra dos Vivos, nunca sabendo onde vai a nacer de novo, e nunca lembrando quen foi antes, agás en contadas ocasións en que visións de tempos pasados achegan esas memorias.

--D'As Crónicas de Gáidil

7.3.06

A Vida dun Guéghal (e III)

Chegada á Idade Adulta

A Idade Adulta comeza de xeito distinto dun guéghal a outro. O normal é que a madurez chegue no momento en que se sexa competente na profesión elixida. É dicir: es adulto no momento en que poidas vivir por ti mesmo e sexas útil á comunidade. Pódese dicir que hai xente que nunca é considearada adulta, xa que nunca é válida para cumplir co seu lugar no mundo, e por iso son por sempre tratados coma nenos.
O máis corrente e que o guéghal chegue a adulto sobrevivindo entre 16 e 20 invernos.
Para os campesiños e os artesáns a chegada a idade adulta non é máis que o recoñecemento dos maiores para poder chegar a formar unha parella.
Pero para os que elixen, por exemplo, o camiño das armas, ese recoñecemento é moito máis duro de conseguir. Un guerreiro guéghal debe pasar por moitas probas denantes ser considerado un adulto. Nalgúns castros, incluso, obrigan ó futuro guerreiro a pasar un ano completo nun castro rival, para demostra-la súa capacidade para sobrevivir. Moitos castros rivais teñen acordos deste estilo, e tratan con desprezo ós aspirantes, ate que demostran ser dignos guerreiros e son devoltos ós seus fogares.
Até que o guéghal é recoñecido como adulto polos maiores da súa aldea (normalmente os pais e o Druída local, aínda que no caso dos guerreiros pode ter moito que dicir o líder das tropas, ou no caso dos feiticeiros o mago que os instrúe) non pode casar nin ter choupana propia.

Ciánn e Casamento


Chegada a festa de Beltáin, o guéghal adulto pode elexir parella; para isto ten un ano luar completo: o chamado mes de ciánn. Por regla xeral son as mulleres as que elixen, e os homes os que aceptan (a Terra é a que elixe qué Sementes medraran nela). De xeito formal, a parella pode convivir durante un ano solar coma se fosen matrimonio, sempre de xeito voluntario e co visto e prace do druída local. Estas parellas non son consideradas totalmente matrimonio, e non será ate o seguinte Beltáin, en que si poderán facer formal e efectiva a súa unión. Neste momento é cando se pagan dotes, patrimonios e demais asuntos legais que non son máis que axudas para que a parella comece a vida en común. O pai da rapaza pon unha dote en terras e bestas, mentres que o pai do rapaz a pon en armas e útiles de traballo.
Ademais, o pai da rapaza impón unha dote especial para o casamento, que pode ser en cabezas de hacha, gando, gran, ou bens funxibles en xeral. Este pago debe ser cumprido pola familia do rapaz, aínda que tamén polo propio pai da rapaza; é dicir, que si eu pido 20 cabalos pola miña filla ó meu consogro, tamén eu debo dar 20 cabalos á miña filla para o matrimonio. Todo isto está perfectamente supervisado polos druídas e os xefes das aldeas, para evitar lerias. Unha vez todo en regla, a parella adquire unha choupana e comeza a vida en común ate chegar a vellos.
Durante o primeiro ano luar (un mes) de convivencia da parella, estes son levados á choupana da Noite Doce, así chamada porque alí vivirán sós durante todo un mes, no que os veciños lles levarán a comida e grandes cantidades de mel e augamel. A parella normalmente adica este mes a pasalo ben e disfrutar xa que carecen de cargas de traballo alén de preparar a chegada de novos fillos.
Rematado este mes, a parella ocupa a súa choupana, e cada quen asume o seu papel de novo na comunidade. Tantos homes como mulleres poderán ser reclutados para a guerra despois deste intre.
Pero non todo é tan doce coma nos contos. A parella que se xunta por primeira vez tra-lo Beltáin, pode romper a súa relación en calqueira momento. Por outra banda, se xa se cumpriron os trámites totais do casamento, e por algunha razón a parella non se entende, sempre poden separarse. Isto ten o seu aquel, xa que a parte que se queira separar debe devolver a dote especial ao completo á familia da parella.

6.3.06

A vida dun Guéghal (e II)

Medrando
Os primeiros invernos son os duros. E tanta dureza convirte a cada inverno en importante; por isto a idade dos guéghel mídese en invernos sobrevividos. Os druídas presentes no castro encárganse da educación básica dos rapaces. Esta educación baséase en contos con moralexa, a vida nas fragas, os animais cos que convivimos, o respecto por todo isto, a vida no castro, o noso lugar no mundo, as lendas da Caste, os nosos amigos e inimigos alén do castro, inspirar e potenciar talentos para unha profesión futura e, en definitiva, continuar co xeito de vida establecido, perpetuar as tradicións e preparar para a vida.

Cómpre sinalar que esta educación non só depende dos druídas: os pais, veciños, amigos... todos educan dun xeito ou doutro ós rapaces diariamente con xestos, exemplos, rifando e mesmo traballando.

