11.2.06

De que estamos a falar?

Hoxe por hoxe son moitos os que xa probaron a experiencia dos Xogos de Rol.

Nós o que pretendemos con este Blog é amosar cómo é este Xogo e a súa vida. De cando en cando falaremos un pouco do xogo en si, ou das peripecias editoriais, ou dos apoios ou atrancos que vaiamos atopando no noso camiño.

As Crónicas de Gáidil baséase nun mundo que puido ser o noso hai moitos miles de anos... aínda que poidamos vernos reflectidos nos nosos acenos ou nas nosas "teimas locais" cos seus habitantes.

Neste mundo de Gáidil atópase a Gael-leach, unha rexión poboada por diversas castes. Todos pertencen á raza dos Homes e das Mulleres (os guéghel), pero cada caste ten as súas diferenzas: temos ós Breogantes, ós Ártabros, ós Tamarcos, ós Cilenos e ós Helenos, ós Libredóns ou ós Lugóns, así coma os Limicos, os Lemavos ou ós Aunios...

O seu estilo de vida é moi parecido ó que levaban ós nosos devanceiros Castrexos... coa salvedade de que neste mundo os Fomoriáns, os Trasnos, os Saefes ou os malvados Tuata da Dana conviven e loitan cos guéghel.

Explora a Gael-leach e poderás ver a alta Tor-Breogain, dende onde o Rei de Reises Breogán goberna; poderás viaxar até a Murada Lug, camiñar polas rúas empedradas de Libredón e estudar nas súas Torres da Maxia; piratear cos Sicaeos polas Pradeiras de Lir; cantar cos Lusóns vellas cantigas...

Isto é Gáidil: un mundo de xogo lonxe tanto do rigor histórico coma do clasicismo do Medieval-Fantástico; unha Galiza idealizada baseada nun tempo pseudohistórico e saído do maxín, na Idade do Bronce.

2 comentarios:

Fer dijo...

Que boa pinta tem rapaz!
Podes dizer algo mais do sistema de jogo? :)

O Breogán dijo...

Graciñas polo interese. Pouco a pouco iremos falando dos distintos aspectos do Xogo, incluído o Sistema...

Coma aperitivo dicirche que, para achegalo a todo o público, usa exclusivamente dados de 6 caras. Si, é arriscado, pero tentamos facer un Sistema sinxelo e accesible a calquera e, quen máis e quen menos ten un D6 na casa.

Un saúdo, Fer, e graciñas de novo.