1.10.07

Comentando a xogada

Ben, Cerne xa está case acabado. Agora só faltaría poñelo a andar por medio dunhas cantas partidas.

En canto ao sistema de creación de Protagonistas para Gáidil... Comezamos facendo un sistema máis complexo, con máis datos escritos e máis enrevesado. Non nos gustou. De aí aquí houbo uns 6 ou 7 sistemas alternativos. Cando á fin chegamos a este sufríu uns 4 ou 5 cambios internos no que sería sistema de combate e maxia (sobre todo a maxia... moitas noites sen durmir para logo facer o sistema que vai que, curiosamente, gusta sobre todo aos que nunca elexían levar magos ou sacerdotes, coma maese Pepe). E así volo imos a amosar: un sistema que prima ante todo o compoñente do Conto: falar e envolverte na historia; e no que os dados non son os auténticos protagonistas, se non un instrumento ao servizo da partida que contemos entre todos: Contacontos e Protagonistas.
Ben, levo uns vinte anos xogando a Rol, e dende o principio a miña afección dentro da miña afección (coma o que lle gusta o fútbol e dentro do fútbol lle gusta ser defensa, ou quen lle gusta o cinema e lle gusta ser cámara) foi a creación de sistemas de xogo e ambientacións ou mundos para xogar neles.
A Amra o León leva por aí, e pásalle igual... sempre me conta que despois daquela primeira partida cos Twin Brothers o primeiro que fixo ao chegar á casa foi poñerse a facer o que sería o seu crebacabezas vital: o xogo de rol futurista Warmaster The Armaggedom.
Podemos asegurar que entre os dous xa ideamos un bo lote de sistemas de xogo e múltiples ambientacións. Algunhas mellores e outras peores.

Talvez Gáidil non sexa a mellor desas ideas, nin teña o mellor dos sistemas de xogo que teñamos ideado, pero sen dúbida foi na que puxemos máis corazón e sentimento e, como dicía Castelao naquela cita que vos puxen hai uns meses "foi imaxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bó. Estóu seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería ofrecervos nada mellor".


Neste momento estamos coma un pai na sá de espera ao que non deixaron pasar ao paritorio. Sentados, calados, sen saber moi ben qué dicir ou cómo reaccionar. Normalmente hai alguén perto... un irmán, un cuñado, os sogros, teus pais... algún bo amigo. Están máis tranquilos ca ti e, aínda que agardan por ese neno con ansia tamén, sempre teñen un comentario amable, un xesto cómplice e unha palmada nas costas para tranquilizarte.
Así nos sentimos a xa días de que poidades ter As Crónicas de Gáidil na man.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Veña!!! Que non queda ná!!! O parto foi un pouco doloroso, pero as nais que eu coñezo sempre me dixeron que valía a pena!!!

Eu tamén desexo ter ao voso fillo nas mans (e na mesa de xogo).

Moitos bicos para os dous: ARTISTAS!

O Breogán de Gáidil dijo...

Graciñas, Jan.
Hoxe chegáronnos os manuais á casa e estamos flipando en cores!

besbe dijo...

Que o neno veña ben!! :D