Ademáis do tempo investido co druída, son os nenos os que de xeito xeral se ocupan de ir co gando, vixia-los campos espantando ós paxaros, pescando pequenas pezas de ribeira, ou mesmo levando avisos e mensaxes dentro do propio castro.

Durante esta etapa non se fai ningún tipo de distinción entre nenos e nenas.

Os xogos de nenez son tan variados coma divertidos; entre eles están a estornela, a rá, a chave, as lombas, as tabas... Moitos destes xogos non son máis que preparacións para a vida adulta. Por exemplo, alguén bo coa estornela, poderá ser un bo espadachín.

Nalgúns casos, a familia non pode coidar axeitadamente ós cativos, e teñen que envialos a outros lugares, outros castros onde un tío ou un avó pode coidalos mellor durante a nenez. Chegando á idade adulta, o guéghal tomará a decisión que quedar nun sitio ou noutro.

5.3.06

A vida dun Guéghal (I)

Nacendo

Os guéghel, como seres que proveñen de dúas razas, nacen pola unión de un Home e unha Muller. A Muller xesta a semente do Home durante nove anos luares (ás veces hai problemas, e a semente pérdese ou xermola antes). Tras este tempo, ás veces coa axuda dun Druída ou dun Amdaur (aprendiz de druída), ou un menciñeiro ou dunha parteira, nace un guéghal novo, ou varios dependendo da forza da Semente do Home e da riqueza da Terra da Muller.

As parellas de guéghel pretenden ter sempre un número alto de fillos e fillas, xa que moitos morren nos crús invernos e outros de enfermidades antes de chegar a adultos. Os que chegan á idade adulta poderán axudar á comunidade tanto traballando como defendendo e mellorando o castro. Por iso, cantos máis cheguen, mellor.

Un nacemento sempre é algo bo, pois os guéghel pensan que as almas voltan ó mundo pasando de corpo en corpo; así que un nacemento pode significar o regreso dun ser benquerido. Se hai un druída presente (por regra xeral, un Sabio) asignará un Vencello dependendo do día e do momento do nacemento. Este Vencello pode ser o Carballo, o Arroás, o Lobo, o Piorno, a Barbantesa... Cada Vencello inflúe na vida do guéghal dun xeito interior. O nacido baixo o Vencello do Toxo será "fero e de mal carácter; moi independente e brusco. As súas verbas firen"; o nacido baixo o Vencello da Denociña será "rápido, lixeiro e valente; non ten medo a inimigos máis fortes". Dependendo do Vencello, o pai ou a nai debe conseguir algo referente a tal Vencello; é dicir, si é Carballo, conseguirá unhas landras para poñer no berce... se é Lobo, unha pel de lobo para cubrilo do frío, etc.

Se o druída percibe que o recén nacido porta a alma dalgún antepasado, comunícallo ós parentes para que éste leve o nome de tal antepasado, aínda que ésta fora muller ou home. Este será o seu nome de nenez.

Tamén se pode dar o caso de que o Druída perciba a alma dun Milesio no recén nacido (algo estrano), ou incluso almas doutros seres tales como os fomoriáns (algo aínda moitísimo máis estrano). Isto pode dar lugar a situación de respecto ou desprezo por parte dos familiares e veciños.

Unha vez nacido, o neno debe ser lavado con augas do río máis próximo e, en honor ó Drú prántase unha árbore na Fraga Cerimonial da aldea, lugar onde se levarán prantando árbores dende a fundación da mesma por cada novo nacido.

3.3.06

A Caída do Castro do Páramo

O castro do Páramo foi noutrora lugar de encontro entre os chairegos de rápidos carros e os lugóns de altas murallas.

Non hai moito, na compaña duns colegas (Buliwyf, e dous máis), ademáis de Amra, xogamos unha sesión de As Crónicas de Gáidil.

Estes tres non sabían moito do xogo (alén de que o estabamos a deseñar), e agardo pasaran unha horas agradables cun Contacontos coma min. Buliwyf era un guerreiro Milesio, e tamén había unha arqueira chairega, un aprendiz de druída Heleno; Amra era un cazador do Sidh lemavo.

O conto desenvolvéuse do seguinte xeito: todos eran vellos amigos do Rei do Castro do Páramo, que estaba moi enfermo, a pesares de ser novo. O druída local, Laido, non atopaba razón algunha para tal mal. Calcún, o conselleiro, tentaba asumir responsabilidades que non lle correspondían, e os Protagonistas sospeitaban. Despois de investigar, atoparon un exército que se achegaba ó castro.

Seguindo a Calcún, comprobaron que non só non era un traidor, senón que cecáis era o máis fiel ó Rei Seixo... morrendo fóra do castro tentándoo defender duns espías inimigos. Os Protagonistas voltaron ó castro, con tempo só de formar unha pequena defensa e aguantar mentres o o enfermo Rei e os seus Homes do Clan fuxían por unha saída traseira.

Loitando feramente contra un guerreiro fomori, os Protagonistas conseguiron fuxir finalmente poñendo a salvo a parte do castro, só para ver cómo o druída, Laido, rindo a gargalladas, puña o torque de Rei ante a mirada abraiada dos Protagonistas.

Así quedou a historia... só un exemplo do que é un conto en Gáidil.