Miríada
Estes días tivemos varias novidades, entre as que se contan o proxecto de portada para o xogo. O pasado día 18 tivemos unha reunión (máis ben unha quedada de longa e variada cháchara, cun prato combinado metido entre varios cafés e unha algara na Librería Paz) en Pontevedra con Víctor para ultimar certos detalles, como son a ficha de Protagonista e os mapas, tanto o xeral do Mundo de Gáidil, coma o específico para a zona da Gael-leach.
A ficha de Protagonista é o lugar onde o xogador apunta os datos do seu personaxe, xa numéricos (un +3 en Corpo, un +2 en Espada de Anteas), xa os narrativos (Fión Lousada, da caste dos lemavos, servinte do Grande Breogán, ferreiro sen igual en toda a Gael-leach). É importante que sexa vistosa. As primeiras fichas de rol que recordo adoitaban ser táboas sen máis. Lembro a curiosa ficha do xogo futurista Traveller, que tiña a particularidade de que imitaba un impreso de datos estilo os de inscripción a unhas oposicións, e quedaba xeitoso. Pero outros xogos como El Señor de los Anillos ou Runequest tiñan fichas moi áridas. Agora estílase que teñan deseños e debuxos, ou que alomenos teñan algunha referencia co xogo (a do xogo español de cine negro moderno sLAng, por exemplo, ten aspecto de ficha policial). En fin, a ver con qué xenialidade nos sae Víctor.
Por outro lado seguimos agardando a que dende Viñetas nos confirmen o día da presentación, así coma un par de entrevistas para falar un pouquiño do tema e dalo a coñecer.
Un dato curioso da quedada con Víctor foi poder coñecer a Kiko Da Silva, enfrascado na tarefa de ilustrar a Biblioteca de Pontevedra, que coñecía o noso proxecto. Convidados por el e ao redor duns refrescos puidemos falar un pouco de se Galicia estaba preparada para algo deste estilo, de qué difícil está todo, pero de cómo querendo e pelexando se poden sacar cousas adiante e poder "facer país" cada un ao seu xeito aínda que sexa cun só gran de area.
2 comentarios:
10, 9, 8, 7, 6, .... 3, 2, 1....Arriba e alá imos!!!! Como agardo esa data de agosto para ver Gáidil feito realidade!!!!
Moitos bicos
Esa obra non e un gran senon un bloque no caminho para facer pais.
Aledome de que haxa data para o xogo.
Publicar un comentario