7.3.06

A Vida dun Guéghal (e III)

Chegada á Idade Adulta

A Idade Adulta comeza de xeito distinto dun guéghal a outro. O normal é que a madurez chegue no momento en que se sexa competente na profesión elixida. É dicir: es adulto no momento en que poidas vivir por ti mesmo e sexas útil á comunidade. Pódese dicir que hai xente que nunca é considearada adulta, xa que nunca é válida para cumplir co seu lugar no mundo, e por iso son por sempre tratados coma nenos.
O máis corrente e que o guéghal chegue a adulto sobrevivindo entre 16 e 20 invernos.
Para os campesiños e os artesáns a chegada a idade adulta non é máis que o recoñecemento dos maiores para poder chegar a formar unha parella.
Pero para os que elixen, por exemplo, o camiño das armas, ese recoñecemento é moito máis duro de conseguir. Un guerreiro guéghal debe pasar por moitas probas denantes ser considerado un adulto. Nalgúns castros, incluso, obrigan ó futuro guerreiro a pasar un ano completo nun castro rival, para demostra-la súa capacidade para sobrevivir. Moitos castros rivais teñen acordos deste estilo, e tratan con desprezo ós aspirantes, ate que demostran ser dignos guerreiros e son devoltos ós seus fogares.
Até que o guéghal é recoñecido como adulto polos maiores da súa aldea (normalmente os pais e o Druída local, aínda que no caso dos guerreiros pode ter moito que dicir o líder das tropas, ou no caso dos feiticeiros o mago que os instrúe) non pode casar nin ter choupana propia.

Ciánn e Casamento


Chegada a festa de Beltáin, o guéghal adulto pode elexir parella; para isto ten un ano luar completo: o chamado mes de ciánn. Por regla xeral son as mulleres as que elixen, e os homes os que aceptan (a Terra é a que elixe qué Sementes medraran nela). De xeito formal, a parella pode convivir durante un ano solar coma se fosen matrimonio, sempre de xeito voluntario e co visto e prace do druída local. Estas parellas non son consideradas totalmente matrimonio, e non será ate o seguinte Beltáin, en que si poderán facer formal e efectiva a súa unión. Neste momento é cando se pagan dotes, patrimonios e demais asuntos legais que non son máis que axudas para que a parella comece a vida en común. O pai da rapaza pon unha dote en terras e bestas, mentres que o pai do rapaz a pon en armas e útiles de traballo.
Ademais, o pai da rapaza impón unha dote especial para o casamento, que pode ser en cabezas de hacha, gando, gran, ou bens funxibles en xeral. Este pago debe ser cumprido pola familia do rapaz, aínda que tamén polo propio pai da rapaza; é dicir, que si eu pido 20 cabalos pola miña filla ó meu consogro, tamén eu debo dar 20 cabalos á miña filla para o matrimonio. Todo isto está perfectamente supervisado polos druídas e os xefes das aldeas, para evitar lerias. Unha vez todo en regla, a parella adquire unha choupana e comeza a vida en común ate chegar a vellos.
Durante o primeiro ano luar (un mes) de convivencia da parella, estes son levados á choupana da Noite Doce, así chamada porque alí vivirán sós durante todo un mes, no que os veciños lles levarán a comida e grandes cantidades de mel e augamel. A parella normalmente adica este mes a pasalo ben e disfrutar xa que carecen de cargas de traballo alén de preparar a chegada de novos fillos.
Rematado este mes, a parella ocupa a súa choupana, e cada quen asume o seu papel de novo na comunidade. Tantos homes como mulleres poderán ser reclutados para a guerra despois deste intre.
Pero non todo é tan doce coma nos contos. A parella que se xunta por primeira vez tra-lo Beltáin, pode romper a súa relación en calqueira momento. Por outra banda, se xa se cumpriron os trámites totais do casamento, e por algunha razón a parella non se entende, sempre poden separarse. Isto ten o seu aquel, xa que a parte que se queira separar debe devolver a dote especial ao completo á familia da parella.