5.11.07

Oito

Por medio do Moucho do Métal chégame o meme este das oito cousas. Vexo que diversa xente colgou cousas dispares sobre o tema que, ao non estar cinguido a un tema específico, son moi interesantes polo diverso e variado das respostas.
As miñas oito as vou centrar en xentes, cousas, momentos e lugares.

1- Nao Berlín, Compostela, mediados de xuño do '99. Foi unha noite curiosa e me gusta lembrala, un deses momentos máxicos onde comezas coma sempre, unha noite corrente cos amigos, e non sabes onde rematas. E dura até hoxe, verdade, Jan?

2- Os Xogos de Rol: a miña principal afección. Todo o mundo debería ter unha ou mil afeccións, algo que incluso cando estés o peor posible animicamente che poida levantar o espírito. Ler novelas, a música, o encaixe de Camariñas, ver a tele, xogar á petanca, astrofísica aplicada, montar unha liga intercontinental de Billarda... algo. Eu teño moitas, pero na que me gusta investir máis tempo é os xogos de Rol: sentarte cos teus amigos e contar unha historia interactiva entre todos.

3- Compostela: a miña cidade, o lugar onde mellor estou e que me fai sentir especial. Xa dende neno me facía moita gracia ir pola rúa e ver as inxentes mareas de estudantes e universitarios. A medida que fun medrando fun vendo esas mareas de diferente xeito, pero cos mesmos ollos. Encántame ver anoitecer e ver á Catedral entre a brétema. Encántame cando a praza da Quintana está só para min, e ver cousas novas (unha gárgola eiquí, unha cruz potenzada alá) con só ergue-la vista cara un lugar onde antes non mirara. É máxica e racional á vez.

4- Educar: o primeiro segundo en que quedei só diante dos rapaces de 5º e 6º de Primaria do CPI de San Román de Cervantes. Verte diante de mil nenos e nenas que agardan a que lles enchas o miolo de datos e conceptos, actitudes, valores, normas e que, xa postos, saibas saírlles ao paso cando che falan de Spiderman, Picachu, os Bey Blades, Rebelde Way, Shinchan, Batista ou saber poñer cara de póker cando che veñen co conto de "e ti como sabes tanto de Songoku?".

5- Os amigos e amigas. Ter un bo lote deles e que saiban que poden contar contigo e entender que ti tamén podes contar con eles. Porque cando teñen que estar, están. E se eses amigos están xestando ou criando fillos, pois mellor: máis para o lote!

6- As migrañas. Porque aínda que che toquen o carallo e que non te poidas librar delas por moito que metas á vena, mola facerse o interesante e dicir aquilo de "...é que me doe a cabeza".

7- Londres. Porque é a cosmópole por excelencia dende o meu punto de vista. Porque alí vin cousas que me axudaron a entender mellor o mundo en xeral e meu mundo en particular. Porque é como a miña cidade, pero en grande e con máis cousas. Porque é o único sitio do mundo que me fixo sentir un profundo sentimento de "pero por que carallo non vin antes?". E porque voltaría alí mil veces.

8- O blogomillo. Cheguei a el hai moi pouco (ano e medio), pero xa coñecín del a tanta xente e tan boa para comigo que foi todo un descubrimento. Gracias a el, tamén, o meu primeiro gran proxecto vital a nivel rol (As Crónicas de Gáidil) chegou de moitas voces blogueiras e moitos oídos blogueiros, e de aí á eternidade. A verdade é que, se non fose polos blogs e por certos foros e comunidades como GaliciaRol, Comunidade Umbría ou NoSoloRol, este xogo pasaría máis desapercibido.

E agora mándolle o meme este a Jan de Delft, a Xurxinho, a Supersantiego, ao Lobo, Mamá e Lula, a Fer, a Lúa Neghra, a LaicaNuru, a Javi de La Comarca, e a todos os de GaliciaRol.

Un saúdo a todos!

4 comentarios:

SuperSantiEgo dijo...

Meu dito meu feito.

Eu xa cumplín.

jan dijo...

Ben, eu aínda estou pendente...Contra a fin de semana, que estes días comeza Cineuropa e acumúlase o chollo...

Ai o Nao!!! Grazas por ese número 1 Breogán!!!

Bicoooos!

Damian dijo...

Ola, eu son novo, e cheguei ata aqui buscando informacion sobre Gaidil. o blog esta moi vistoso.
P.D. non me imaxinaba que houbera tanta xente metida neste mundiño do rol, digo pola fama que lle pon a xente.
Bicos^^ e un saludo

O Breogán de Gáidil dijo...

Santi: molaron moito as túas. A ver se nos vemos algún día por Ferrol.

Jan: con calma, non hai presa.

Damian: Benvido. En canto ao mundiño, pois en Galicia somos lexión. Un bo lote de roleiros de pro.

Saúdos aos tres.