8.6.08

Protagonistas Notorios: Os Mil

Se un grupo específico de individuos de Gáidil destaca porriba de calquer Irmandade, Caste ou mesmo Raza son os Milesios.

Os Milesios proveñen dun momento crítico na historia de Gáidil: a Loita entre Irmáns que tivo lugar no Tempo do Verán.

Despois da batalla de Guineach Cromleach os mil que sobreviviron e cuxas almas nunca entraron na Urna de Almas da Dana decatáronse de que tras cada volta á vida (lembremos que os guéghel cren na reencarnación) eran quen de reter os seus recordos, non coma o resto dos guéghel que só ven pequenas faíscas do seu pasado en soños ou momentáneas abstraccións mentais.

Estes mil pasaron a ser coñecidos, tanto por seren mil coma por seren descendentes de Golamh Milidh, os Milesios. Son xentes extraordinarias, capaces de grandes fazañas. Dentro da súa memoria están as vidas que tiveron dende a súa morte despois da Guineach Cromleach até o día de hoxe. Centos de vidas cheas de recordos e cheas de ledicia ou pesar. Lembran mil amores, mil pais, mil irmáns, mil fillos, mil desenganos, mil batallas e mil mortes.

A capacidade de Lembrar dos Milesios é a súa mellor arma, xa que lles permite tirar de recordos para ter case calquer Habilidade. Pero tamén é a súa debilidade, xa porque pode haber moitos recordos amargos, xa porque a Dana os busca para exterminalos. Non hai peor inimigo que aquel que lembra todo, porque che impide cambiar o pasado e amoldalo ao teu xeito. É por isto que os Milesios nunca revelarán a súa condición, pois os axentes da Dana teñen centos de apariencias.

Entre eles non hai rangos nin servilismos, pero entre os mil están divididos en dez centos. Cada cento deles está liderado por un xefe de grandes heroes. Para apoiar a estes dez, cada cento está dividido noutros dez grupos de dez, liderados por un grande heroe. Así, hai dez que teñen ao seu cargo a outros dez que supervisan a outros dez. Non se dan ordes nin se reciben. Están todos ao mesmo nivel, e esta división serve só para ter un número de encargados que teñen a tarefa de xuntar a cantos se poida en momentos de extrema necesidade. Os 10 xefes de grandes heroes se recoñecen porque son os que desmontaron a gaita de Meic Nally e cada un sabe a localización dunha das pezas. Este recordo é o único que nunca puideron reter na memoria por moitas vidas, así que os custodios, para asegurarse, deben pasar este coñecemento a outro Milesio antes de morrer, para que nunca se perda. Deste xeito, o título de Xefe de Grandes Heroes dos Milesios vai rotando duns a outros. Disque a Dana foi capaz de eliminar a varios deles durante o terrible Inverno dos Lobos. Se o conseguíu (e con iso a imposibilidade de reunir de novo a Gaita Sobrenatural) é un misterio.

A nivel de xogo un Milesio pode ter a súa capacidade de Lembrar a calqueira nivel. Un nivel baixo (+1 ou +2) pode indicar que nesta reencarnación o espírito do Milesio está latente (quizáis porque a vida anterior foi moi intensa e precisa descansar un tempo), mentres que un nivel alto (+4 ou +5) pode indicar que o Milesio está esperto e á espera para entrar en acción contra a Dana.
Un Milesio debería ter un nivel alto en varias tomas de Mundo de Gáidil, Lendas, Tradición e seguramente un bo nivel en Mundo do Sidhe, amais de habilidades e habelencias de combate (Espada de Anteas, Arcos, Convocar Lume, etcétera) más que nada por aquilo de que morrer segue doendo e aínda que xa morreron moitas veces non teñen moitas ganas de facelo de novo. Seguramente terán tamén varias habilidades artísticas nas que serán moi bos (noutras vidas cecáis fosen grandes artesáns) e tamén habilidades para pasar desapercibido coma Asexar.

Os Milesios deberían ser protagonistas pouco comúns, e xogar un deles debería ser algo diferente e especial. Coma Secundarios que axudan aos protagonistas non teñen prezo, xa que os seus coñecementos acumulados os fan fontes de información moi valiosas. Ter un Contacto Milesio debería ser algo moi complexo de acadar se non es ti mesmo un deles, pero temén debería permitir acceso a moitas historias e lendas.

No hay comentarios: