6.3.06

A vida dun Guéghal (e II)

Medrando
Os primeiros invernos son os duros. E tanta dureza convirte a cada inverno en importante; por isto a idade dos guéghel mídese en invernos sobrevividos. Os druídas presentes no castro encárganse da educación básica dos rapaces. Esta educación baséase en contos con moralexa, a vida nas fragas, os animais cos que convivimos, o respecto por todo isto, a vida no castro, o noso lugar no mundo, as lendas da Caste, os nosos amigos e inimigos alén do castro, inspirar e potenciar talentos para unha profesión futura e, en definitiva, continuar co xeito de vida establecido, perpetuar as tradicións e preparar para a vida.

Cómpre sinalar que esta educación non só depende dos druídas: os pais, veciños, amigos... todos educan dun xeito ou doutro ós rapaces diariamente con xestos, exemplos, rifando e mesmo traballando.

Ademáis do tempo investido co druída, son os nenos os que de xeito xeral se ocupan de ir co gando, vixia-los campos espantando ós paxaros, pescando pequenas pezas de ribeira, ou mesmo levando avisos e mensaxes dentro do propio castro.

Durante esta etapa non se fai ningún tipo de distinción entre nenos e nenas.

Os xogos de nenez son tan variados coma divertidos; entre eles están a estornela, a rá, a chave, as lombas, as tabas... Moitos destes xogos non son máis que preparacións para a vida adulta. Por exemplo, alguén bo coa estornela, poderá ser un bo espadachín.

Nalgúns casos, a familia non pode coidar axeitadamente ós cativos, e teñen que envialos a outros lugares, outros castros onde un tío ou un avó pode coidalos mellor durante a nenez. Chegando á idade adulta, o guéghal tomará a decisión que quedar nun sitio ou noutro.

3 comentarios:

acedre dijo...

Os gueghal non discriminan entre homes e mulleres e iso esta ben.
Que xogo son as lombas esas ?.

Larvos dijo...

Quero pidir praza como ETT nese castro. ¿Onde hai que entregar o curriculum?

Saúdos

O Breogán dijo...

Acedre, o das lombas é o xogo típico de saltar uns porriba das cóstas dos compañeiros (as cóstas sería as lombiñas a saltar). Nós en Compostela, na nenez, o complicabamos con probas polo medio e o chamabamos "O que dixo o meu Rei", aínda que en Ferrol seica se lle chamaban "Arriba Facun". Non sei noutros sitios.

Xa escribirei algo a maiores despois sobor das relacións entre Homes e Mulleres.

Larvos, o único que tes que facer é conseguir o manual de xogo (en canto nolo editen, Dios Diante) e deixar voar a imaxinación a este Mundo de Gáidil no que tantas esperanzas temos.

Moitas gracias ós dous.