18.2.06

Seres de Gáidil I

Os Tourisomes



"Os Tourisomes son os grandes descendentes do touro branco que se ofreceu para completa-la gaita de McNally e o seu estandarte. Os fillos deste foron bendecidos polo Drú e por Cernunnos, e gañaron o entendemento e a capacidade de andar ergueitos dos Guéghel.

O aspecto xeral dun Tourisome é o dun boi ou unha vaca de pé, con maos de catro dedos e pezuños para se manter a dúas patas. A súa cabeza é a dun touro, con fuciño e cornos. Teñen rabo co que espantan ás moscas.

Os tourisomes da Gael-leach son xentes moi honrosas e dispostas á batalla. Chegaron en barcas dende Inis Elga hai xa moito, e se asentaron por todo o país. Aínda así, viven agochados en pequenos asentamentos de pedra, parecidos ós castros, lonxe da mirada dos guéghel. Adoitan establecerse dentro de fragas ou en montes de difícil acceso, xa que noutrora foron perseguidos e cazados polos Fomoriáns, os seus peores inimigos, ou ás veces traizoados polos propios guéghel, ós que non gardan rencor realmente, xa que os sabían enganados pola Dana.

Viven en comunidades (rabaños no seu argot), onde un Señor os rexe, que adoita ser o macho máis forte, ancián e sabio. O goberno non é herdado, e loitan para saber quen será o próximo líder... loitas que non son máis que rituais onde se demostra a forza de vontade porriba da forza meramente física. En contra da idea de violencia e brutalidade que poden amosar nunha primeira ollada, son xentes de paz que gustan das cancións de tempos antigos e do cultivo da terra (posto que non comen carne, agás ovos). Gustan especialmente dos grelos e dos cachelos, así como das landras e as castañas, alimentos que normalmente comen cociñados. Son expertos menciñeiros (polo coñecemento que teñen das herbas, xa como condimento ou como menciña), así como grandes augardenteiros de licores variados, todos moi fortes e de moitísima calidade. Nos poucos lugares onde teñen trato cos guéghel, esta é a mercadoría máis cotizada, e atópase sempre nas mesas dos xefes táins e mesmo dalgún rei sen saber, moitas veces, a súa procedencia real. Hai xente que lle atribúe ás bebidas dos tourisomes propiedades curativas e tonificantes, aínda que non se poida demostrar.

Non contan nin con druídas nin con sacerdotes, posto que a natureza está en todos eles por igual, e non precisan de guía para respectala. Aínda así, nos cultos anuais, o protagonismo o levan as mulleres, que actúan coma representantes da terra como dadoras de vida.

O seu culto céntrase no Drú e en Cernunnos, a quen chaman Cerne e o representan na súa arte con cabeza de vaca (que non de cervo) e co corpo dunha muller tourisome de pelexo branco. Non coñecen o matrimonio, e nas épocas de celo tódolos machos fecundan a cantas femias poidan nunha serie de festexos onde se reúnen na Choupana do Nacemento, lugar onde se conciben e nacen os xatos. Namentres se produce tal rito, os tenreiros mozos e mozas que aínda non poden entrar nel, así como os máis vellos, que xa non teñen forzas, cantan loubanzas ó Cerne, pedindo fecundidade e moitos fillos fortes e sans para o rabaño.

Dado isto, ninguén sabe de quen é pai, e por iso trata a todos coma se foran fillos, axudando na súa educación.

Os tourisomes visten saias e non levan porriba máis ca unha capa de lá. Ás veces usan tintes para engalanarse, aínda que a cantidade de cores do seu pelexo ás veces é suficiente (háinos marelos, pintos, frisóns, ... ). En certas festas poñen cintas nos cornos e no rabo (sobor de todo nos Maios). Usan decote adornos de ouro, xa nas orellas, xa no fuciño, así coma nos cornos.

Á hora de loitar usan grandes garrotes, xa que non coñecen a forxa (pero si a ouriveiría). Ás veces usan grandes martelos de pedra, ou mazas. As armas de metal que poidan posuír serán armas guéghel, ás veces moi antigas que pasan maoires a mozos. Non coñecen a moeda nin queren saber dela, preferindo troca-las mercadorías."

Extracto de As Crónicas de Gáidil --
Debuxo por Amra


3 comentarios:

acedre dijo...

Semellame interesante este mundo de tourisomes e demais povos.
Gustame que se especifique mais na vida e costume destes povos.
O outro dia mirei a pelicula da vinganza dos Sith e esta mui ben e todo iso pero faltalle o toque etnografico para que pareza mais real.
Bueno, un saudo e a acollerse do temporal.

Amra, o leon dijo...

Sei de boa tinta que no xogo hai un feixe de razas estranas e fantásticas, e o mellor, é que no caso de que os xogadores e o Contacontos así o decidan, poden ser utilizadas para crear Protagonistas. A ver se hai un pouquiño de sorte e o tema sae para adiante. Un Saúdo.

O Breogán dijo...

Á fin, meu bo Amra. Nin que dicir ten que este é "o Amra", co-autor d'As Crónicas de Gáidil.

E con respecto ó comentario de Acedre, dicirche que no xogo tentamos dárlle a todo algunha explicación. En Star Wars as razas están porque están. Nas Terras da Gael-leach están porque algo as levou alí, e ese algo é explicado. Os xogadores de Rol agradecen bos sistemas de xogo e boas maquetacións nas edicións... pero nós pensamos que é de máis agradecer un bo trasfondo no mundo.