17.7.06

O Relato (Novena e Derradeira Parte)

>>A ferida do ventre estaba moi aberta e o sangue fluía coma un regueiro. Conseguíu arrastrarse ó cumio do outeiro no que estaba; dende alí vía a loita de Irmán contra Irmán. Os corpos dos parentes caendo ó chan mortos e á Dana roubándolle-las almas coa súa furna maldita. Entón, xuntando as forzas que lle quedaban nun último esforzo extremo, tomou a súa Gaita, púxose en pé, inchou o peito co aire das Terras dos Scots e encheu o fol co seu alento.

>>Os guerreiros de Erinn que aínda sobrevivían na batalla, mil en total, os máis bravos e valentes de todos os que loitaran, que andaban espada contra espada uns cos outros, escoitaron incrédulos o cálido e inesquecible son dun fol de gaita cheo do alento do seu gaiteiro. Moitos estaban no medio dun golpe, pero naquel intre todos deixaron o que facían e miraron cara o outerio onde un home ferido tocaba unha frauta moi estrana que emitía sons nun doce ton.

>>Enton Angus Meic Nally comezou a move-los dedos no punteiro, formando os acordes dunha suave e lenta letanía que chegou ós corazóns dos descendentes dos fillos de Milé que alí había. Moitos viron entón o que fixeran, e choraban e caían de fuciños ó chan. Viron entón que estiveran na loita do Irmán contra o Irmán e que tiñan sangue de parentes nas súas mans e nas súas follas. E eses mil supervivintes viron que ergueran as súas armas contra os seus, e moitos que oían a canción do espertar que a “Tribo-dun-só-Home” interpretaba para eles dicían: “¿Oh, Asombrosa Gracia!”, “¡Oh, Gracia Asombrosa!”, e é ese o nome que esa letanía tocada para eles nas Terras de Scot tivo a partires de entón.

>>Co engano da Dana fóra das súas mentes, os mil guerreiros de Erinn, todos grandes señores e heroes de tódalas tribos, xuntáronse xunto o outeiro e alí choraron xuntos, pois o grande gaiteiro caera ó chan e morría ante eles. E entón a Dana lanzou ó seu exército. Miles e miles de Fomoriás guiados polos Señores Dananns cargaron contra os Mil de Meic Nally.

>>Estes, vendo o que se lles viña enriba, sorríronse uns ós outros, e desexáronse unhas mortes honrosas contra ese imbatible inimigo. Pero un gran aturuxo de guerra saíu de tras deles. Cos seu últimos alentos, Meic Nally berraba: “¡Unha reunión de reises sexa Tara! ¡Sexa Tara a colina das tribos! ¡AS TRIBOS DOS FILLOS DE MILÉ!”. E entón os Mil asegundáronlle berrando: “¡Morte ós inimigos dos Fillos de Milé! ¡Loor polos que coñecen o día da súa morte!” e cargaron correndo contra os Fomoriáns con berros e espadas ó vento, e a gaita de Meic Nally tocando para eles. E nese día coñeceron a victoria.

-¿Gañaron? ¿En serio?- dixo con bágoas nos ollos o neno.

-Dos Mil de Meic Nally que loitaron todos sobreviviron; dos máis de dez mil Fomoriáns que loitaron sobreviviron preto de setenta e cinco. Moitos Dananns morreron alí tamén. Incluso a Dana tivo que fuxir de novo. Onde, non o sei.

>>Polo que ós Fomoriáns respecta, voltaron a Erinn coan súas tribos baixo terra, onde continuaron sendo os amos. Dos Tuatha de Danann sábese menos; despois da invasión de Erinn e desta batalla pódese dicir que quedaron menos de cincocentos no mundo. A Dana colleu a súa furna de almas e desapareceu.

>>En canto ós Mil, tras días de loita contínua, venceron. Tentaron curar a Meic Nally, pero xa estaba morto. Só a súa vontade o mantiña neste mundo. E cando os seus Mil tentaron curalo, el dixo: “Non ten volta, morto son. Pero non temo á morte, pois non e máis que o tránsito da miña alma a Tara, onde os meus devanceiros están; e logo ei voltar onda vós neste mundo, para axudarvos a rescata-las almas dos nosos Irmáns que aínda están prisioneiras na furna dos Dananns. Só sodes mil, pero hanvos temer coma se fosedes mil milleiros, pois sodes os Milesios.”

>>Logo espirou. Os Milesios tomaron o seu corpo e lle rendiron homenaxes propias dun Rei de Reis. Logo xuraron fidelidade eterna, colleron a Gaita de Meic Nally e agochárona onde o mal non a puidese atopar e dispersáronse por toda a vertente Atlántica de Europa, dispostos a vixiar as terras ancestrais de Galicia, Erinn, as Terras de Scot, Gales, Britania e a Bretaña gala.

-¿E despois? –dixo o neno.

-A loita continua, meu neno. Os Milesios seguen nacendo, crecendo e loitando contra os servidores da Dana pola liberación das almas dos seus Irmáns. E continurá sendo así ata que tódalas almas sexan liberadas ou caia o derradeiro Fillo de Milé.

-E os Fillos de Milé seguen vivindo e morrendo –dixo o rapaz- e viaxando a Tara tra-la súa morte e retornando ó mundo dos vivos nacendo de novo para loitar contra os inimigos da súa xente.

-¿Xa che contara esta historia? –preguntou o avó sorrindo, coñecendo que a resposta era negativa.

-Nunca, pero, non sei; hai algo nela que... que...

-¿Sabes o que é un trisquel? –preguntou o avó botando a man a un peto.

-Non –respondeu curioso o neno.

-¿Sabes o que é isto?

O avó tiña na man un colgante de corda de coiro cunha pedra tallada. A pedra tiña un símbolo, e ese símbolo era unha esvástica de tres brazos curvos. O vello sorríu.

-Pero... pero... –e aínda que aquela era a primeira vez que vía algo así na súa vida, o neno non puido evitar dicir- pero... ¡Ése é o meu trisquel!




3 comentarios:

besbe dijo...

Eu tamén quero ser Filla de Milé. Xenial, o´breogan, Gáidil merece un bride.

elduende dijo...

Mmmm... ¿Así que o de "esperta do teu soño, fogar de Breogán" ía por esto? Xa dicía eu...

Agora en serio, coido que estiven eu máis enganchado a esta historia que o netiño.

Anónimo dijo...

You have an outstanding good and well structured site. I enjoyed browsing through it
» »