4.11.07

O tes diante e non o ves...

Vía Uruloki atópome de fronte con isto:
Unha nova aventura de Conan en película? Sempre son boas novas.
Tanto Amra coma min somos admiradores da obra de Robert E. Howard, home curioso de inmensa imaxinación e amigo epistolar do noso tamén benquerido H. P. Lovecraft.
Sobre ese hipotético filme pouco podo dicir, só que seica o queren facer máis afín á obra de Howard. Para min Conan o Bárbaro encaixa perfectamente en espírito coa obra que o autor escribeu, e paréceme unha das mellores películas de aventuras de todos os tempos. Pero, de certo, o Conan da película pouco ten que ver co Conan dos relatos ou dos cómics.


A Era Hibórea de Howard servíunos moito de inspiración para ambientar Gáidil. Aínda que a priori non teñan moito que ver, gústanos a idea de que haxa enormes monstros, pero que se vexan pouco; de que o teu peor inimigo poida ser un simple humano; que a fermosa filla do rei á que hai que rescatar é unha temible guerreira que non precisa da túa axuda e que che pode dar unha malleira se a miras tempo de máis; de que sexan as túas fazañas as que falen por ti. Somos tamén grandes seguidores da Alta Fantasía, pero na nosa visión de Gáidil diso igual hai menos.

Conan é un bo exemplo de onde pode chegar un Protagonista. Podemos seguir a estela do Conan da primeira película mesturándoo con historias propias de R.E. Howard, por exemplo, e extrapolalo a Gáidil con moita facilidade:
1- O castro onde vives é arrasado por servintes dun feiticeiro escuro. Ti es esclavizado e só despois de aprender o camiño das armas como esclavo alén dos Montes Arrebolados es liberado.
2- Libre xa, consegues refuxio nunha mámoa en territorio tamarco, onde antigos reis repousan. Ao coller unha das enferruxadas armas para poder defendéreste, es atacado polo esquelete dun deles. A maxia escura volve á túa vida. Aínda así a espada resulta ser un obxecto forxado polo Mouros hai centos de invernos. É a túa compañeira a partires de entón.
3- Visitas castros onde es contratado como gardaespaldas, asasino e mesmo ladrón. Loitas mesmo contra seres do Sidh e gañas amizades e moitos inimigos tamén.
4- Buscado en mil lugares, cambias o teu nome e rematas nun barco sicaeo pirateando ao longo do Arco de Lir. Co tempo chegas a ser capitán dese barco. Debido á túa sorte e pericia, o mesmo Breogán promete recompensa pola túa captura.5- Vives estranas aventuras no mar, e mesmo pode ser que chegues aos restos da Afundida Atlántida ou á Illa da Xuventude, e recuperes tesouros longo tempo perdidos.
6- Alguén fala, e consegues información sobre os que arrasaron o teu castro cando eras un neno: seica un saefe servinte da Dana estaba detrás de todo. Buscaba os secretos dos ferreiros do teu castro, que o deus Goibniu lles dera antes dos tempos dos avós.
7- Consegues unirte a unha Irmandade que loita contra este saefe, e pouco a pouco acumular poder e reponsabilidades dentro dela. A Irmandade está emparentada en propósitos co Breogán (que é un dos líderes en secreto), e póñenche ao cargo de varias dúcias de guerreiros para que loites contra o saefe. Esta loita dura varios anos, e sempre se salda en pequenas victorias e derrotas.
8- Co tempo chegas a ser un fión e conselleiro do Breogán, e segues a loita contra o malvado saefe, esta vez movilizando castros enteiros contra os seus secuaces. O teu Renome é tan alto que es recoñecido como "Xefe de Grandes Heroes".
9- Convencendo ao Breogán, consegues poñerte ao mando dun grande exército para para-los plans do saefe de arrasar Breogantia e parte do norte da Gael-leach. Hai unha batalla terrible na que grandes heroes morren, incluído o Breogán, pero ao final consegues vencer ao malvado saefe! (sendo Conan seguramente tería matado el mesmo ao Breogán para usurpar o Trono de Carballo, pero imos deixalo así...).
10- Entras na Peneira e es elexido novo Breogán polos teus propios méritos. Novos e maiores perigos agardan ao noso Protagonista.
Conan, xa que logo, pode ser un exemplo perfecto de cómo o máis humilde dos cimmerios pode chegar a ser rei de Aquilonia, e de como calquer Protagonista pode chegar a ser o Breogán da Gael-leach. Pero iso si, despois de moito xogo e moita aventura.

Un saúdo dende Libredón!

4 comentarios:

LaicaNuru dijo...

Boas

Eu xa facia algun tempo que oira o da terceira pelicula de Conan, supostamente Conan Rei, por aquelo de que Chuache xa vai vello.

E que o actor que interpretaria o fillo seria The Rock, coñecido pola pelicula O Rei Escorpion.

Tamen escoitei a lenda urbana de que no rodaxe un dos actores sufrira un ataque o corazon, e que non fora o Chuache, senon o The Rock. Isto non é Pressing Catch meu!.

Anónimo dijo...

Pois si, poder ser unha boa adaptación, aínda así o problema pode atoparse na productora e na primeira non verdade que amosa o cartel... Dixeron que ía ser oposto ao Conan de Millius e temos unha primeira referencia a súa versión/obra.

moucho branco dijo...

Home, un mito da fantasía épica coma poucos, que dúbida cabe... eu só pido que se fan unha nova película manteñan a banda sonora de Poledouris!!, :)
Encasqueteiche un meme, por certo, :P

O Breogán de Gáidil dijo...

LaicaNuru: En efecto, de Conan Rei lévase falando xa algún tempo (penso que dende finais dos oitenta). The Rock facendo de Conn estaría ben, pero igual lle daría un toque demasiado cómico ao asunto, penso eu. A ver con qué nos saen.
Uruloki: A min persoalmente o Conan de Milius paréceme moi bo, e moi ben adaptado ao cinema. Se Milius fixera un Conan Rei, e a productora apostara por deixarlle facer o que quixera, podería saír un auténtico peliculón.
Moucho: Certo, a banda sonora de Poledouris penso que é das mellores do cinema. Cada vez que escoito "Theology/Civilization" póñome a correr coma un tolo. En breve vou co meme.